María Victoria Moreno e a lingua galega
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a María Victoria Moreno:
O 17 de maio homenaxeamos a María Victoria Moreno, cidadá galega á que moito lle amolaba ser considerada como «unha autora estremeña (Valencia de Alcántara, 1939), que escribía en galego». E abofé que a catedrática pontevedresa tiña razóns para salientar a súa galeguidade de cidadanía, xa que non debería ser considerada estremeña como tal, xa que filla de nai andaluza e pai castelán naceu na localidade cacereña por puro azar, estudou Primaria en Segovia, Bacharelato en Barcelona e Románicas na Universidade de Madrid, trasladándose despois a Galicia onde traballou como profesora de linguas durante catro décadas. Como tampouco pode ser clasificada de forma ningunha como escritora alófona galega, como si o foron o xenial Federico García Lorca dos «Seis poemas galegos» (1935), e o catalán Carles Riba, autor de 205 versos en galego distribuídos en dous poemarios «Cantares d’ amor» e «Cantares d’ amigo», publicados en 1911.
María Victoria Moreno foi cidadá e escritora galega por elección consciente e persistente, idéntica escolla a que fixo a escritora e académica Marilar Aleixandre, que converteu a ambas as dúas escritoras e fundadoras da nosa literatura infantil e xuvenil en referentes dun impagable galeguismo de adscrición e tradición republicana. María Victoria Moreno confesou que a súa relación con Galicia e a súa opción pola súa lingua foi «simplemente unha historia de amor». Demóstrano Xavier Senín e Isabel Soto na biografía «María Victoria Moreno. Sementadora de futuro» (Xerais 2018), cando lembran a mañá bretemosa de agosto de 1963 na que chegou a estación de Redondela para despois descubrir en Pontevedra, unha cidade que lle pareceu fermosa, onde alugou un ático orientado ao solpor, todo o que podía desexar: «xentes acolledoras, paisaxes marabillosas, un clima feito a medida do meu carácter e tantas cousas máis…»
Como relatan os seus biógrafos que en 1965, despois de aprobar a oposición de Profesora Agregada de Lingua e Literatura Española, María Victoria escribiu no Instituto Masculino de Lugo durante dous cursos unha páxina indeleble na súa vida na que Galicia aniñou no seu corazón: «Foi en Lugo onde Galicia se revelou ante os meus ollos, enteira, no seu ser, na súa cultura, no seu feitizo, na súa problemática e na súa lingua». Revelación na que tivo tamén que ver a amizade que trabou con Xesús Alonso Montero, daquela o catedrático do seu departamento, e que a levaría a sumarse dende entón á defensa da lingua galega e á loita pola súa dignidade.
Compromiso adquirido coa lingua galega, que asume como propia, ao que tampouco foi alleo o seu amor vocacional polo ensino que dende 1967 desenvolveu no Instituto Feminino de Pontevedra como profesora de Lingua e Literatura Española. María Victoria contaxiou alí a rapazas de quince e dezaseis anos tanto a súa paixón pola lectura literaria como o interese pola realidade lingüística e cultural de Galicia. Confésao a profesora Moncha Fuentes, unha das súas alumnas: «Unha María Vitoria Moreno, xove, entusiasta, e recén chegadiña de Lugo ensinábanos a amar a nosa lingua –que tamén fixo súa– e a ler a Rosalía, a Valle e a Miguel Hernández».
Compromiso que a partir da década de 1970 levaría a María Victoria Moreno a participar no mundo cultural de noso impartindo algúns dos primeiros cursos de galego, ditando conferencias, participando na aventura da libraría Xuntanza de Pontevedra (1973-1976), editando a antoloxía «Os novísimos da poesía galega» (1973), publicando artigos en defensa do idioma como «No dejéis que muera vuestra lengua» («Diario de Pontevedra», 1973) e comezando a súa traxectoria como unha das creadoras da literatura infantil en galego coa publicación de «Mar adiante. Historias de nenos pra nenos» (Edicions do Castro, 1973).
No difícil período tardofranquista María Victoria afondou no compromiso co proxecto de defensa social do galego e coa causa quixotesca de alfabetizar aos galegos na súa lingua propia. Entre 1971 e 1975 esta profesora extragalega impartiu de maneira gratuíta cursos de galego en diversas sociedades culturais, como Amigos da Cultura de Pontevedra ou Ateneo de Ourense, o que lle supuxo en 1973 a apertura dunha ficha policial, a retirada do pasaporte, un rexistro domiciliario, ademais de sentirse calumniada, difamada e rexeitada por parte da sociedade franquista pontevedresa.
Compromiso coa lingua galega que na década de 1980, xa no período autonómico, mudaría (por ventura) de carácter, impartindo cursos de galego dirixidos a docentes, participando na elaboración de libros de texto da editorial Galaxia dedicados á literatura galega no ensino medio e desenvolvendo unha obra pioneira e referencial no eido da literatura infantil e xuvenil.
Eis a traxectoria dunha escritora galega cento por cento.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir