Educación lenta
Defendo que a lentitude é unha calidade da educación. Posición que coñecín coa publicación do ensaio Elogi de l’educació lenta (Graó 2009), onde o mestre Joan Doménech propoñía unha nova ollada centrada no tempo educativo coa intención de obter aprendizaxes de calidade. Reivindicación da lentitude como cerna do acto de aprender recollida polo mestre Gianfranco Tavalloni en La pedagogía del caracol. Por una escuela lenta y no violenta (Graó 2011) e plasmada na imaxe do vagaroso cascarolo que enfundado na súa casa andante percorre os camiños, deixando unha brillante estela o seu paso. Doménech e Tavalloni defenden diminuír a velocidade dos procesos educativos, que insisten máis nos procesos avaliadores ca na calidade das aprendizaxes. Como denuncian que a velocidade é responsable indirecta da actual crise planetaria, tanto polo incremento da velocidade no consumo enerxético superior ao da súa creación; como a velocidade de produción de refugallo é superior á da natureza para reabsorbelos. Estratexia educativa decrecentista que pasa por introducir estratexias didácticas de desaceleración que, a pesar de que poidan parecer vellas, pagan a pena recuperar. Van unhas cantas para as aulas de infantil e primaria: dispoñer de tempo abondo para escoitar, conversar e xogar entre todos e todas; recuperar a boa letra nos cadernos, compartir a lectura en voz alta, debuxar en vez de fotocopiar, cantar e danzar, camiñar a pé cos colegas, escribir cartas aos nosos correspondentes, enviar tarxetas postais, cultivar na horta escolar, recoller os datos da estación meteorolóxica, mirar as nubes do ceo ou só mirar con curiosidade pola fiestra… Reclamemos unha escola lenta que, no marco do actual deseño universal de aprendizaxe, é tamén a que mellor acolle a diversidade e a neurodiverxencia. Convenzámonos que na escola, como noutros moitos ámbitos, paga a pena ser máis lentos e volver gozar das paradas para coller folgos. Perder tempo para gañar tempo, porque a velocidade apréndese na lentitude.
Publicado en Nós diario: 19/03/2024
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir