Listado de la etiqueta: agrupación_artística_de_vigo

Cantares no Miñor

No artigo da semana no Faro de Vigo volvo sobre o centenario dos coros tradicionais galegos e o festival Cantares no Miñor.

cantares_no_miñor_2015

O pasado 7 de marzo celebrouse no Auditorio de Afundación de Vigo (que debería recuperar o seu nome popular de “Rosalía de Castro”) Cantares no Miñor, o cuarto encontro anual de Coros Tradicionais organizado por Cantares do Brión, a agrupación musical creada hai seis anos no Centro Cultural de Vincios de Gondomar. Un serán memorable para a música galega de raíz no que, ademais dos organizadores, participou o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol que o 29 de maio celebrará o centenario do seu primeiro concerto baixo a dirección de Manuel Lorenzo Barja.

Ao longo das máis de dúas horas de concerto, tanto durante a interpretación do repertorio clásico de Toxos e Froles, con temas como “Negra sombra” de Xoán Montes, “Os teus ollos” de Castro Chané, “A escala” de Pascual Veiga, coma no máis renovador de Cantares do Brión, con pezas como “Has de cantar” ou “Casto Sampedro”, composicións máis recentes do seu director Pablo Rial Salgueiro, incluídas no seu disco “Arruídos” (2014), percibimos a recuperación da tradición dos festivais musicais galeguistas e do espírito expansivo e agarimeiro que estas agrupacións corais mantiveron contra vento e marea durante un século.

Unha tradición que tivo a súa orixe en 1883 en Pontevedra seguindo o modelo acuñado polo boticario Perfecto Feijóo Poncet (o famoso dono do loro Ravachol) na agrupación Aires d’a Terra coa pretensión de dignificar as músicas aldeanas, no marco da recuperación do folclore. Patrón de enxebreza musical que deu pé ao nacemento de agrupacións semellantes noutras localidades galegas durante a segunda década do século XX, coincidindo co desenvolvemento das ideas galeguistas que levarían en 1916 á creación das Irmandades da Fala.

Son os casos de Toxos e Froles (1915) en Ferrol e de Cántigas e Aturuxos (1915) en Lugo, a agrupación nacida na Juventud Antoniana e dirixida polo violinista Xesús Rodríguez Fernández, a quen se lembra no seu centenario coa publicación dun libro cedé (Ouvirmos 2015) de Ramón González González, no que se inclúe vinte das súas gravacións, entre as que se atopa a primeira do himno galego realizada en 1918 pola Compañía del Gramófono de Barcelona. Coros pioneiros aos que seguiron outros como Cántigas da Terra (1916) na Coruña, que por ventura mantivo o seu pulo ininterrumpido até hoxe; Foliadas e Cantigas (1916) en Pontevedra; Agarimos da Terra (1916) en Mondariz; Agrupación Artística de Pontevedra (1917); Queixumes dos Pinos (1917) en Santiago; Agrupación Artística de Vigo (1918); Coral de Ruada (1918) de Ourense, Cantigas e Agarimos (1923) de Santiago e Cantigas e Frores (1948), tres agrupacións estas últimas que aínda manteñen a súa actividade.

Todos estes coros tradicionais, que coincidían decote en festivais que se celebraban en teatros (como o desaparecido Tamberlick de Vigo ou o Teatro Circo de Lugo) ou mesmo en prazas de touros como a da Coruña, respectaban patróns comúns. Un repertorio vinculado ás formas da música tradicional de noso: alalás, foliadas, muiñeiras, pandeiretadas, cantos de arrieiro…; a utilización habitual da lingua galega e de instrumentos tradicionais, incluídos os diatónicos (gaita e zanfona); a introdución de anacos de pezas teatrais, de zarzuelas galegas, así como de actuacións de danza tradicional, coidándose o emprego de decorados e iluminación axeitada; o coidado do vestiario tradicional dos participantes; a exaltación dos símbolos nacionais (himno e bandeira) foron os compoñentes principais dunha fórmula coral e asociativa que circulou de forma exitosa durante as tres primeiras décadas do século pasado nos escenarios galegos e tamén nos de alén mar, xa que como sinala a historiadora Lorena López Cobas, “ofrecía ao público emigrante a posibilidade de rememorar a súa terra natal por medio de música familiar e de recreación medioambiental”.

A posta en valor desta tradición musical de fachendosa enxebreza (música, lingua e traxe de noso) é a razón de ser de festivais como Cantares no Miñor e de publicacións e exposicións dedicadas ás agrupacións que neste e nos vindeiros anos celebran o seu centenario. Unha proeza da teimosa vontade galeguista que merece ser recoñecida no marco da grande celebración nacional que o vindeiro ano debe supoñer o centenario das Irmandades da Fala. Unha fórmula musical da nosa tradición que merece ser anovada como pretende Cantares do Brión, a agrupación de sesenta persoas presidida por Xosé García Crego, que dende o seu nacemento incorpora novas composicións contemporáneas ao repertorio tradicional. Anceios aos que non son alleos os afáns do seu director e do resto dos seus compositores. Unha aparición a do coro miñorano que está reilusionando e contaxiando de novos azos a todo o movemento coral tradicional galego. Merecidos parabéns!