Onte 1153: Construír Culturgal
Presentamos onte diante dos medios o programa de Culturgal 2014. 70 expositores, 150 actividades literarias, musicais, teatrais, artísticas e formativas destinadas a públicos diversos artellan o eixo do programa de tres xornadas moi intensas nas instalacións do Pazo da Cultura, Auditorio e recinto feiral de Pontevedra. Un programa concibido coa intención de ampliar o perímetro de Culturgal dende a corresponsabilidade dos diversos sectores das nosas industrias culturais e do patrocinio das administracións públicas e entidades privadas.
Entre as novidades do programa dunha feira, sempre con vontade de sorprender e innovar, saliento as dúas grandes exposicións de artes plásticas e visuais (Do papel ao xesto e XX anos de Bravú), o deseño dunha programación específica para bebés e dun espazo para lactancia, a introdución de actividades de gastrocultura, a potenciación da programación cinematográfica, as ceas temáticas no recinto feiral, o vermú cultural do domingo (ao que convidamos a 26 asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura do país), emisión de programas do Diario Cultural da Radio Galega (premio do público) e Discópolis de Radio 3 en directo, o concerto de Caxade, a presentación dos novos discos de Magín Blanco, Guadi Galego, María Fumaça, Cantares do Brión, Maghua, o concerto da banda dos cueiros, a presentación da App Contacontos, o foro de Crowdfunding e Coworking, os encontros de editores con bibliotecarios e profesorado, ou as conversas literarias con Helena Miguélez, María Reimóndez, Suso de Toro, Xurxo Souto, Alberto Ramos, Fran Alonso, entre outros autores e autoras.
Un programa que iremos debullando con maior detalle nos vindeiros días, concibido para públicos e audiencias específicas, mais tamén moi vencellado ás novidades que os expositores ofrecerán nos seus stands. Culturgal como un espazo de todos e todas, interxeracional e transversal, horas de ledicia e entusiasmo para compartir sintagmas de simpatía e afecto para a nosa lingua e para as nosas artes. Propoñemos construír Culturgal para reforzar o papel e a independencia das industrias culturais propias. Un Culturgal alicerzado sobre a forza dos seus públicos e sectores profesionais. Convido a compartir o programa e solicito axuda para difundir na rede esta convocatoria. Culturgal no pazo da Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir