Onte 1199: Barómetro lector
O barómetro do CIS do pasado mes de decembro publica uns datos de interese para coñecer o perfil do lector actual en España e as súas preferencias culturais. Entre os datos que fun anotando no caderno saliento os seguintes.
O 35 % das persoas consultadas non le nunca, o que deixa ao 65 % coa consideración de poboación lectora, xa bastante perto do 70 % da media europea. Entre as lectoras destaca que case un terzo confesa ler todos os días, sendo en todo caso sempre máis mulleres ca homes. Sendo para o 61 % a distracción e o lecer a razón principal pola que dedica tempo á lectura.
Outro dato que non pode pasar desapercibido é o dos 8,6 libros lidos por habitante e ano como media en España, moi lonxe dos 47 de Finlandia. Con respecto aos hábitos lectores é destacable que o 91 % das persoas lectoras escollan a casa como o seu lugar preferido para ler e que case o 80 % prefiran o soporte impreso ao dixital, aínda que xa unha clara maioría a que recoñece a hibridación lectora e un 33 % aposte pola utilización no futuro do soporte dixital como principal.
A elección do libro de lectura corresponde nun 58,4 % a un criterio personal, aínda que un 27,1 % segue as recomendacións de familiares e amizades. O 64 % confesa elixir o libro polo tema e só o 50 % mercou algún exemplar no último ano, aínda que o 41,8 % o utilizou como agasallo nalgunha ocasión. Nun 72, 4 % a novela, e os seus diversos subxéneros, é o tipo de lectura preferida. Neste barómetro lector non pode pasar desapercibido o feito de que un 77,9 % recoñezan que se conectan diariamente a Internet e que apenas o 28 % visitasen algunha biblioteca ao longo do ano.
Por último, o barómetro do CIS tamén achega información sobre as preferencias das persoas consultadas sobre as diversas artes e produtos das industrias culturais. As preferidas son a Música (73,4 % das persoas consultadas), o Cine (67,8 %), a Lectura (61,7 %) e o Teatro (39,6 %).
Datos polos que non é dificil identificar tendencias dos comportamentos lectores do noso tempo. Sería excelente contar cun estudo deste tipo en Galicia, no que se valorase a lectura en lingua galega.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir