Onte 751: Liber 2013
Decepcionoume Liber 2013. A mudanza de ubicación a Madrid Arena non abondou para facer despegar unha feira na que se puxo en evidencia a profunda crise do sector editorial español e a actitude melancólica de boa parte dos editores. Crise expresada de forma contundente polos datos do estudo de Comercio interior del libro 2012 (presentado ao comezo da feira) que amosan unha redución das vendas do 10,9% no conxunto do sector (2.471,48 millóns de euros); un decrecemento do 4,9% no número de títulos editados (79.175) e xa de apenas o 2,2% dos exemplares fabricados (280 millóns). Crise considerada estrutural pola maioría dos editores, como consecuencia do tránsito do paradigma da comunicación cultural e do proceso de hibridación do soportes de edición. Un diagnóstico que obriga a reconsiderar as bases sobre as que funcionou, ate agora, a cadea de valor do negocio editorial. Datos e actitudes que, porén, contrastan coa escasa presenza de novos proxectos e iniciativas nos corredores deste Liber, onde nin sequera no mal chamado «Corner Digital» se presentaron grandes novidades, quizais coa excepción dos diversos proxectos de préstamo bibliotecario de e-books e da plataforma Nubico, que fixo un importante esforzo publicitario.
Polo que atinxe á presenza galega, máis alá de que por segundo ano consecutivo nin a Xunta de Galicia nin a Asociación Galega de Editores tivemos na feira espazo de seu (os medios cos que contamos non o permiten), o máis novidoso foi a presentación de Sueños del Gatipedro, un selo infantil do que son socios a editorial Galaxia e Fol Música da discográfica Boa. As dúas primeiras e magníficas novidades, o salto ao castelán de Mamá Cabra e Magín Blanco, aventuran para o proxecto un éxito que agardamos rotundo.
Con todo, o que máis atención me chamou deste Liber foron as intervencións dos políticos do Partido Popular na cea de entrega dos Premios de Fomento da Lectura, que foi presidida polos príncipes de Asturias. Tanto José María Lasalle, secretario general de Cultura, como Ignacio González, presidente da Comunidad de Madrid, leron dúas excelentes pezas literarias sobre a historia do libro, o papel esencial dos editores e o valor do libro e da lectura para a formación integral das persoas. Porén, non fixeron referencia ningunha ás políticas públicas arredor do libro e da lectura. Ningún dos dous falou de recortes orzamentarios nas partidas para adquisición de fondos para bibliotecas ou para programas de fomento da lectura, o obxecto deste premios outorgados pola Federación de Gremios de Editores de España. Ninguén se referiu ao papel do sistema educativo na lectura nin sequera á posibilidade de apoio dos poderes públicos na promoción do libro editado en España no mercado internacional. Apenas unha referencia confusa aos retos da nova lei de propiedade intelectual e da «necesaria reforma do código penal no referido á loita contra a pirataría». Quedei abraiado, coma o resto dos presidentes das asociacións de editores que compartimos mesa, pola elegancia coa que se poden botar fóra os balóns máis comprometidos. Como tantas outras veces en actos deste tipo, saín coa impresión de que os responsables dos poderes públicos substituíron as políticas públicas de lectura por discursos fermosos sobre a importancia da lectura. Abóndalles. Deste xeito nin sequera xa teñen que xustificar os recortes nin a erradicación de programas básicos como o da adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas.
O vindeiro ano será Barcelona quen recolla a testemuña da imprescindible renovación de Liber.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir