Listado de la etiqueta: alquimia

Onte 1297: «A estirpe do dragón», o novo Dragal de Elena Gallego

Dragal_IV_Pontevedra_16-04-2015

Pablo García Freire responsable do blog Lectureka, fixo onte en Pontevedra unha gran presentación da cuarta entrega da saga Dragal de Elena Gallego. O xove lector vigués cualificou A estirpe do dragón «de pura maxia, sen dúbida, a mellor das  catro novelas de Dragal». «A estirpe do dragón presenta unha pronunciada evolución con respecto a anteriores entregas da saga; non tanto argumentalmente (que tamén), como na construción da historia, dos personaxes, dos seus sentimentos e reflexións, sendo unha novela sorprendentemente completa que, como era de agardar, mantén ao lector pegado ás páxinas dende o minuto un, demostrando o característico dominio do suspense, ligado a todas as obras de Elena Gallego, que a base de capítulos curtos consigue unha fluidez e unha perfecta transición entre cada capítulo, de xeito que as horas pasaron e trescentas páxinas despois, ás tres da mañán, segues tan fascinado coma na primeira.»

XG00234801Na súa intervención Elena Gallego confesou que «o reto máis grande desta cuarta entrega de Dragal fora escribir a primeira liña da novela, “A sombra do dragón…”, que como non podía ser doutra maneira é idéntica á das anteriores.» «A estirpe do dragón é a primeira entrega da segunda das tres triloxías que teño previstas para Dragal. Aínda hai moito Dragal por diante. Teño moitas cousas que contar.» «Nesta cuarta entrega non hai unha soa trama, ha varias. están presentes os problemas no instituto e nas familias, mais tamén hai maxia e alquimia, e a presenza de varios dragóns, xa que conforman unha fraternidade. Tamén quixen introducir o tema dos libros prohibidos e doutros códices como o Da Vinci, xa que me interesaba atopar un inimigo importante, poderoso. Esa é a razon pola que aparece a inquisición que persegue aos dragalianos.» Reiterou Elena Gallego a importancia da documentación en toda a serie. «Todos os datos históricos que aparecen en Dragal son certos, mesmo algúns que semellan coincidencia da ficción.»