Festa do cabazo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a festa do cabazo do Carballal:
Organizada pola Asociación Cultural «O Coto», celébrase cada terceiro domingo dende 1984 a festa do cabazo no cabralexo colexio do Carballal. Unha festa gastronómica das máis enraizadas do concello de Vigo, que comparten máis de dúas mil persoas, coa que remata o calendario de grandes encontros anuais de exaltación da comida ou dalgún produto alimenticio concreto. Un ciclo festeiro gastronómico vigués iniciado na primeira fin de semana de xuño coa feira e festa da cereixa de Beade, creada en 1986 e organizada polo CSCR de Beade, á que seguen a festa da sardiña de Teis, creada en 1974 por Ramón Rodríguez «O Gholas» na carballeira do monte da Guía; a romaría do pan de millo de Cabral, organizada dende 1987 polo CCR de Cabral o derradeiro domingo de agosto no parque forestal de Becerreira; a festa do pexego de Candeán de setembro e as organizadas pola Federación de Peñas Recreativas El Olivo, a recuperada festa do mexillón do Parque de Castrelos de primeiros de setembro e o tradicional Magosto do Berbés do segundo sábado de novembro. Festas todas nas que ademais de compartir a familia mantenza e andar de ghavota, a prezos accesibles, nunca falta a música tradicional e o emprego vehicular da lingua galega.
Festa do cabazo do Carballal da que asumín nesta súa XXXVII edición a responsabilidade de pronunciar o pregón de exaltación dun froito da outonada, chamado noutros lugares de Galicia, cabezalote, cabaza ou calacú, que neste tempo de facer memoria de Santos e Defuntos e Magostos, vai abrindo os postigos á invernía e as súas matanzas e nadais. Regalía da horta nosa, para o etnógrafo Felipe Senén, ovos da terra preñados de infindas pebidas, que comezan a dourar e a ofrecerse ao imaxinario da tradición. Esféricas testas, caprichosas formas hortícolas labradas polos catro compoñentes da vida: terra, auga, aire e luz solar. Cabezas que emerxen da terra para agardar o saber da man hábil creadora do artesán que lle labre a faciana na cortiza ou a dispoña para ser preparado coas artes da nosa culinaria. Cabazos cultivados nas ribeiras do Lagares, o antigo río Sárdoma, terras vizosas do Val do Fragoso, onde se estendeu a nosa grande urbe atlántica, ese Vigo de tradición agraria, hoxe espazo simbiótico industrial. Cabazos cabralexos que son froitos privilexiados e testemuñas dunha tradición e duns labores agrícolas que sobreviven nun Vigo en bisbarra complexa, como o definiu Ramón Otero Pedrayo.
Culinaria do cabazo, da que temos primeira referencia documentada no libro da cociña galega de Álvaro Cunqueiro, que a Caixa de Aforros de Vigo publicou en 1973, na que achega receita dun caldo galego, «moi propio dos días medianeiros de outono, cando xa nos cabazos (canastros) maduraron ao sol os calabazotes, e hai fabas novas de tarde». Imaxino que este caldiño de cabazo de Cunqueiro está para bailar nunha peneira, xaora nesta festa do Carballal o público tivo a posibilidade de dar un raite por moitas outras posibilidades culinarias e atopar cabazo en flans, marmeladas, galletas, pasteis, pisto, pan, empanadas e que sei eu. Preparacións moi saborosas todas, como para facer barro coas orellas, frase feita da nosa fala viguesa coa que expresamos a calidade de facer algo moi ben feito. Sen esquecer as receitas das chulas de calacú presente nos libros clásicos de Repostería en Galicia de Fina Casalderrey e de Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto, autoridades na gastronomía de noso. Chulas que forman parte das nosas froitas de tixola, como orellas ou filloas, preparación semellante á que as portuguesas chaman sonhos, nome literario tan suxestivo que podería adoptar a festa do Carballal: «soños de cabazo». Como aconsellan as autoras que á hora de reinterpretar unha receita de orixe popular, como as chulas das que xa falaba Picadillo, non esquecer de botar na tixola unha pela de laranxa e retirala cando estivese dourada.
Como é outra preparación do cabazo transformalo en cabelo de anxo, o ingrediente utilizado para a elaboración de tortas emblemáticas de Galicia como as de Mondoñedo, Viveiro ou Ortigueira, moi utilizado na dozaría portuguesa, ao que chaman doce de xila. Elaboración artesá, onde semella que a clave reside en, despois de enfornar e baleirar o cabazo, desfacer coas mans a polpa en filamentos, que se mesturaron co azucre. Culinaria por ventura en transformación que hoxe utiliza como ingrediente principal a nosa humilde cabaciña, presente nas cartas de cociña contemporánea en pratos como humus de cabazo, manteigadas de cabazo ou cabazo con ricota e pesto xenovés. O cabazo un produto de tempada e de proximidade, protagonista dunha cociña saudable, na que se establece un equilibrio entre o pracer da inxestión e o benestar da dixestión. Beizón ao humilde cabazo, que emerxe da terra para o noso gozo e beneficio.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir