Fenómeno Rosalía
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo o Día de Rosalía.
A pesar de non ser incluído no “Calendario do Libro e da Lectura 2014” da Consellaría de Cultura e Educación, a celebración do Día de Rosalía foi un éxito cívico. Ademais da tradicional ofrenda floral en Compostela, lembrando o seu nacemento no Camiño Novo o 24 de febreiro de 1837, precedida dunha alborada gaiteira instituída o pasado ano pola Fundación Rosalía de Castro (FRC), numerosos actos de lectura pública de poemas rosalianos, recitais poéticos, conferencias sobre a vida e obra da autora, realización de grafitis en espazos públicos educativos na súa homenaxe, roteiros, concertos ou accións virais en internet, promovidas pola FRC, Asociación de Escritores en Lingua Galega, por outras asociacións e colectivos culturais e feministas de base, por editoriais, librarías e panadarías (en Ourense) e por algúns concellos (como os de Vigo e Pontevedra), ás que habería que engadir as actividades organizadas polos centros educativos no seu horario lectivo, amosaron que a memoria rosaliana e o interese polos seus textos mantéñense moi vivos e presentes na sociedade civil galega. Rosalía de Castro interesa e mobiliza.
Tras o pulo que supuxo a celebración do sequiscentenario da publicación de “Cantares Gallegos” no prelo de Juan Compañel na viguesa rúa Real, o que podemos chamar “fenómeno Rosalía” tinguiuse coas trazas do século XXI. Á publicación da extraordinaria edición anotada de “Cantares Gallegos” (Xerais), tanto en formato impreso coma dixital, realizada por Anxo Angueira, actual presidente da Fundación RC, uniuse a publicación da edición ilustrada (El Patito editorial) preparada por Pepe Barro e da tradución inglesa (Small Stations Press) de Erin Moure, ademais da tradución dalgúns dos seus poemas a 27 linguas, cos que se engalanaron algunhas rúas do Casco Vello de Vigo. Ademais, Rosalía presentouse nunha modélica web da súa fundación e dialoga con éxito nas redes sociais xa que está presente en Twitter, Facebook e Youtube. As autofotos con algún motivo relacionado con ela (un dos seus libros, unha das súas camisolas ou outros obxectos nos que esta presente a súa imaxe), coñecidas en internet como “selfie”, compartíronse onte a centos nas redes coa etiqueta #euRosalia. Outro fito xaora para unha autora sempre rabiosamente moderna e avanzada.
Outrosí sucedeu coa publicación no último ano de media ducia de libros cedé de temática rosaliana, unha colleita moi vizosa con froitos tan logrados como “Rosalía pequeniña” (Galaxia) de Uxía, “A miña primeira Rosalía” (Xerais) de Xiana e Xosé Lastra, “Nas tardes escuras” (El Patito editorial) de Narf, “A Rosa d’Adina” (Músicas de Salitre) de aCadaCanto, “Cantares para Rosalía” (Consello da Cultura Galega) no que nove poetas galegas de hoxe dialogan con ela, até o recentísimo “De Cantares hoxe” (“Diario Cultural” da Radio Galega) no que 36 poetas recrean na súa voz os poemas de Rosalía. Sen esquecer a achega que para a popularización da autora supuxeron as exposicións de carácter didáctico e divulgativo, sendo especialmente importante a instalada en Vigo pola Fundación Barrié sobre “Rosalía de Castro e o seu tempo”, preparada por Pepe Barro e visitada por milleiros de persoas.
E entre os libros de temática rosaliana publicados no último ano destacan “Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro” (Alvarellos) da profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro, “O epistolario de Rosalía de Castro”, que se pode consultar na web do Consello da Cultura Galega, e a biografía plurilingüe de Manuel Lorenzo Baleirón, “Vida de Rosalía de Castro” (FRC) na que se recollen os avances que nas últimas décadas se produciron na investigación sobre a autora de “Follas Novas”.
Particular interese para entender o “fenómeno Rosalía” ten “Rosalía de Castro. Imaxe e realidade” (Xerais 2014) no que Fernando Pereira Bueno, profesor do IES Carlos Casares, analiza a representación icónica da autora a partir de pinturas, debuxos e outras técnicas artísticas. Tras estudar máis de duascentas pezas nas que aparece Rosalía (dende as sete fotografías conservadas e o retrato que en vida lle realizou Modesto Brocos, cedido hai pouco pola Deputación da Coruña á Fundación Rosalía de Castro, pasando pola presenza da poeta nos billetes de 500 pesetas, nos selos e nas vitolas de puros, até os carteis e as camisolas deseñadas por Rei Zentolo), Fernando Pereira considera que Rosalía de Castro é “a icona máis popular de Galicia”, “a primeira marca galega” e mesmo “a imaxe máis universalizada de Galicia”, o que non deben de estrañarnos tratándose do “personaxe predilecto dos galegos” segundo algunha enquisa. Esa unanimidade interxeracional explica o éxito dunha data literaria con vontade de converterse en efeméride nacional.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir