Listado de la etiqueta: 17_regras

Odio ao fútbol moderno

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á polémica das faixas das agrupacións de seareiros como expresión do Odio ao fútbol moderno:

O silencio estremecedor da bancada do estadio municipal de Balaídos durante a primeira media hora do partido do Celta e o Deportivo Alavés agoiraba o que máis tarde sucedeu, a derrota do cadro sen compás de Antonio Mohamed e a probable destitución do confundido adestrador arxentino incapaz de saír da súa poltrona. Silencio que expresaba a contundente protesta das peñas celtistas á prohibición do club (avalada pola Liga de Fútbol Profesional) de colocar as súas faixas sobre os muros da grada de Marcador, un costume cunha orixe superior ás tres décadas, cando se formaron as primeiras peñas celestes contemporáneas. Xaora, chegado o minuto 27, os peñistas ocuparon as súas localidades e despregaron sobre os muros publicitarios as faixas do Colectivo Nós, Centolos celestes, Comando Celta, Carcamáns, Merlegos Celestes e da peña Afouteza, mentres coreaban «Nós somos o celtismo» e «Tebas vaite xa», un apupo clásico no Campo do Fragoso.

Comportamento afouto e rebelde dos peñistas de Marcador, que durante a semana emitiron un comunicado no que lamentaban que por razóns estritamente comerciais as súas «faixas, algunhas con décadas de partidos atrás [e miles de quilómetros acompañando ao equipo], non teñen un oco na bancada do vello e inseguro Balaídos» e no que expresaban o seu «odio eterno ao fútbol moderno» e a súa convicción de que «os seareiros importamos xa moi pouco neste negocio no que converteron unha cousa tan fermosa como era o fútbol». Lamento no que chove sobre mollado nun club como o celeste torpe na súa relación cos seus abonados aos que cada nova tempada ofrece moi escasos alicientes de fidelización ou sequera de agarimo, cando non un trato abertamente hostil como o que os peñistas critican estes días. Actitude que, xunto aos horarios rocambolescos dos partidos (tantas veces en venres e luns ás 21:00 horas) explica as cada vez máis pobres entradas no municipal do Fragoso, ás que ao club moi pouco semella importarlle.

E se isto xa non abondase para o escarnio dos celtismo, na súa guerra persoal contra o alcalde de Vigo (visualizada no palco de forma patética en cada partido), o propietario do club utiliza como arma a posibilidade de abandonar o municipal de Balaídos, estadio bautizado por Mouriño co nome dunha entidade bancaria durante dez anos, acolléndose a unha interpretación moi xenerosa do convenio asinado co concello que lle deixa ao club a explotación publicitaria, o que xustifica polo «impulso económico que supón para o Celta». Ameaza repetida hai apenas uns días por medio dun burofax enviado á corporación municipal anunciando a súa intención de construír un novo estadio en propiedade, a pesar de que o concello e a deputación continúan co seu xeneroso proxecto da reforma integral do vello municipal, o que fai aínda máis enigmático o comportamento presuntouso da primeira Sociedade Anónima Deportiva viguesa, que semella cada vez máis afastada da súa masa social e do proxecto colectivo do Vigo metropolitano. Sen descartar que en calquera momento, sobre todo se non acompañasen os resultados deportivos, o que tras o inicio desta tempada non é descartable, se volva manexar como noutrora a posibilidade da venda do Real Club Celta SAD a capital foráneo, como xa ten sucedido a outros clubs da Liga de Fútbol Profesional.

Comportamentos do propietario do Celta propios do fútbol moderno onde o interese e a rendabilidade económica da SAD prima sobre calquera outra circunstancia deportiva ou social, onde a xenerosidade da cultura do «fair play» (as famosas 17 regras do Código de Cambridge, orixe do fútbol moderno) queda reducida á interpretación dos árbitros do VAR e a presenza dos seareiros no estadio ao de meras comparsas (iso si, que pagan unha entrada considerable) que cos seus cánticos, reaccións e apupos enfeitan un espectáculo audiovisual mundializado. Enténdense así as razóns dos horarios imposibles dos partidos, da posibilidade de xogar fóra de España, a de introducir mesmo sancións a aqueles clubs que ofrezan desertas as bancadas ou a de converter os estadios en espazos publicitarios e comerciais. O fútbol inocente da nosa nenez de hai cincuenta anos desapareceu engulido polas gadoupas da industria do lecer e das apostas, esa tan perigosa droga invisible para a nosa mocidade.

No entanto, os estadios, como o entrañable municipal de Balaídos, a pesar da voracidade das sociedades que xestionan os clubes, continúan sendo espazos formativos nos valores da igualdade do «fair play», traducidos pola gramática do fútbol celeste como afouteza e corazón galegos. Nas gradas e nas faixas colocadas polas peñas celestes nos muros de Marcador identificamos a tipografía do que fomos, do que somos e do queremos para os nosos, algo que non nos poden roubar nunca nin ninguén. Sempre Celta!