Penoso
No peor partido das últimas tempadas en Balaídos, o Celta rouboulle un punto á deusa Fortuna diante dun Deportivo Alavés moi superior, que de forma moi xenerosa puxo os goles e o xogo ofensivo en ambas as dúas portas. Despois dos excelentes oitenta minutos primeiros no Olímpico de Montjuic, semellaba que no serán da pasada quinta feira sería cando o Celta iniciaría a (prometida e necesaria) remontada na clasificación. Mais non foi así, quedou todo nunha ilusión que durou apenas un cuarto de hora, o tempo no que Mingueza combinou unha vez con Aspas na área alavesa e Beltrán xutou dende a segunda liña á cuberta de Gol. O resto do partido foi penoso. Un xogo cutre, esfiañado e apático dun equipo incapaz de xutar nin unha soa vez entre os tres paos nin de gañar tampouco unha pelota para crear unha xogada ofensiva prometedora.
Outra decepción dos de Rafa Benítez para unha afección incansable xa moi curtida en mil padeceres, mais que despois dos dous primeiros meses de campionato aínda non viu gañar aos seus nin sequera tampouco celebrar a ledicia dun gol saído das súas biqueiras, algo tan sorprendente como inesperado nun estadio no que tamén se recoñece a calidade do xogo. O máis frouxo comezo de liga que lembramos en varias décadas, un punto de doce posibles en Balaídos, cinco de vinte e un na clasificación, cifras que de non ser emendadas decontado (ás portas xa da primeira cuarta parte da liga) agoiran, na tempada do Centenario, probabilidades elevadas dun desenlace semellante ao da anterior, na que o Celta xogou a permanencia no derradeiro partido, como decote lembra o veterano Benítez (quizais para curarse en saúde sobre o valor do actual cadro de xogadores) nas súas intervencións tan didácticas nos medios.
O relato do partido do serán da pasada quinta feira non tivo moita miga para os celestes que, despois do primeiro cuarto de hora, deixaron que os babazorros desenvolvesen a trama de todo o argumento. Cunha defensa de cinco, na que recuperaba titularidade Pepiño Aidoo, o xoves o mellor dos nosos defensores, os de Benítez andaron coa cruz ao lombo para poder parar ao mozo (dezanove anos) Samuel Omorodion, o maior pesadelo babazorro que no minuto 73 nivelou o marcador, anticipándose aos tres centrais celestes e minutos despois puido facer dobrete e levar os tres puntos para Vitoria-Gasteiz, o que impediu na liña de porta Starfelt. Esquema de cinco que sabemos Benítez emprega como catecismo, que apenas variou cando no 68 foi (inxustamente) expulsado por dobre cartón amarelo Luca de la Torre, o que supuxo a volta de porca definitiva para o desenlace dun partido no que a maioría dos celestes amosaron un nivel insuficiente, coa excepción de Iván Villar, que realizou grandes paradas, especialmente a do minuto 59, cando puxo unha man prodixiosa a unha falta na frontal tirada con veleno polo romanés Hagi. E moi pouco máis pode contarse dun Celta cuxo maior mérito foi anotar no minuto 35 grazas á potra dun gol nacido do erro de Javi López na cesión ao seu gardameta, un lance desafortunado, escasamente celebrado pola bancada do Fragoso, que levou a Bamba e a Aspas a consolar de forma moi deportiva ao xove central basco.
E o caso de que Iván fose con diferenza o mellor dos celestes e que Aspas fose substituído tras unha hora de partido, o que comeza ser habitual para Benítez, non é fútil para o que pode ser un Celta sen apenas canteiráns no seu once inicial, substituídos no cadro de xogadores por descartes das canteiras do Madrid, do Barcelona e do Athletic, ou por promesas en formación das ligas nórdicas, como sucedeu na media hora final do partido do xoves. Todo un paradoxo para a canteira celeste da que saíron figuras como Borja Iglesias, Jonny, Hugo Mallo, Denís Suárez, Brais Méndez, que dá gloria velo xogar en Champions coa Real, ou Gabri Veiga, vendido por cantidade millonaria para mellor gloria das contas da Sociedade Anónima Deportiva celeste. Ollada saudosa sobre o valor da canteira da Madroa que aínda fai máis penoso o que vimos no partido co Alavés, no que se apreciaron algunhas das costuras groseiras do proxecto deportivo de Luis Campos. Máis aínda, cando comeza a enxergarse a saída (inevitable polos anos) do gran Iago Aspas, que cando é substituído sufre na bancada vendo a un equipo que perde alma e corazón.
Publicado en Faro de Vigo: 30/09/2023
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir