Listado de la etiqueta: ana_guerra

Onte 2078: «A tartaruga Amodovou» de Paula Carballeira e Ana Seixas

A tartaruga Amodovou (Oqueleo 2019), texto de Paula Carballeira e ilustracións de Ana Seixas, amosa que é posible ofrecer dende as coleccións de lecturas graduadas grandes títulos da categoría dos chamados «imprescindibles» para a formación lectora. Ese foi o vieiro principal que percorreu a LIX Galega dende hai tres décadas, mais que a actual idade de ouro do álbum ilustrado non debería minusvalorar de forma ningunha. Por ventura nos catálogos de Merlín e Sopa de Libros de Xerais, de Árbore de Galaxia ou do Barco de Vapor de SM atopamos varias ducias deses títulos de sempre, que non perderon interese. Semella que esa pretende ser tamén a estratexia pola que apostou Santillana coa creación do selo ou colección Oqueleo promovido por dúas das nosas grandes editoras, Ana Guerra e Irene Penas, no que xa atopamos títulos tan excelentes e recoñecidos como este de Carballeira e Seixas, Premio Gala do Libro galego 2020 ao mellor libro infantil, ou como O xeito das froitas de María Reimóndez, que esta semana recibiu o Premio Frei Martín Sarmiento ao mellor libro para 3º e 4º de Primaria.

Enguedelloume o texto de Paula Carballeira sobre esta tartaruga que vai devagariño, o que non lle impide ter a intención de percorrer o mundo enteiro para gardar a memoria das paisaxes, dos sons e das súas palabras. Un relato oral de animais, como a Carballeira e a DoCampo máis lles prestaba, concibido para ser contado no escenario e recreado de forma visual no formato libro. Velaí o papel das ilustracións de Ana Seixas concibidas coma se de iconas xeométricas de cor se tratasen, o que facilita e enriquece a lectura do que para que para algúns lectores pode ser un dos primeiros libros que conquisten de forma autónoma.

Amodovou, sempre devagariño, de moza escapará de paxaros tolos como pardais, pegas, merlos e bubelas, e cruzarase despois con moitos outros animais e algún ser humano, mais nunca perderá o seu propio ritmo, a súa forma de estar no mundo ao longo da súa vida longa. Un conto breve de toda unha vida, do nacemento á vellez desta tartaruga que viaxa por terra, mar e aire. Construído como unha fabula contemporánea, aborda o valor das cousas importantes: a amizade, a vontade de sermos e superarmos, mesmo cando temos que recuar un chisco para reemprender o camiño; o interese por acometer aprendizaxes novas e compartilas con outras persoas; o valor da solidariedade e da unión nos momentos decisivos para camiñar nun mundo sen espiñas e fronteiras.

Percibín n’ A tartaruga Amodovou o recendo dos contos clásicos para o primeiro lectorado autónomo, presente nalgúns dos primeiros títulos da colección Merlín de sete anos en diante, publicados hai case tres décadas, como Rata linda de Compostela (1994) de Bernardino Graña, Rimas con letra (1991) de Gloria Sánchez ou A cidade dos desexos (1989) de Agustín Fernández Paz, libros que tanto contrubuiron a refundar o conto literario galego para crianzas dende o piar da oralidade e do xogo rodariano. Paula Carballeira é unha mestra nesa angueira como demostra neste libro rotundo e fermoso que recomendo con entusiasmo (tamén ao lectorado das persoas maiores, como metáfora de vida longa e plenamente vivida).