Onte 435: «Tonas de laranxa» nas Terras de Iria

Foi o de onte un dos seráns máis intensos desta tempada de promoción de outono, na que até os días de nadal celebraremos máis de corenta actos polo país enteiro. No teatro Jofre de Ferrol, seiscentas persoas asistiron ao magnífico concerto de presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio Ferreiro, o proxecto didáctico musical coordinado por Xosé Lastra; mentres que no Auditorio de Padrón máis de duascentas cincuenta participaban na presentación de Tonas de laranxa, a novela de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón gañadora do Premios Xerais 2012. Era a miña intención poder acudir a ambos os dous actos, máis finalmente foi imposible e conformeime con gozar en Padrón das magníficas intervencións de Angueira e dos Lorenzo.

Comezou Anxo Angueira salientando que a publicación e o premio de Tonas de laranxa «foi unha sorpresa, mais non un milagre, xa que tanto en María como en Manuel atopamos ricaz madeira literaria, como a de Eusebio Lorenzo Baleirón non foi tampouco ningún milagro. Na casa de Tarrio desta familia Cunqueiro leva vivindo moito tempo». Situou a novela nun espazo fantástico e nun tempo arquetípico que está aí; valorou a utilización dun narrador monolóxico lírico, que non lle cede a voz aos personaxes, así como o valor dos relatos hipodiexéticos encaixados na narración ou a «utilización dunha lingua perfilada pola nosa Terra de Iria». Angueira enfatizou que «a literatura non serve para nada, pero lendo Tonas de laranxa sabemos do seu enorme poder», para proseguir despois que «soñar, escribir, navegar, velaí a guerra deste libro».

Pola súa banda, María Lorenzo Miguéns expresou o seu compromiso radical coa lingua, a razón de ser desta novela, así como as lecturas compartidas co seu pais, dende García Márquez, pasando polas cidades invisibles de Italo Calvino,  até Cunqueiro. Centrou despois a súa intervención nas relacións da novela coa ficción audiovisual, sobre todo co Big fish de Tim Burton, para rematar lendo un dos fragmentos da obra.

Por último, Manuel Lorenzo Baleirón iniciou a súa intervención lembrando que «as palabras hai que escollelas ben. Só con palabras podemos chegar a ser quen somos. Se de algo estamos feitos é de palabras». Definíu a novela como «historia de soños e amores, de reloxos e laranxas». Homenaxeou, despois, ás xentes vedrañas das terras de Dodro, «a quen lles roubamos as palabras para escribir esta historia». Lembrou ao seu irmán Eusebio , «que morreu no ano do cometa, o mesmo no que naceu María», así como a xeración de escritores de Dodro e Terras de Iria, «dende Angueira, Ramón Reboiras e Eusebio, alumnos  que foron de Bernadino Graña no instituto de Padrón, a Avelino Abuín de Tembra, Manuel Antonio, Dieste e Rosalía, entre outros». Proseguíu apelando ao valor da lingua como «a nosa marca de auga, a nosa forma de estar no mundo», así como a importancia nestes tempos de crise de «soñar, que é pintar no aire, como dicía María cando era pequena». Rematou maneul Lorenzo Baleirón cunha cita de Adorno: «A esperanza é a única categoría na que a verdade se manifesta».

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *