STEM galega
A pesar de que non se realizou avaliación anual ningunha, prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo, que tronzou o consenso acadado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), todos os datos coinciden en que dende a súa entrada en vigor o coñecemento e uso do galego minguou no alumnado do ensino non universitario, impedindo que ao remate do período obrigatorio contase con idéntica competencia en ambas as dúas linguas cooficiais. Modelo de plurilingüismo, que prescribiu a imposibilidade de empregar, dende o inicio da Primaria, o galego como lingua vehicular das matemáticas e do resto das materias científicas e tecnolóxicas, coincidindo coa posta en marcha do modelo STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), enfoque curricular interdisciplinario orientado a resolución de problemas prácticos. Aberración educativa que as expertas do Consello de Europa acaban de reclamar fose emendada pola Xunta de Galicia de forma inmediata coa intención de que se cumpra coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Outra cotenada ao texto estrela da política lingüística de Feijoo respondida decontado por José López Campos, novo conselleiro de Cultura e Lingua, ofrecendo «un pacto pola Lingua», e por Román Rodríguez, conselleiro de Educación, abrindo a posibilidade de levantar a prohibición da STEM en galego. A pesar de que o dano feito non pode ser reparado para unha xeración de alumnado obrigada a asumir que o galego é unha lingua que non serve para as áreas importantes, o goberno Rueda ten na súa man rectificar e derrogar de vez o decreto 79/2010. Medida que expresaría unha vontade real, lonxe de retóricas do márketing político, de recuperar un consenso entre as forzas parlamentarias, tamén coas entidades sociais e educativas, localizado en regresar ao punto de encontro do último acordo de 2004. Só a partir de aí cremos posible actualizar o Plan Xeral da Lingua Galega e mesmo a propia Lei 3/1983 de Normalización.
Publicado en Nós diario: 09/10/2024
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir