Artigos

Campo do Fragoso CLIX

fundido-1FUNDIDO

Por moito que doa recoñecelo, o Celta chegou fundido á parada invernal. Tras un comezo de tempada marabilloso, onde amosou un nivel físico ideal, unha óptima concentración táctica e unha capacidade goleadora moi elevada, o cadro de Eduardo Berizzo foi perdendo fol até amosar de forma dramática as súas feblezas nos tres últimos partidos en Balaídos diante de rivais que se presentaban como teoricamente inferiores. Tras a proeza histórica no Camp Nou do día de santos, o Celta caíu nun profundo devalo na eficacia do seu xogo que, a pesar da súa envexable posición na táboa clasificatoria, mais ollando con realismo ao calendario do vindeiro mes de xaneiro, non convida a optimismo ningún.

Fronte ao Deportivo Almería, os seareiros celestes tivemos a impresión de asistir a un encontro que xa víramos co Granada e co Eibar. Unha abrumadora posesión da bóla, probablemente de máis do 75 %. Incontables saques de recanto, executados de forma rutineira, sen apenas variantes. Unhas cantas ocasións de gol estragadas, mesmo co coiro batendo nos paus. Un dominio tan abrumador coma ineficaz, xa que todo o partido naufragou tras o erro colectivo dun contraataque visitante que a cobertura celeste non soubo evitar. Así roubou o Eibar a carteira ao Celta, tras un tanto de Manu del Moral, á media hora de xogo. Así tamén o fixo un pobrísimo Almería que na súa primeira xogada de ataque, tras un erro de Krohn-Dehli na cobertura defensiva dun saque de recanto, marcou o seu gol de auténtica potra, contando coa colaboración involuntaria de Fontás enviando ás redes o seu torpe despexe. Unha xogada fatídica, froito dun lamentable erro colectivo celeste, no que participaron até catro xogadores, que transcorrido apenas un cuarto de hora enterrou toda a intensidade dun Celta que saíra a liquidar o partido pola vía rápida. A partir de aí, coma tamén sucedera co Eibar e co Granada, o Celta non tivo imaxinación nin fortuna para atopar a fenda que fendese a muralla andaluza.

Como tamén sucedera nos partidos anteriores, o Celta perdeu unha marcha e a esa menor velocidade transformouse nun equipo moi previsible, cunha saída de balón lenta, incapaz de crear superioridades. Unha situación á que non parece allea o baixón físico que sofren algúns dos seus xogadores esenciais, como Radoja ou Krohn, ou a baixa forma alarmante dos laterais da canteira ou de Fontás e Augusto, nalgúns momentos moi desacertados. Só as cabezadas de Cabral, o venres o mellor dos nosos, como as aparicións intermitentes de Orellana rachaban co ton gris no que se instalou o xogo celeste. Tras a reanudación, cando un saque de falta de Orellana bateu no longueiro e as incorporacións de Álex López e Nolito deron por fin sentido ao ataque polas bandas, a remontada semellaba inminente. Porén, tras o penalti errado (de forma inexplicable) por Nolito, o partido quedou pechado. A partir destoutro erro os nosos volveron quedar fundidos e Balaídos enmudeceu durante uns poucos minutos, como adoita facer cando o equipo recibe unha forte mazada.

As dúas derrotas recentes en Balaídos, como as cinco xornadas consecutivas sen marcar, obrigan a baixarnos da nube de entusiasmo e da fantasía europea na que vivimos instalados até comezos de novembro. Hoxe recoñecemos a este Celta como un equipo moito máis fráxil do que aparentou. Xaora, non estaría de máis aproveitar o nadal para que o cadro de xogadores collese acougo e recuperase alento, para que o cadro técnico reflexionase sobre a orixe dos seus fracasos recentes e para que os responsables do club intentase dentro das posibilidades dun modesto tapar algún buraco. Por ventura, a comodidade na táboa permite afrontar con tranquilidade esta primeira crise da tempada do que hoxe é un equipo fundido.

Onte 951: Formidable Celta

Nolito_Almaeria_20-04-2014Tras un partido formidable, o Celta acadou onte en Almería os 40 puntos da «permanencia virtual». Tras gozar da fortuna de non ser goleados nos magníficos dez minutos iniciais dos andaluces, os de Luis Enrique deron unha lección de xogo asociativo, fose polos catro goles de fermosa fasquía coma pola cadencia que Krohn Dehli e Orellana imprimiron a un equipo capaz de debuxar na lameira toda clase de liñas interiores, curtas e longas, verticais e oblícuas, procurando sempre a superioridade decisiva. Outro recital lonxe de Balaídos.

Probablemente, a clave da vitoria estivo nun terceiro gol extraordinario, nacido no medio do campo da biqueira de Hugo Mallo que trazou un marabilloso pase interior vertical, recollido en carreira por Orellana que, tras superar ao defensa, centrou sobre o segundo pao, onde chegaba Nolito para xutar cruzado sobre o interior das redes. Fermosos foran xa os dous primeiros goles, tanto o primeiro, tamén do goleiro gaditano, nacido dun cano de Rafinha na área rival, coma o segundo de Charles, xerado tras unha combinación de Nolito e o internacional chileno, senllas xogadas que é doado adscribir ao eido das Belas Artes.

O mellor do Celta de Luis Enrique é a confianza nas súas propias posibilidades, esa capacidade para sobrepoñerse na lameira ás adversidades da táboa de marcas, sen por iso renunciar a súa concepción teimosa do xogo asociativo. Ao longo de toda a tempada, o Celta sóubose o que é, un equipo humilde, construído por unha combinación entre canteiráns, internacionais e veteráns, que loitou con convicción por acadar un obxectivo realista, apenas o da continuidade entre os mellores. Aí reside o éxito indubidable desta campaña na que recunca na primeira categoría sen moitos agobios e cun xogo excelente, sobre todo, fóra da casa. Dificilmente podemos pedir máis os celtistas.

Campo do Fragoso CXIX

PARTIDAZO

A matinal do domingo fronte ao Almería foi un partidazo memorable, un dos mellores encontros de segunda división que lembramos sobre a lameira do Fragoso. Un partidazo tanto pola vitoria, que consolida ao Celta nos postos de ascenso directo, como polo axustado e avultado marcador entre dous equipos que querían os tres puntos e nunca deron o seu brazo a torcer. Unha marabilla para os 16.000 celtistas, o dobre do que é adoito, que saíron botando foguetes de entusiasmo, un aliciente para que repitan nas vindeiras e decisivas xornadas de primavera. Debemos recoñecer que o Almería de Lucas Alcaraz foi claramente superior ao Celta durante a primeira parte, o mellor equipo que pasou até agora por Balaídos, amosando argumentos moi serios para formar parte dese grupiño de escollidos a loitar polo ascenso directo. Os andaluces saíron coma un ciclón, forzaron tres saques de recanto nos tres primeiros minutos e adiantáronse no nove, grazas a un cabezazo do pichichi Leo Ulloa, quizais en fóra de xogo, tras un saque rápido de falta que pillou despistada á defensa nosa. No obstante, o Celta desta tempada está afeito ás remontadas e conseguiu empatar ao minuto seguinte grazas a un rexeite moi ben aproveitado por De Lucas, tras unha fermosa apertura de Orellana pola banda esquerda. Nivelado o encontro, durante o seguinte cuarto de hora, o xogo desenvolveuse de forma trepidante en ambos os dous campos, o que non beneficiaba ao Celta, xa que Oubiña e Álex non podían controlar o ritmo de xogo. Os andaluces conseguiron ir aseñorando o partido, sobre todo cando conseguiron volver a adiantarse no marcador por medio dun gol moi bonito de Ortiz. O Celta durante este período foi incapaz de inquedar ao veterano Esteban, resentíndose das ausencias de Aspas e Joan Tomas, os xogadores que hoxe por hoxe posúen maior pementa combinativa nos espazos centrais dos tres cuartos atacantes. Porén, na segunda parte o Celta amosou que esta tempada ten alma e vontade de seu, ademais dun banco do que tirar moito partido. Herrera gañoulle a partida a Alcaraz nos trocos. En dez minutos de xogo vibrante o Celta foi quen de darlle a volta á tortilla. Primeiro cun cabezazo de Bermejo, rematando un saque de falta medido de Quique; logo cun pexegazo de Joán Tomás, que acababa de entrar na lameira, enviando a rede un extraordinario servizo de Roberto Lago. Con case media hora por diante, o Celta xogou uns minutos maxistrais, de auténtica tolería. Tocando e tocando até atopar a superioridade. Oier secaba a Ulloa, Roberto Lago subía, Borja temperaba, Álex distribuía, Joán Tomás suturaba paredes e axudas con todos e Bermejo, coma Atlas, apandaba o equipo todo as súas costas. A ningúen podía estrañar que nese contexto o noso nove natural, volvese marcar, o cuarto cando faltaban dez minutos, outra vez cun cabezazo rotundo, tras outro saque de falta. Porén, este partidazo non estaba nin moito menos pechado, xa que dous minutos despois os de Alcaraz non se dobregaron e marcaron o seu terceiro, tras unha xogada moi ben cosida dende a defensa. Cun 4-3 nas pantallas, os derradeiros minutos foron épicos, emocionantes, un combate extenuante que finalmente se resolveu a prol de quen dispuxo de máis talento e acougo. Si señor, este Celta conta con máis serenidade e máis gol ca tempada anterior (na que, cómpre lembrar para non emborracharnos de entusiasmo, na mesma xornada ocupaba o liderato con dous puntos máis ca agora). No entanto, esta racha extraordinaria de dez xornadas de gloria pode alongarse e levalo este 2012 máis lonxe. Cómpre continuar co traballo paciente ao coidado de Herrera. Vindeira estación: Pucela.