Presenza escasa

Barcelona foi a convidada de honra da 39ª edición da Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, México, o encontro da cultura do libro máis importante do mundo latinoamericano, onde foi recoñecido o ensaísta de orixe libanesa e expresión francesa Amin Maalouf co Premio FIL de linguas romances. Declarada pola UNESCO coma unha das vinte cidades literarias do mundo, entre as que están Óbidos e Granada, Barcelona presentouse na feira de Jalisco cunha potente delegación de setenta autores e autoras e un programa musical, cinematográficos e de artes escénica e visuais, á altura da que é capital da industria editorial española, tanto en castelán como en catalán, como referente mundial do libro e a lectura pola súa efeméride do 23 de abril e a súa rede bibliotecaria pública. FIL que contou coa presenza de dúas editoras galegas, Kalandraka e Triqueta, con espazo propio, ademais de Creotz ediciones e a distribuidora Arnoia, que o alugaron no pavillón español. Outra edición na que, coma xa sucedeu no resto das feiras internacionais do libro, a Xunta de Galicia prescindiu da Asociación Galega de Editoras (AGE) e presentou un programa de actividades baixo o epígrafe de «Literatura de Galicia», no que participaron seis autores e autoras e un editor, que desenvolveron un programa de tres actos e diversas entrevistas. Unha presenza profesional escasa, coa ausencia nesta edición da propia AGE, por carecer de recursos, que amosa a lamentable ausencia de acordo entre a Xunta de Galicia e o sector editorial galego sobre cal debe ser a estratexia da proxección da literatura galega e da nosa industria editorial no mundo. Con todo, nin Galicia nin a literatura galega poden deixar de aspirar a ser convidadas de honra da FIL nin os autores e autoras nosos a ser alí premiados. Aspiración lexítima que pasa por acadar un acordo entre Xunta de Galicia e AGE sobre a presenza do libro e da literatura galega nas feiras internacionais, reclamado polo sector profesional galego dende hai quince anos.

Publicado en Nós diario: 10/12/25

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *