M.L. Estefanía e a editorial Cíes
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da estrea do documental de José Ballesta, recupero a memoria da editorial Cíes de Eugenio Barrientos «Tetilla».
A estrea da excelente longametraxe documental Marcial Lafuente Estefanía. Galicia máis oeste que nunca de José Ballesta é unha boa oportunidade para lembrar as relacións que con Vigo mantivo o autor máis emblemático do xénero da novela popular do Oeste. Unha relación na que é indispensable recordar ao seu primeiro editor, o vigués Eugenio Barrientos López, o propietario da editorial Cíes, que dende 1941 a 1958 tivo a súa sede na Libraría Tetilla da rúa Elduayen.
«Tetilla», como era coñecido o editor Barrientos, un auténtico xenio da edición, aínda non
abondo recoñecido, foi en 1945 o inventor en España do formato da novela de peto («bolsilibro») e dun curioso sistema de distribución por kioscos, no que tanto se vendían como se prestaban os libros. Axudado polo famoso editor catalán Ramón Sopena, comezara o seu labor editorial publicando novelas policiais e románticas. Cando coñeceu en Portugal as novelas americanas de «pulp fiction», puxo en marcha senllas coleccións de novelas de oeste, «Biblioteca X» (200 títulos), e logo, «Rodeo» (800 títulos), que pasaría á historia como a colección deste tipo por excelencia, nas que publicaron os seus dous principais novelistas: Marcial Lafuente Estefanía (MLE) e Fidel Prado (un letrista notable de cuplés). Sen esquecer a Corín Tellado, a famosísima autora asturiana, que tamén publicou as súas primeiras obras en Cíes, na colección de novela sentimental, na que o propio Estefanía chegaría a publicar algún título baixo pseudónimo feminino.Os libros de Cíes concebíanse en Vigo, onde MLE viviu e escribiu de 1943 a 1951, as xeitosas portadas a cor preparábanas en Barcelona os ilustradores Moreno e Tomás Porto, eran impresos e encadernados con fío cosido en Bilbao por Artes Gráficas Grijelmo e, finalmente, distribuídos para toda a España dende o almaceniño da editorial en Elduayen onde un encargado e dúas rapazas facían os paquetes que se envían por correos. Un incrible modelo de edición popular periférica en tempos de dura posguerra, que desenvolveu un catálogo de case 1.500 títulos, estimándose que puido chegar a publicar seis millóns de exemplares das súas novelas veloces de xénero romántico e de vaqueiros que formaron como lectores e lectoras a millóns de persoas. Cíes solicitaba escritores en anuncios nos principais xornais de España baixo o lema: «Editorial Cíes. Creadores de rotundos éxitos». Publicou, ademais, libros de literatura xuvenil de rancio sabor franquista, en coleccións de edición acartanoda como «Amenus».
Marcial Lafuente Estefanía foi o autor principal da editorial Cíes. Nacido en Toledo en 1903, fillo dun maxistrado do Tribunal Supremio, enxeñeiro de camiños de profesión, defendeu a República como Comisario General na fronte de Toledo. Rematada a guerra, tras eludir con moita fortuna o pelotón de fusilamento, sufriu o cárcere durante dous anos e medio. Estableceuse en Vigo no ano 1943, grazas as xestións de Eladio, un padre carmelita que fora confesor do seu pai, quen tamén o recomendou a Eugenio Barrientos, a quen lle presentou dúas das primeiras novelas de vaqueiros que, probablemente, escribira no cárcere. Instalado coa súa familia nun segundo piso do edificio Pernas das Travesas, alí comezaría a súa frenética colaboración con «Tetilla», chegando a escribir a man catorce cuartillas diarias, o que supoñía dúas novelas á semana. Estefanía como escritor naceu en Vigo. É probable que as súas primeiras novelas en Cíes fosen La cobardía de Dick (1943), tamén a primeira da «Biblioteca X», a pesar de que fose asinada co alcuño de Williams Grey, ou El crimen perfecto, asinada por Dan Lewis, sendo nese ano a primeira das asinadas co seu nome Temple del Norte. Usou outros alcuños como H. Estol, M.L. Bertel ou Arizona até que se popularizou o M.L. Estefanía como auténtica marca destas novelas das que nos seus momentos de maior apoxeo a editorial Cíes chegou a vender trinta ou corenta e mil exemplares. En pleno éxito, unha oferta imposible de rexeitar de Bruguera levouno a fichar polo editor catalán e instalarse en Madrid en 1951, onde completaría durante tres décadas, coa axuda dos seus fillos e continuadores Francisco e Federico, un catálogo que se estima acadou os tres mil títulos e os 50 millóns de exemplares vendidos. Pola súa banda, en 1958, Barrientos decidiría poñer fin a un proxecto que durante máis dunha década fixo de Vigo a capital editorial da novela popular en castelán.
Vigo como cidade de novela e capital editorial de Galicia debe honrar a memoria de Marcial Lafuente Estefanía e Eugenio Barrientos, dous heroes da novela popular, o celme lector de varias xeracións. Únome á proposta cívica de lembralos co nome dunha rúa ou dun espazo público. O seu labor pola lectura ben o merece.
The auspicious celebration of Rakhi is on 2nd August 2012. It’s the perfect time to celebrate the special bond of a brother and sister. Perk up the lives of your loved ones with our wonderful Rakhi gifts for delivery all over India. For details, visit http://www.rakhiworldwide.com/rakhi2.asp