Porta do Sol
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Porta do Sol:
A Ceferino de Blas, que sempre creu no Campo de Granada
Na nosa memoria familiar baixar a Porta de Sol representaba facelo a Vigo, ao lugar onde traballara mamá como dependenta da zapataría infantil de Abdón Cruces e papá como viaxante dos almacéns de tecidos de Sucesores de Teodoro Gómez. Para nós, que viviamos nunha bufardiña, ao inicio de Pi e Margall, a Porta do Sol era o corazón de Vigo, onde abriron os grandes almacéns de El Pilar, os de paquetería de Modesto Bobillo e os de Simeón García, con xastraría e ferraxaría. A Porta do Sol do Hotel Moderno de Cesáreo González, construído por Pacewicz, ao comezo de Policarpo Sanz con Carral, fronte a histórica botica dos Borrajo e a barbaría de Juan Minguela, aquel perruqueiro vigués que en 1970 contara no Faro e logo na televisión española que avistara na súa casa de Viladesuso un pratiño voante «do tamaño dun vitrasa que brillaba». A Porta do Sol da droguería La Popular, onde acompañei nalgunha ocasión ao avó Suso Beleiro a mercar verniz para algunha chollada, antes de tomar unha chiquita no Gazpara ou, pasado o Arco de Quirós e a tenda de ultramariños dos Franco, o que eu máis devecía, unha tapiña de callos na de Ligero, tan ricos como os de Armando na Falperra. A mesma Porta do Sol, nunca lle chamamos na casa doutra forma, de La Villa de París (nun edificio deseñado por Jenaro de la Fuente) e o salón de El Louvre, comercios que a avoa Filo consideraba con admiración os de vestiario máis elegantes para as señoritas da cidade.
Porta do Sol comezada a construírse en 1656 como unha das seis portas da muralla de Vigo, chamada tamén dos Carneiros, do Salgueiral, da Soedade ou dos Tornos, pola que se accedía ao regato e fonte dese nome, documentado xa en 1667 no perfil da vila de Vigo e as súas fortificacións e despois no plano do recinto amurallado de Vigo de 1762, conservados no Arquivo de Simancas. Referencia presente no Plano da vila de Vigo de 1773 e no de Miguel Hermosilla de 1800, anteriores á ampliación da vila xa como cidade no século XIX. Porta do Sol pola que entraron en 1809 as tropas francesas, na que en 1834 comezou a ampliación do camiño a Benavente e Vilacastín, cuxo primeiro treito, a actual rúa Príncipe, sería aberto en 1840, que sería derrubada en 1861 por que se consideraba que a muralla «aprisionaba» unha cidade, que comezaba a ampliarse ao longo da ría coma o seu porto. Porta do Sol na que despois se instalaría o primeiro mercado municipal de froitas e verduras (1878), trasladado despois ao da Laxe, cando alí se construíu o fermoso edificio Simeón do arquitecto Manuel Gómez Román.
Ao longo do século XX a Porta do Sol transformada en praza converteuse nunha icona do Vigo cosmopolita, unha e outra vez fotografada pola forza das súas extraordinarias edificacións pétreas, como pola presenza a partir de 1914 dos tranvías que a transformaron no eixo e no inicio de comunicacións dunha cidade estendida xa sobre a súa bisbarra. Unha praza que ademais de centro comercial e oficinas, como as do edificio (1934) de espírito art decó do arquitecto Romualdo de Madariaga, a cidadanía fixo o seu punto de encontro, tanto para o paseo, que se alongaba sobre Príncipe, como para celebrar grandes acontecementos, como a proclamación da República. Como tamén a Porta do Sol converteuse en espazo da memoria histórica, onde o 20 de xullo de 1936 tras a lectura do bando que declaraba o estado de guerra, a forza do capitán Carreró disparou sobre os vigueses e viguesas alí concentrados provocando vinte mortos e un centenar de feridos, actuación que deixou rastro na carpintaría da botica de Borrajo e no panel publicitario «Vinos y coñac Pedro Domecq», o máis antigo da cidade, por ventura catalogado como ben de interese cultural.
Nos últimos cincuenta anos a Porta do Sol non perdeu centralidade, tanto como icona da memoria da cidade das concentracións obreiras de 1972 e das múltiples manifestacións cívicas a partir da Reforma Política, como pola instalación en 1991 do Sireno de Paco Leiro, estatua que dende entón preside e representa xenuinamente o espírito da praza como referente de orgullo e afouteza de toda a veciñanza viguesa. Iconicidade da Porta do Sol que gaña coa súa peonalización irreversible, unha aspiración cidadá que defendemos aquí dende hai dúas décadas, que ademais de suturar para sempre a fenda aberta no Vigo vello amplía o espazo peonil dende o antigo camiño de Baiona até, podendo ser ambiciosos, a rúa do Ramal. Unha ampliación moi considerable do espazo peonil –para a que non era necesarios nin túnel nin templete ningúns (e moito menos entre dous edificios catalogados)– na que confiamos se privilexie aos peóns, se reduza de forma significativa a instalación de pezas decorativas e o espazo público cedido aos establecementos privados de hostalaría, evitando abusos recentes. A Porta do Sol é o primeiro espello do Vigo contemporáneo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir