Onde quere situar Feijóo o estatus do galego?

Sei que moitos non o poderán crer: a páxina web da Xunta amosaba  na súa portada de «Goberno e Institucións» unha serie de enlaces para os símbolos do noso país: a bandeira, o escudo, o himno e a lingua (dirixida, neste caso, á páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística).

No recente redeseño que fixeron da páxina (bastante pouco elegante, tratándose dunha web institucional) retiraron da portada a lingua como un  dos símbolos de Galicia, para relegala, xunto co Estatuto de Autonomía,  a un menú interior.

Sen analizar, polo miúdo o texto referido a lingua galega, que en liñas xerais creo correcto e didáctico, rescato un dos seus parágrafos máis significativos:

O coñecemento do galego esíxese para o acceso a un posto de traballo na Administración pública, segundo se establece na Lei de función pública; igualmente, mellorouse o seu status coa aprobación, en 1997, da Lei de réxime local e doutras leis sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores, a etiquetaxe de produtos, etc., se ben a súa igualdade xurídica co castelán aínda non é plena.

Ou moito me equivoco, ou este texto non é conforme coa política sobre o idioma do actual Goberno, xa que ben sabemos que foi o executivo de Feijóo o que eliminou o requisito de realizar unha das probas en lingua galego no acceso á función pública ( Lei 2/2009, de 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia) ou quen instou aos concellos a eliminar o requisito de face runha proba en galego no acceso á función pública local.

Esta modificación tan sutil na web institucional da Xunta non deixa de ser significativa cando coñecimos a prohibición por parte da Consellaría de Educación do desenvolvemento dos Proxectos de Innovación Educativa que permitían aos centros de contornos castelanfalantes con máis dunha liña ofertar as familias un ensino en galego nunha delas. Foi este un programa de innovación concibido como forma de achegar a lingua galega aos seus picariños, promovido ao abeiro das medidas educativas contidas no PXNL de 2004 e valorado de forma exitosa por todos os centros que o levaron adiante até o momento.

Sexa de forma vergonzosa, relegando a presenza da nosa lingua como símbolo identitario (que o é, sen dúbida, e así o recoñeceo Estatuto de Autonomía); sexa de forma vergoñenta, eliminado a posibilidade dos programas educativos de inmersión lingüística (recoñecidos como eficaces e reequilibradores nos contextos diglósicos coma o noso), a este Goberno Galego continúa proéndolle o idioma galego. Non abonda coa aprobación do Decreto de Plurilingüismo que reduce a presenza do galego como lingua vehicular en Infantil, Primaria e ESO? Non abonda con retirar o galego  como lingua vehicular das materias científico-tecnolóxicas? Non abonda con eliminar as escasas medidas de compensación existentes para asegurar a presenza dos libros en galego nas bibliotecas escolares? Non abonda co disparate pedagóxico de considerar só ao castelán como lingua de apoio no aprendizaxe do inglés? Non abonda con reducir á metade a cantidade destinada a apoiar a edición de recursos didácticos curriculares en galego e, pola contra, apoiar a adquisición dos libros daquelas materias que se impartirán en castelán?

Diante de todas estas medidas, non podo evitar preguntarme: onde quere situar Feijóo o estatus do galego?

5 comentarios
  1. Un lector
    Un lector Dice:

    Un post magnífico, señor Brétemas! Pouco máis se pode dicir en tan pouco espazo. No único que non concordo é na cualificación de “sutil” ao borrado da lingua como símbolo de Galicia na web institucional da Xunta. De onde lles sae tanta xenreira?

  2. Félix
    Félix Dice:

    Coido que é doado adiviñar a intención do comentario en castelán:
    Habitualmente, los que insistimos en que el gallego es el idioma “natural” de Galicia y que, por tanto, es ímprescindible evitar que siga perdiendo hablantes, incurrimos en el error de prescindir de los argumentos legales, que -tal como demuestra este post- son los que más y mejor desnudan las aberraciones culturales y sociales que está cometiendo el actual Gobierno gallego.
    Na miña opinión, ao marxe de lexítimas posicións políticas, post como este -sinxelo e escrupulosamente razoado- teñen máis influenza na construción dunha conciencia a prol da lingua do país que os textos no que impera a paixón ou os sentimentos –aínda que compre recoñecer que son lexítimos e mesmo lóxicos.
    A perda do galego é un erro cultural, social e mesmo económico que terá grandes e negativas consecuencias para os cidadáns deste país, polo que urxe espir o argumentario legalista -que non legal- co que agachan as súas intencións os “bárbaros” aculturais que agora (des)gobernan Galicia. Este post está nesa liña. Noraboa e grazas.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] que dan boa conta do percorrido da política lingüística oficial nos últimos quince meses: Onde quere situar Feijóo o estatus do galego?, de Manolo Bragado, e O que vai supoñer o decreto contra o plurilingüismo, publicación do ENDL […]

Los comentarios están desactivados.