Coa chegada do verán é aínda máis doado comprobar o estado agonizante do aeroporto de Peinador, pola perda de frecuencias, a deteriorización da calidade dos seus servizos e o incremento do prezo dos billetes. Incapaz de competir coas axudas públicas que reciben algunhas das compañías que operan nas terminais da súa contorna, tanto as galegas (Alvedro e Lavacolla) como a portuguesa (Sa Carneiro), o aeroporto vigués no último ano, coa perda do 15% dos seus usuarios e o 50% das súas mercadorías, retrocede a cifras de tráfico de hai máis dunha década.
Unha situación aeroportuaria agravada pola falta dunha alternativa ferroviaria competitiva que permita ao máis do medio millón de persoas da área metropolitana viguesa viaxar fóra da nosa comunidade nunhas condicións de prezo, tempo e comodidade atractivas. Como a pasada semana puiden comprobar en carne propia, o novo traxecto de mañán do tren Alvia a Chamartín leva sete (longas) horas (con máis de media hora de atraso sobre o horario previsto), mentres o tren-hotel nocturno supera as nove horas e media. Sen esquecer que en calquera destas dúas alternativas a duración do traxecto entre Vigo e Ourense supera as dúas horas. Viaxes interminables, agotadoras, moi dificilmente recomendables para utilizar na actividade laboral ou como alternativa de interconexión con outros traxectos.
Hai razóns abondas, polo tanto, para a indignación da cidadanía viguesa sobre a situación do seu aeroporto, como é doado comprender o chamamento para manifestala que o alcalde e o seu equipo de goberno realizaron convocando unha concentración na Porta do Sol no serán do vindeiro mércores.
Mais non seriamos xustos se considerásemos a precariedade de Peinador como o primeiro problema da nosa área metropolitana e o chamamento do goberno municipal vigués como unha iniciativa política inocente. Peinador é apenas un síntoma dunha doenza máis grave (e dolorosa), a da falta dun proxecto estratéxico vertebrador de Vigo e a súa área metropolitana, no marco de Galicia, do noroeste peninsular e da fachada atlántica europea. Unha carencia, que arrastramos ao longo das tres últimas décadas, á que non é allea nin o escasísimo peso da clase política viguesa en cada un dos seus partidos nin a ausencia de modelos estables de xestión e liderado das principais institucións metropolitanas e municipais. Cómpre recoñecer de vez que Vigo ten dificultade de traducir o dinamismo e as iniciativas dos seus empresarios e traballadores (nos sectores máis diversos, dende os industriais, até os comerciais, artísticos e culturais) en proxectos e liderados políticos facilitadores e estruturantes. Un problema que ten moito que ver co fracaso das súas elites e a carencia de institucións facilitadoras do encontro e da confrontación cívica. Peinador agoniza e o porto de Vigo perde tráficos (mesmo de cruceiros, que gaña o porto da Coruña) e a súa posibilidade de ser declarado porto nodal europeo, a consecuencia da falta dun plan integral de transportes, unha desas políticas estratéxicas, deseñadas a longo prazo e compartidas por unha ampla maioría política e social. Úrxenos contar cun mapa estrátexico para integrar o territorio galego, ás principais infraestruturas e a reforma das nosas administracións e servizos públicos. Eis a cerna de boa parte das nosas doenzas.
O primeiro problema da área metropolitana é o desemprego, que xa afecta a unha de cada catro persoas. Como a primeira angueira de toda a nosa clase política e das nosas forzas sociais e colectivos veciñais ten que ser agora como facerlle fronte á crise do sector naval, ameazado de morte pola aplicación da tax-lease, que supoñería a súa liquidación definitiva. Como tampouco debería ser menor o seu interese por contribuír a procurar unha saída para Pescanova, a nosa primeira empresa transnacional, como para achegar unha saída xusta para os milleiros de preferentistas estafados no seu día pola caixa de aforros.
Co Partido Popular de Vigo sen candidatura para o Campo o de Granada, pagando en Santiago e na Coruña ás subvencións millonarias que non quere para o aeroporto de Vigo; co BNG automarxinado e fanado na súa iniciativa municipal polo seu apoio orzamentario, a ninguén pode estrañar que Abel Caballero, cómodo e en solitario, mobilice a indignación cidadán procurando, coma nun xogada de billar a tres bandas, a carambola da soñada maioría absoluta. No entanto, sexa cal fose a saída ao problema do Peinador agonizante –descoñecemos as alternativas de cada un dos partidos, máis alá da posibilidade de pagar ás compañías a fondo perdido (o que non semella moi xusto), o Vigo (necesariamente metropolitano) debe recuperar o seu proxecto estratéxico. Mentres non o faga, temo que continuaremos mesturando allos con bugallos.