Luces republicanas
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 90 aniversario da proclamación da Segunda República:
Salvador Rodríguez lembraba moi oportunamente o domingo nestas páxinas de Faro de Vigo as figuras dos primeiros alcaldes republicanos das cidades galegas con motivo do noventa aniversario da proclamación da Segunda República. E lembraba que foi o concello de Vigo o primeiro de España no que durante tres cuartos de hora ondeou a bandeira republicana, izada a unha da madrugada do 14 de abril de 1931 no balcón da casa do concello por simpatizantes republicanos e retirada minutos despois pola Garda Civil. Unha madrugada de entusiasmo na que os republicanos vigueses reunidos na Porta do Sol celebraban a vitoria (axustada, por apenas 1.500 votos) nas eleccións municipais do 12 de abril e agardaban as novas chegadas de Madrid recollidas polos xornalistas de El Pueblo Gallego, ao tempo que as orquestras dalgúns cafés do centro interpretaban os acordes da Marsellesa, himno da liberdade que anunciaba a chegada da República.
Habería que agardar até ás oito da tarde do 14 de abril para que as figuras do movemento republicano vigués, entre elas o avogado Amando Garra Castellanzuelo e o líder socialista Emilio Martínez Garrido, anunciasen dende o balcón da Casa do Concello a constitución da Xunta municipal de concelleiros electos, como goberno lexítimo de Vigo, solicitasen disciplina e cordura á cidadanía e ao alcalde monárquico Casiano Méndez o inmediato traspaso da alcaldía. Mágoa que boa parte daqueles políticos republicanos vigueses participantes nunha xornada esperanzadora fosen cinco anos despois, como amosan os traballos do historiador Xoán Carlos Abad Gallego, actual presidente do Instituto de Estudios Vigueses, vítimas da represión tras o golpe de estado do 18 de xullo de 1936.
O primeiro alcalde republicano Enrique Blein Budiño, tras ser encarcerado, morreu o 10 de decembro de 1936 doente de cancro no Hospital Municipal, sendo multada a súa familia con 50.000 pesetas e embargados os seus bens. Emilio Martínez Garrido, alcalde de 1932 a 1934 e tras as eleccións de febreiro de 1936, membro da comisión de alcaldes de Galicia que viaxou a Madrid para entregar o 13 de xullo de 1936 o Estatuto de Galicia aprobado en referendo, sería fusilado no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936, xunto a outras oito persoas, entre elas os socialistas José Antela Conde, o primeiro alcalde de Lavadores, e Heraclio Botana Pérez, concelleiro elixido tamén naquela primeira corporación republicana de 1931. Como o mestre socialista Víctor Fraiz Castellanos, que interveu tamén aquela tarde do 14 de abril, internado na Illa de San Simón, sería paseado o 10 de novembro de 1936 na estrada Redondela-Vigo, na Cuncheira. Represión que sufrirían tamén os primeiros alcaldes republicanos de Ferrol, Xaime Quintanilla Martínez, paseado o 17 de agosto de 1936, e de Vilargarcía, Elpidio Villaverde Rey, fuxido e exiliado na Arxentina até o seu pasamento en 1962.
Tras décadas de esgotamento da restauración borbónica de 1876, incluídas as ditaduras de Primo de Rivera de comezos dos felices anos vinte e de Berenguer dos convulsos trinta, a Segunda República proclamada hai noventa anos, encarnaba os valores republicanos tradicionais (as luces da república) de liberdade, igualdade e fraternidade, mais tamén os de laicidade, austeridade, racionalidade, deliberación e exemplaridade que serían desenvolvidos tras moito debate nos 125 artigos da Constitución aprobada o 9 de decembro de 1931. Toda unha concepción nova do estado de dereito que por primeira vez recoñecía un amplo catálogo de liberdades, dereitos (entre eles o sufraxio feminino) e obrigas a cidadanía que permitisen unha democratización plena. Un modelo modernizador do estado dotado cun forte constituínte social, que privilexiaba o ámbito educativo, considerado como a principal carencia dun país entón analfabeto, e a mudanza das estruturas sociais e económicas do mundo do traballo (seguro de doenza, paro, vellez e invalidez). Ao tempo que pretendía abordar, con bastante menor fortuna, o problema territorial, o «caso catalán» e os das mal chamadas rexións.
Nove décadas despois daquel 14 abril, no marco do deterioro da imaxe da monarquía borbónica producido na última década, cabe preguntarse se é posible a re-existencia dun novo movemento republicano capaz de presentarse como alternativo por ofrecer unha lectura actual dos valores da igualdade e do catálogo dos dereitos cívicos, como das aspiracións nacionais e da propia supervivencia do planeta. Un novo republicanismo plural e politicamente transversal que sen renunciar ao lexítimo exercicio de memoria histórica, aínda incompleta, con moitos cadáveres nas fosas e gabias, non pode aparecer nin como arremedo nostálxico da Segunda República nin vencellado exclusivamente coa esquerda.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir