Onte 2008: Fervenzas Literarias 2018
Coñecimos onte os resultados dos mellores libros do 2018 de Fervenzas literarias, a primeira revista dixital literaria e galego. Ábrese así, como ven sucedendo de forma ininterrumpida dende 2007, a xeira de recoñecementos literarios a obra editada no ano anterior, que continuará até a primavera, consolidando unha tradición que moito nos aprace. Unha colleita anual, tanto de libros editados nos diversos xéneros e modalidades como de recoñecemento ás diversas instancias de mediación do noso sistema editorial, creada a partir das votacións de máis de medio millar de persoas, que convirte aos «Fervenzas» en referentes de popularidade, ao tempo que abre unha tendencia de influencia (inevitable) nas escollas posteriores.
Como editor que fun de Xerais non podo estar máis satisfeito e orgulloso pola colleita excepcional de Xerais en 2018, que obtén 7 dos «mellores libros do ano» (de 11 posibles), ademais de moitos outros finalistas, ademais da distinción como «a mellor editorial», o resultado máis destacado na historia destes premios, expresión tamén da excelencia e do rigor do traballo do cadro de profesionais que dirixe Fran Alonso. Como tamén é sempre para min unha honra que «Culturgal» fose considerado «o mellor acontecido de 2018», como sucedeu xa noutras ocasións anteriores, outra proba máis da consolidación desta feira das industrias culturais coa que continúo, como no caso de Xerais, tan afectivamente unido.
Esta colleita dos Fervenzas amosa que 2018, por ventura, foi o ano das escritoras, que ocupan boa parte das posicións máis destacadas, na maioría das modalidades, sendo moi significativo o premio acadado polo colectivo A Sega como «mellor espazo na rede». Xaora estes Fervenzas tamén expresan a diversificación do sector editorial galego no que se consolidan proxectos xeralistas como os de Urco e proxectos de edición especializada como Apiario, Hugin e Munin ou Chan da pólvora.
En todo caso, todas as persoas e entidades premiadas, como todas as finalistas, merecen os nosos parabéns, xa que todas elas están construíndo espazos de excelencia para unha edición en galega que, outro ano máis continúa á intemperie, sostida apenas polo esforzo das profesionais do sector do libro e da lectura e polo apoio dos seus públicos. A fantasía do libro galego continúa. Beizóns!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir