Onte 2110: Brétemas 16 anos
Tal día como o de onte de hai dezaseis anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.242 anotacións das que 141 corresponden o último ano, unha cifra semellante a do pasado, que expresa tanto a diminución do emprego do blog como soporte preferente da comunicación dixital, desprazado cada vez máis no meu caso ao perfil de Twitter, como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.
No entanto, continúo acreditando no blog como soporte principal da miña identidade dixital, xa que permite un acceso ordenado ao seu arquivo, ao tempo que un marcado semántico, utilidades que non posúen ningún dos perfís das redes sociais.
Este ano quedará marcado pola pandemia do Covid-19, razón pola que ten moita presenza nos contidos (sobre todo educativos) durante o período de confinamento, mais tamén polo interese en publicar de forma normalizada textos sobre as miñas lecturas (preferentemente da actual edición galega) e sobre o seguimento do mundo da edición (como un curioso editor xa retirado).
Gostei moito da liña cronolóxica sobre a dixitalización na comunicación cultural en galego publicada estes días por Marta Veiga Izaguire, un traballo extraordinario de investigación no que identifiquei case todos os avances compartidos por unha comunidade á que nos adscribimos (utilizo o plural polo feito de compartila co meu admirado Jaureguizar) tal día como onte de hai dezaseis anos. Continúo coa esperanza e inocencia coa que abrín aquelas primeiras brétemas que me propoño continuar. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas.
E que siga a conta !