Moqueta no Obradoiro

Vin pola televisión o acto do Obradoiro e quedei ben chafado. Vaia por diante que non teño saudades ningunhas das bandas marciais doutrora, porén pareceume lamentable e innecesario cómo se intentou cubrir a praza con moqueta de cores.
O vídeo, o gaiteiro, os poemas de Seoane e Pimentel, e a Real Philarmonía: ben. O resto, penso que é máis prudente ser piadoso e non cualificalo con severidade.
A cerimonia pareceume fría e pretenciosa (lonxe da austeridade e sinxeleza pretendida), carente do ritmo, das sorpresas e das metáforas imprescindibles (alí non se deitou pinga ningunha de alegría) que marcasen unha secuencia narrativa de interese para o público. E o que máis lamento, os organizadores visualizaron nos asistentes unha disposición elitista (retratada, unha e outra vez, pola retransmisión) máis propia dun gabinete de comunicación que quere marcar distancias (os privilexiados convidados, diante sentados) que dunha auténtica exaltación popular (a xente, detrás, no poleiro das escadas da catedral). Errarron os organizadores con esta escenografía tan rebuscada que pretendía distanciarse explicitamente das gaiteiradas como, implicitamente, da imaxe das concentracións cívicas que alí se celebraron.
Había motivos dabondo para realizar unha cerimonia distinta e elegante que marcase nas formas a alborada deste tempo novo. Mais, tamén, existían razóns sobradas para recabar a participación da xente xa que, en definitiva, foi a maioría da cidadanía galega a que impuxo este goberno conxunto.
A verdade é que quedei chafado porque neste día tan sinalado agardaba aplausos máis entusiastas e maior emoción nas palabras e nas imaxes. Con todo, o importante é que mañá xa contaremos cun novo goberno. Isto é o decisivo.
9 comentarios
  1. Pablo
    Pablo Dice:

    Puido ser un pequeno erro, pero como ben dixo Castelao «non critiquedes a obra antes de a ver rematada».
    Deamos un pequeno voto de confianza. Fraga tivo 16 anos, este Goberno ben merece máis dun día.

  2. ro
    ro Dice:

    eu andiven por alí e non concordo totalmente coa súa opinión. a escenografía era preciosa e simbólica. o protocolo, obrigado. deixouse pasar a quen quixo. quizais foi demasiado pensado para televisión, porque fallou o son (ai, eses ecos do obradoiro).

    e tamén fallou a poesía, q considero q non é o instrumento máis axeitado para chegar a milleiros de persoas. non puido facer nada aí maría pujalte por enmendalo.

    si é certo que non houbo moita emoción, pero aí pinchou definitivamente o protagonista, q non foi quen nin de arrancar un só aplauso enfervorizado, co doado q iso era.

    pero para min a escenografía foi simplemente fermosísima.

  3. edu
    edu Dice:

    non me gustaría resultar demasiado acedo con este comentario que vou facer, pero ponme de mal humor o segundo parágrafo de “ro”.

    de que se trata, logo, de poñer a gayoso no sitio da poesía para que o acto chegue mellor a “milleiros de persoas”?

    ía dicir que me parece un argumento pobre, pero creo que debo dicir que é un argumento perigoso.

    o xesto de incluír dous poemas na cerimonia de investidura non debería merecer máis que parabéns. bastante mal andamos xa os que habitamos esta mini-comarca da república das letras.

    téñase en conta, asemade, que a escolla de autores incluía un clásico e mais un contemporáneo. (análoga foi a escolla do repertorio da filharmonía, aínda que, neste caso, o clásico non era galego, só era universal 🙂

    pódese ou non concordar coa selección. é cousa de gustos, eu só concordo co 50% clásico. pero a idea paréceme chea de significado.

  4. ro
    ro Dice:

    a ver, edu. eu non teño nada en contra da poesía. é unha simple cuestión de comunicación e de formato.

    o teatro non serve para ser televisado, perde a súa esencia.

    e a poesía é un acto de comunicación íntimo entre o autor e o lector, a soas. como moito funciona en recitais limitados, aínda q teño q dicir q eu aborrezo os recitais poéticos. só me gusta o angueira, e porque fai máis teatro q outra cousa.

    o q eu quería dicir é q comunicativamente falando a poesía non é o mellor “formato” para chegar a moita xente. e non é unha ‘boutade’: por moito q a maioría dos q estabamos alí fosemos moi estirados, a ninguén lle gustou nin emocionou a poesía recitada por maría pujalte.

    aí miguel piñeiro patinou como se fose un novato.

  5. edu
    edu Dice:

    non estaba no obradoiro pero seguín o asunto pola tele. gustoume o acto en xeral e, en concreto a lectura que fixo maría dos poemas seleccionados.

    interésame máis nun acto deste tipo o simbólico de incluír poesía (e, insisto, tamén o simbólico da escolla) có efecto mediático-comercial que poida ter esa escolla.

    afortunadamente hai máis cousas importantes na vida (e na xestión pública) có efecto mediático das decisións que se toman. a cultura, cunha ollada aberta, é unha (fundamental) delas.

  6. Brétemas
    Brétemas Dice:

    O debate que propuxen falando desta cerimonia de investidura non constitúe de maneira ningunha unterceiro grao crítico. Porén, entendo, por riba das valoracións de cadaquén sobre a súa beleza, que amosa unha determinada concepción da comunicación política. Iso é o que me interesa afondar. Tiven a oportunidade de comentalo onte con diversas persoas, que viviron o acto no propio Obradoiro, e comprendín que a súa experiencia era moi diferente (nalgúns casos mesmo cunha valoración bastante máis áceda ca miña) a dos que a vivimos pola tele.
    Este debate vainos remitir a cál debe ser a nosa posición sobre a crítica do traballo do goberno. Non dubido que este tempo novo debe facernos máis libres para opinar, debater e construír un futuro de esperanza. Non teñamos complexos a empregar a fondo a nosa liberdade de expresión. Iso constituiría o primeiro éxito deste gobernador rexenerador que hoxe inicia o seu camiño.

  7. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Concordo con edu no simbólico da escolla da poesía, como o da Filharmonía e o do único gaiteiro. Para min o máis interesante da cerimonia foi esta aposta deliberada por unha expresión artística máis complexa do que era adoito. Sen dúbida, isto foi un acerto. Quizais os organizadores puideron realizar outra escolla (entrariamos nas preferencias de cadaquén). Seoane e Pimentel son grandes poetas.

Los comentarios están desactivados.