Magasins

Esta tarde estiven durante dúas horas nun hipermercado francés. Curado das incomodidades de acudir a un espazo comercial ateigado de xente, foi este un exercicio moi útil para enfrontarse coa crúa realidade social e cultural na que vivimos. Non atopei nin un só letreiro, reclamo nin etiqueta na nosa lingua, nin sequera nos escasísimos produtos galegos á venda (empanada, bica gallega, quesos de tetilla, tintos gallegos…), cualificados como “regionales”. Iso si, os altofalantes emitían, de cando en vez, patéticos reclamos para atopar aos pais dunha neniña perdida, nun español agalegado fonetica e sintacticamente que non melloraría o novo embaixador vaticano.
A sección de libros –presidida por un impresionante expositor do novo Harry Potter (“Oferta: 5% de desconto”, unha falsidade, xa que estes descontos son os que autoriza a Lei do libro para as vendas ao contado)– reduce a oferta editorial a unha lamentable enxurrada de produtos editoriais presumiblemente de “boa saída” (confesións de Mila Ximénez e outras marabillas do xénero de libro clines). Outrosí sucedía coa música (grande lanzamento de Manu Tenorio) ou coa rancia sección de DVDs da serie B.
O máis chamativo que atopei foi unha oferta de Tulipán (500 gramos) a 1,75 € coa que agasallaban un minidicionario de inglés. Foi a primeira vez que vin na miña vida un libro retractilado exposto nunha cámara refrigerada. Unha auténtica xenialidade do responsable de mercadotecnia para alixeirar almacén.
Nunca fun partidario de demonizar a ninguén, mais non podo evitar o noxo que me producen estes xigantes franceses da distribución. Os nosos responsables políticos deberían ser conscientes que cada vez que lles conceden unha autorización de apertura están autorizando, tamén, estas prácticas tan escasamente normalizadoras e respectuosas coa nosa identidade e coa formación dos nosos cidadáns.
Sendo rigorosos, tamén, hai que dicir que outras cadeas (neste caso con máis dificultades para poder conseguir unha licencia en Vigo ou na Coruña) teñen un comportamento digno coa nosa lingua e coa distribución dos nosos produtos. Queixámonos amargamente de que os mozos non falan galego, cando o futuro da política lingüística tamén se libra neste difícil terreo do urbanismo e do comercio.

1 comentario
  1. Lola
    Lola Dice:

    E aínda por riba, no Vieiros de hoxe vén a noticia de que a Secretaria Xeral de Política Lingüística anuncia que os meses vindeiros serán “de transición” e se dedicarán “á análise e á avaliación da situación actual”. Non estará xa sufientemente analizada e avaliada? Non coñecen os últimos estudos do Consello da Cultura? Cando comezarán a aplicar algunha das medidas que figuran no Plan Xeral de Normalización, aprobado polo Parlamento? Algunhas transicións parecen interminables.

Los comentarios están desactivados.