Souben esta mañán do pasamento do meu admirado José Luís Cuerda, un home cabal e un cineasta sensible e acedamente retranqueiro. Hai pouco mais dun ano dedicáballe un agarimo nestas brétemas a raíz de Tiempo después, o que será a derradeira liña dun catálogo selecto dunha ducia de películas. Coñecino hai quince anos nunha presentación en Ourense, serán no que me entusiasmou a forma como rendeu tributo á educación como transmisora de talante crítico e como criticou o que bautizou como «sociedade do espectáculo e da percusión».
A Cuerda dediqueillo outros dous textos, un artigo publicado o 10 outubro de 1999 en Faro de Vigo, con motivo da estrea d’ A lingua das bolboretas, e outro en novembro de 2006, tamén a raíz da mesma película, con motivo dunha intervención miña na Semana pola recuperación da memoria histórica de Navia.
Recupero agora o texto de 1999 publicado en Faro de Vigo, baixo o título «A escola das bolboretas», e expreso a miña admiración por Cuerda, tamén, como a aquel don Gregorio (de Manuel Rivas), mestre das bolboretas:
Emocioneime moito con A lingua das bolboretas, a película de José Luís Cuerda que recrea textos de Qué me queres amor?, o libro co que Manuel Rivas obtivo o Premio Nacional de Narrativa. Rivas ten razóns de máis para estar satisfeito, xa que a habilidade do guionista permitiu tecer moi sutilmente os seus contos, sen que a penas se noten as costuras destas tres historias que comparten unha mesma atmosfera galega de melancolía realista. A película, filmada toda ela en escenarios de Allariz e Pontevedra, consegue emocionar tanto como os textos de Rivas, xa que tralos ollos de Monchiño –o Pardal de seis anos que foxe do seu niño familiar da man de don Gregorio, o mestre a piques de se xubilar que lle aprende a importancia do silencio e da lectura– vemos un mundo que se desintegra moralmente, por mor da intolerancia e do fanatismo relixioso.
Don Gregorio, interpretado por Fernando Fernán Gómez, representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta.
Na escola das bolboretas non se pegaba, nin o mestre berraba. Non había vara de vimbio para azoutar a aqueles que non sabían. Moi ao contrario, don Gregorio sempre sorría coa súa cara de sapo e empregaba as súas verbas –agarimosas, seductoras e entusiastas– coma poderosas lentes que achegaban aquilo que estaba tan lonxe. Verbas lentes que permitían coñecer o tilonorrinco, un paxaro que vivía en Australia e pintaba de cores o seu niño cunha especie de óleo que fabricaba con pigmentos vexetais. Verbas lentes coas que os rapaces descubrían que as patacas e o millo viñeran de América e coas que viaxaban sobre o mapamundi coa mesma fascinación dunha película. Cando don Gregorio se anoxaba, calaba buscando nese silencio prolongado, desacougante, que os seus alumnos sentisen como eles mesmos eran os que debían buscar a solución ó seu conflicto.
Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública. Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de cómo o saber posúe un poder redentor para as persoas.
A película é crónica do fracaso deste modelo escolar, desta utopía pedagóxica destruída pola barbarie da intransixencia que levou, só en Galicia, a que corenta profesores –entre eles os tres socialistas vigueses Apolinar Torres López, Víctor Fraiz Villanueva e o seu fillo Julio Fraiz Castellanos– pagasen coa súa vida polo único feito de ser coma don Gregorio. A lingua das bolboretas é unha homenaxe para eles e para os dous mil profesores republicanos galegos sancionados, represaliados ou trasladados, que forman parte da memoria de tódolos educadores progresistas de hoxe.
Esta é unha película que os mozos e as mozas de hoxe non poden perder. Propoño que os seminarios de lingua galega dos institutos da cidade organicen pases especiais para que tódolos alumnos e alumnas poidan vela. Reflexionarán e conmoveranse, que non é pouca cousa nos tempos que corren.