Onte 2081: Ledicia Costas nos faladoiros virtuais dos colexios de Cedeira e Laredo
Acompañei onte a Ledicia Costas nos encontros virtuais que mantivo co alumnado do Colexio de Cedeira (5º de EP) e Laredo (3º e 4º de EP) onde traballo como orientador educativo. Dúas sesións moi proveitosas tanto polo que nelas se falou e compartiu sobre as lecturas, no primeiro sobre Escarlatina, a cociñeira defunta e noutro sobre A señorita Bubble, como pola experiencia para o alumnado deste formato virtual, respectando a netiqueta e utilizando de forma simultánea as utilidades da videoxuntanza, sobre todo, o chat paralelo que se desenvolvía na marxe da pantalla.
Xuntar na mesma actividade os valores de compartir coa autora as lecturas de varios meses na «Hora de ler» e utilizar un soporte de comunicación dixital simultáneo conforma un formato de actividade de fomento da lectura ensaiado neste período de confinamento que no futuro (agardemos que xa presencial) paga a pena explorar. E se isto non abondase, gustei moita da elegancia de moitas das participantes, vestidos para a ocasión tan importante, expresión de autoestima e de respecto pola convidada literaria, unha actitude que consolida valores de positividade sobre a nosa lingua e sobre a propia creación literaria.
En ambos os dous faladoiros Ledicia Costas confesou algúns segredos sobre a súa obra, como que escribiu o seu primeiro libro ás trece anos e o texto perdeuse nunha mudanza. Adiantou tamén algunhas primicias, como a aparicion da serie dos Minimortos, historias dos nenos de ultratumba, para comezos do vindeiro curso e dirixidos ao primeiro lectorado e adiantou o título da segunda parte d’ A señorita Bubble, Bubble baixo cero, que estará ambientada en Laponia.
Falou Ledicia tamén de Vampira de biblioteca, a súa novela máis recente sobre o valor dos libros, das bibliotecas e da lectura. Recomendou varios do seus álbums favoritos: A árbore xenerosa (Kalandraka, 2015) de Shel Silverstein, Na cociña de noite (Kalandraka 2014) de Maurice Sendak e Que bonito é Panamá! (Kalandraka 2015) de Janosh. Comentou o proceso de creación literaria conxunta de Caramonia, con novos capítulos todas as semanas en Instagram… e moitas outras cousas.
A conversa co alumnado de Laredo, emitida en directo, quedou gravada na canle de Yoube do cole (44 minutos). Un formato de faladoiro virtual que repetiremos co alumnado de 5º e 6º de EP do CEIP de Laredo que conversará co noso admirado Óscar Sánchez «Martinpawley» sobre astronomía, ciencia e cine.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir