Artigos

Onte 705: A marcha de Andrés Túñez

A máis que probable cesión de Andrés Túñez, con quen esta tempada non conta Luis Enrique, é unha pésima noticia para o celtismo. Mentres o central zurdo de Bertamiráns collerá as maletas (quizais cara a Liverpool ou cara unha cidade española, equipos non lle han faltar), o adestrador asturiano procura no mercado atopar outro defensa do seu agrado. Unha tolería, unha decepción, un capricho, unha «mostra de autoridade» de LE que, fronte a querenza da afección, impón o seu «criterio técnico» apartando de Balaídos a quen foi unha das insignias celestes das últimas tempadas.  Imaxina alquén que Tata Martino fixese a súa chegada a Can Barça outro tanto con Piqué ou Carles Pujol? Unha decisión a do adestrador dificilmente xustificable como medida disciplinaria, xa que sabemos do rigor, profesionalidade e da serenidade do internacional venezolano tanto dentro coma fóra do terreo de xogo. Un «capricho técnico» que evidencia o carácter soberbio dun adestrador –non concede entrevistas aos medios vigueses– que, polo visto neste primeiro mes en Vigo, puxo o seu proxecto (e os seus intereses) sempre por diante dos da sociedade celeste. Non adoito ser agoreiro nin pesimista, mais con este comportamento de adestrador vedette, non é difícil agoirar dificultades no futuro, tanto se o Celta de LE funciona coma se fracasa. Agardo que o bo de Andrés Túñez, un rapaz moi riquiño e un futbolista magnífico, teña lonxe de Vigo o éxito que merece nunha tempada decisiva para a súa participación no mundial de Brasil, o que suporía un fito para a súa traxectoria deportiva e para a do conxunto do fútbol galego.

Onte 699: Celta, incógnitas de pretempada

Tras o partido de onte á noite na illa de Madeira, o Celta non despexou as incógintas  que arrastra ao longo de toda a pretempada. Daquela ilusión inicial provocada pola fichaxe de Luis Enrique pasamos á perplexidade pola dosificación dos silencios do adestrador agardando unha chamada de Can Barça e á actual preocupación pola ausencia de gol, un tanto en cinco partidos. Non se lle pode negar ao adestrador asturiano a súa teimosía por inculcar ao cadro celeste un patrón de xogo caracterizado por unha saída ordenada de balón e unha intensidade de presión sobre as tres liñas. Este Celta disciplinado, por fin, sabe a que quere xogar. Unha noticia esperanzadora.

Onte fronte ao Marítimo, Luis Enrique ensinou as cartas do que pode ser o seu once de referencia, ao que só lle faltaba Rafinha lixeiramente tocado. O resultado non me convenceu. A ausencia de Túñez, o primeiro «capricho» serio de Luis Enrique co cadro de xogadores (prefire como central zurdo a Fontás, un xogador da súa confianza persoal), fixo moi vulnerable a defensa nos balóns altos, como puxo en evidencia Cabral facilitando o único gol dos madeirenses. A eficacia do trivote de mediocampistas, no que se integra con total liberdade MKD, malogrouse coa lesión de Oubiña, xogador do que dependerá a capacidade de equilibrar tanto o ritmo de xogo e a estrutura de defensa e ataque como a responsabilidade da distribución sobre as parellas de laterais de balóns que faciliten a superioridade necesaria para que anote Charles. Botouse moitísimo a falta da maxia electrizante de Iago Aspas, que xa triunfa rotundamente en Liverpool, só en parte cuberta pola pelexa e creatividade de Nolito. A pesar de controlar o xogo de forma abrumadora, a derrota do Celta foi inapelable, sobre todo pola súa incapacidade para xerar algo que puidese ser considerado como intimidación atacante.

En resumo: este Celta de LE polo momento non ten gol, depende da presenza no terreo de Oubiña e prescinde caprichosamente dunha insignia celeste como é Tuñez. Polo visto nos catro encontros fronte aos rivais de entidade (ningunha vitoria), a defensa é máis ordenada e o ataque máis plano e previsible ca tempada anterior. Un balance de pretempada decepcionante para un equipo e para un adestrador chamados no campionato de liga a mellorar os resultados lonxe de Balaídos (a lacra do regreso a primeira) e a calidade e atractivo do seu xogo. Este primeiro mes de duro adestramento non despexou as principais incógnitas do proxecto de LE.  O vindeiro 19, diante do Espanyol chega a hora da verdade.

Campo do Fragoso CXXXV

AFOUTEZA

A pesar do que vexamos na táboa clasificatoria, apenas un posto por riba do pechacancelas, o Celta non está morto. Fronte ao Real Madrid amosou que o seu lume aínda alampea, que atesoura doses moi elevadas de afouteza e orgullo e mesmo algunhas valiosas alternativas tácticas para este treito decisivo da liga, os próximos tres ou catro partidos, no que pode ou quedar desenganchado definitivamente ou continuar pelexando deica o derradeiro alento.

Resino non fixo grandes modificacións no seu once inicial, apenas a entrada de Túñez, que fixo mellorar a toda a defensa, e a inusual colocación de Quique de Lucas como enganche, entre Augusto e Krohn-Dehli, aos que o toledano quere como extremos natos. Porén, dispuxo unha defensa en liña máis adiantada da que era adoito con Herrera, probablemente coa intención de desfacer o perigoso ataque dinámico dun Madrid que durante a primeira media hora quedou unha e outra vez en fóra de xogo. Esta exitosa variante defensiva, xunto a unha intensidade de inequívoca intencionalidade atacante incomodaron a un Madrid que tardou vinte minutos, si vinte, en chegar á porta de Javi Varas cun disparo frouxiño de Cristiano Ronaldo. Pola contra, durante este tempo o Celta estragou tres grandísimas oportunidades de superar a Diego López, o extraordinario gardameta da selección galega. Excelente durante os noventa minutos, pelexando con afouteza cada pelota con Pepe e Albiol, foi Iago Aspas quen dispuxo a primeira no minuto nove, cando xutou moi cruzado dende o recanto esquerdo da área, obrigando ao mangallón de López (un metro noventa e seis) a estricarse ao máximo e a desviar coas unllas  pelota a poucos centímetros do pau. Na seguinte xogada, foi Álex López quen recuncou cun soberbio pexegazo dende a frontal que permitiu lucirse ao porteiro de Paradela. Dez minutos máis tarde, sería Quique de Lucas quen enviou con moitísima intención, xusto ao ángulo dereito, unha dura falta de Pepe sobre Aspas, merecedora dun cartón.

A decoración mudou no derradeiro cuarto de hora da primeira parte, no que comezou a funcionar o ataque dinámico visitante, sobre todo cada vez que o balón chegaba ás biqueiras de Benzema, o único dianteiro madridista capaz de superar a defensa celeste polas bandas. Con todo, sería Cristiano quen enviaría un remate ao pao tras outro centro excelente do internacional francés e Callejón quen estragaría un man a man con Javi Varas, na que foi a mellor oportunidade do seu equipo durante o primeiro período. Tras a reanudación, o Madrid coa incorporación no medio do campo de Xabi Alonso gañou en orde e rouboulle o balón aos nosos. O Celta comezou a zumegar tinta. Marcelo avisou aos dez minutos cunha subida que estragou guindando o balón á grada de gol. Mais catro minutos despois, Cristiano non perdoou, aproveitando de potra un rexeite do porteiro na área pequena, tras un xute de Callejón. Marabilla foi que o Celta se sobrepuxese decontado, marcando Iago dous minutos máis tarde, aproveitando un pase de Bermejo, que acabara de entrar. Un remate do astro de Moaña case a cámara lenta, nunha posición complicada, ao que semellaba podería chegar Diego López, mais que entrou para a ledicia nosa.

Co empate no peto, o Celta recuperou a iniciativa, procurando un segundo tanto. Puido conseguilo Iago nun pexegazo que López parou in extremis. Mais foi unha xogada desgrazada, cando mellor estabamos, á que estragou un partido moi notable dos nosos. Javi Varas chegou tarde a un balón doado e derrubou a Kaká. O penalti transformado por Ronaldo pechaba as nosas grandes esperanzas. Con todo, aínda puidemos e debemos empatar cando faltando un minuto, Park toqueou ao longueiro un centro magnífico de Pranjic.  Poucas veces nesta tempada quedamos tan chafados. A afouteza do Celta non merecía esta derrota.