Onte 752: Cifras da edición galega en 2012 (I)
No Líber presentouse a edición impresa do Comercio Interior del libro en España 2012, o estudo de referencia sobre o estado do sector editorial privado encargado pola Federación de Gremios de Editores de España e elaborado cos datos proporcionados polos diversos editores. Un informe que no conxunto do sector español amosa no pasado ano unha significativa redución das vendas do 10,90 % (2.471,48 millóns de euros); un decrecemento do 4,90 % no número de títulos editados (79.175) e xa de apenas o 2,20 % dos exemplares fabricados (280 millóns). Cifras que se tomamos como referencia 2008, o ano de inicio da crise, supoñen unha redución das vendas do 22,00 % (714 millóns de euros) e do número de exemplares producidos do 15,00 % (49 millóns menos), sendo o número de títulos editados (79.175) semellante ao do ano 2010.
No caso da edición galega privada no seu conxunto os principais indicadores non presentan grandes novidades con respecto ao ano anterior. O número de títulos publicados polos editores privados galegos baixa un 12,40 % pasando dos 2.156 de 2011 (1.587 en galego, 540 en castelán e 28 noutras linguas) aos 1.888 de 2012 (1.458 en galego, 397 en castelán e 34 noutras linguas); tendencia á baixa que se intensifica no caso do número de exemplares fabricados que en 2011 foron 3.360.000 e no 2012 baixaron até 2.426.000, o que supón unha redución do 27,90 % (934.000 exemplares). Cifras que levan á que a tirada media do libro publicado en Galicia por editores privados se reduza nun 17,60 %, pasando dos 1.560 exemplares por título de 2011 aos 1.285 de 2012.
A edición en galego de editores privados acadou en 2012 os 1.848 títulos (1.458 publicados en Galicia, 334 en Madrid e 55 en Cataluña), o que supón unha redución do 3,85 %, xa que en 2011 os títulos foron 1.922 (1.587 en Galicia, 265 en Madrid, 67 en Cataluña, 1 en Euscadi e 2 en Andalucía). Cifras que expresan que no último ano o 78,9 % do libro en galego é editado en Galicia, o 18,1 % polos membros da Asociación de Editores de Madrid e o 3 % polo Gremi d’Editors de Catalunya. Datos que amosan, ademais, que os editores galegos reduciron nun 8,12 % os títulos en galego, que pasan dos 1.587 do ano 2011 aos 1.458 de 2012. Redución que no caso dos exemplares fabricados é do 18,07 %, pasando dos 2.340.000 exemplares de 2012 aos 1.917.000 de 2012 (423.000 exemplares). Cifras que sitúan a tirada media do libro editado en galego por editores privados en 2012 a 1.315, o que supón unha redución do 10,72 %, sendo superior á tirada media do libro editado en Galicia. O catálogo do conxunto do sector acadou en 2012 os 13.292 títulos, diminuíndo apenas un 5,00 % con respecto ano anterior. O catálogo do libro en galego situouse en 2012 nos 10.804 títulos, o que supón un incremento inferior ao 1,00 % con respecto a 2011 (10.708).
Como xa antes adiantamos a facturación do comercio interior do libro en España foi no ano 2012 de 2.471,48 millóns de euros, dos que estima corresponden o 6,00 % a Galicia, 148,28 millóns de €, o que supón unha redución do mercado do libro en Galicia do 7,78 %. A facturación das editoras privadas galegas foi de 27,53 millóns de €, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao ano anterior do 1,30 %. O estudo estima que a facturación do libro editado en galego en Galicia foi de 21,58 millóns de €, o que supón un incremento do 0,69 % con respecto a 2012. Tanto no caso do libro editado en Galicia (27,53 millóns de €) como o editado en galego (21,58 millóns de €), as librarías independentes continúan sendo a canle de facturación privilexiada, nun 57,80 % no primeiro caso (15,90 millóns de €) e nun 60,30 % no segundo (13,01 millóns de €. Dos datos pode estimarse que as librarías e as cadeas de librarías galegas durante o ano 2012 venderon 95 millóns de euros, dosa cales corresponderon a libros editados en galego 14,5 millóns de euros. As vendas do libro en Galicia teñen un forte carácter estacional, concentrándose nun 62,6%no segundo semestre do ano. No que atinxe ao pagamento de dereitos de autor, en 2012 foron 1,49 millón de € (o 5,20 % das vendas), o que supón unha diminución do 4,48 % con respecto a 2011, ano no que os editores galegos pagaron 1,56 millón de € (o 5,80 % das vendas).
Se cruzamos estas cifras de facturación, obtemos que a cota de mercado en Galicia dos libros editados polos membros da Asociación Galega de Editores foi en 2012 do 18,56 %. A cota de mercado do libro editado en galego sería o 14,55 %, o que supón un incremento do 0,55 % con respecto ao ano anterior, supoñendo para a canle libreira o 15,26 % da súa facturación.
Se relacionamos estas cifras de facturación coas que o sector manexaba en 2008, –ano no que a facturación do sector acadou os 33,04 millóns de €), a redución foi do 16,76%, o que estimamos que a prezos constantes supoñería unha porcentaxe superior ao 30%. No caso da edición en galego, o sector non é capaz de superar sequera as cifras dos ano 2007 (21,98 millóns de €) e 2008 ( 23,27 millóns de €), as mellores marcas da súa historia. No caso do volume de edición, o número de exemplares fabricados, tanto para a edición en Galicia como para a edición en galego, é inferior ao de 2008.
O estudo de Comercio Interior de 2012 estima a perda de emprego no sector editorial privado galego no último ano nun 19,60 %, sendo 190 persoas as que forman parte dos cadros de persoal das empresas. Perdas que dende o ano 2008, cando se estimaba o emprego en 308 persoas, acumulan unha redución do 38%. O informe tamén evidencia a redución do número de empresas do sector con actividade, que se reduce a 39, moi lonxe das 45 do ano 2008.
Nunha segunda anotación, debullaremos os datos sobre a edición e facturación por xéneros do libro editado en Galicia.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir