Onte 2096: «A lavandeira de San Simón», comezo de Pequena Memoria
A publicación d’ A lavandeira de San Simón, texto de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores, que abre a colección Pequena Memoria de Xerais, supón un fito tanto para a historia da edición galega como na causa da memoria, a da recuperación das voces silenciadas, ocultas, exiliadas e castigadas da historia. Seguindo o fío temático que Eva Mejuto iniciara na novela Memoria do silencio (Xerais, 2019) e de precedentes como Mexique. El nombre del barco (Libros del Zorro Rojo 2017), Mejuto e Gregores artellan un relato dende a voz e a ollada de Teresa, unha rapaza filla dun desaparecido e dunha lavandeira que viaxa cada mércores á Illa de San Simón a levar a roupa limpa e unha empanada a algún dos alí encarcerados. Unha historia que empregando os recursos visuais da linguaxe do álbum ilustrado dá voz ás crianzas como vítimas invisibilizadas daqueles días de horror.
Un relato dirixido ao público infantil que homenaxea á rede de solidariedade tecida por unhas mulleres anónimas e afoutas, as lavandeiras ou madriñas, que se arriscaron a axudar aos presos da Illa de San Simón ou do buque Upo Mendi, fondeado na ría e utilizado tamén como cárcere, persoas que elas na súa maior parte descoñecían (procedentes en boa parte de Asturias) e que non cometeran máis delito ca defender a República e os seus valores.
Historia das lavandeiras, rescatada por investigadores e escritores redondeláns como Gonzalo Amoedo, Carlos Antuña Souto e J. Ángel Xesteira, e pola asociación de mulleres A Xanela de Redondela, na que Mejuto e Gregores apostan por dotar dunha forte pegada visual, combinando o primeiro plano coas imaxes panorámicas cenitais ou de grande angular, coa intención de crear a atmosfera de terror dunha historia entrañable narrada en clave íntima. Texto e imaxes complementadas pola documentación fotográfica das gardas e por un coidado texto informativo publicado como epílogo, estendido no espazo web creado por Mejuto, que permiten ao lectorado novo coñecer o que foi un dos episodios máis heroicos da guerra civil en Redondela.
Recomendo vivamente esta primeira e tan prometedora entrega da colección Pequena Memoria, un proxecto editorial que pola súa calidade temática, formal e editorial constitúe unha das achegas máis destacadas da lix galega dos últimos anos. Parabéns ás autoras e á editora.