Discreción
Hai catorce anos da publicación Do orixinal ao libro (Xerais 2009), o primeiro manual de edición técnica en galego, preparado por Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Lembro aquel lanzamento pola defensa que o autor facía do traballo do editor, que comparaba coas copas de cristal, transparente e invisible, argumentando logo que unha virtude que non lle pode faltar é a da discreción, evitando cometer lixeirezas ou imprudencias no seu labor artesán e mediador. Discreción que compartín procurando que o traballo de edición pasase desapercibido e que fosen os libros que editabamos, os autores e autoras a quen acompañabamos ou as fórmulas de edición polas que apostabamos as que brillasen diante do público de lectores e lectoras e fosen recoñecidas como valiosas pola crítica e a mediación. A pesar das esixencias actuais da caligrafía dixital das redes nunca acreditei nos «editores estrela». Emporiso, na edición os editores proporcionamos apenas o soporte da imprescindible e demorada edición textual, a fabricación do libro (impreso ou dixital) e o imprescindible contexto (catálogo) no que se promociona e distribúe. Tarefas que só pode desenvolver un equipo motivado e reducido de persoas. Nunha editora cultural (o modelo de edición que pretendín promover en Xerais) é o equipo de edición e promoción quen debe manter unha conversa cos seus contemporáneos. Deste xeito irá construíndo devagariño o catálogo que ofrece os seus públicos. Nese espazo de edición e lectura é onde van creando a obra colectiva da editorial que precisa do paso do tempo para ser valorada con xusteza. Este modelo de edición cultural é dificilmente compatible coa velocidade que rexe na edición galega actual, na que as novidades permanecen apenas unhas poucas semanas nas mesas das librerías antes de ser substituídas pola nova remesa. Discreción e lentitude precisas na edición como ingredientes indispensables son tamén da propia lectura.
Publicado en Nós diario: 12-04-2023
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir