Cuestionario Lamote de Gálix
Así respondín o cuestionario Lamote como socio de Gálix:
-. Ti es o socio número 162. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?
-. Asocieime para contribuír a unha asociación que defende devezos que eu sempre compartín e continúo compartindo tanto como mestre e como editor en lingua galega: o da promoción da lectura en galego dende a idade máis temperá, o da formación do lectorado literario e o papel da mediación educativa, libreira e bibliotecaria como, sobre todo, o do desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil como un xénero literario autónomo e a súa visibilidade e valoración no mal chamado sistema literario galego.
-. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
-. Son mestre de educación infantil dende hai corenta anos. Dende entón estou comprometido coa causa da escola en galego e, moi especialmente, da lectura na nosa lingua. Desde hai catro décadas interesoume o desenvolvemento do xénero infantil e xuvenil, fose como mestre, despois como autor de textos, como editor e responsable de coleccións ou mesmo como pai e mediador da lectura.
-. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?
-. Hai case cincuenta anos que comecei o bacharelato na Universidade Laboral da Coruña onde descubrín o cine e a lectura. Contabamos cunha biblioteca moi completa que nos permitía lecturas moi diversas, dende Cien años de soledad de García Márquez até os primeiros libros en galego, como Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, Cousas de Castelao ou Vento ferido de Carlos Casares. E novelas policiais e de guerra da colección Reno coas que matábamos o tempo no internado.
-. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?
-. Non hai un libro só imprescindible. Hai libros moi valiosos que contribuíron a conformar a nosa biografía lectora e alimentar un catálogo do xénero, que na actualidade conta en galego con máis de cinco mil títulos. Emporiso non quero citar un imprescindible e, en todo caso, recomendar catálogos de imprescindibles onde aparecen títulos en galego, como Contos por palabras de Agustín Fernández Paz, Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo ou Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín, por lembrar aos tres fundadores chairegos da Xeración Lamote.
-. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?
-. Da literatura infantil e xuvenil galega da derradeira década o personaxe da Señorita Bubble de Ledicia Costas paréceme moi brillante, tanto polo contexto steampunk no que se move, como polo carácter afouto co que expresa a súa convicción polo valor da ciencia, o coñecemento e as tecnoloxías industriais. Unha marabilla!
-. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?
-. Pepe Carreiro ilustrou Dona Carme, o albunciño que publiquei en 1989, fixando a imaxe visual da protagonista e dos animais que durmían debaixo da súa cama. Con este libro aprendín que a ilustración é una creación moi complexa e obriga a afondar varias capas na lectura dos textos. Por ventura hoxe contamos cunha excelente nómina de ilustradores e ilustradoras capaces de dialogar coas autorías dos textos e das editoras dunha forma non subalterna, una expresión da madurez do propio sector en Galicia.
-. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
-. Nesta altura a maior fortaleza é a excelencia do catálogo conformado, un éxito colectivo das autorías de textos e ilustracións, das editoras como dun sistema de mediación, especialmente nas bibliotecas escolares. A maior debilidade é a magnitude reducida dos públicos infantís e xuvenís, que continúan minguando. É imprescindible vender dereitos de tradución e concertar coedicións de libros ilustrados, sen menoscabo de abordar a necesaria hibridación dixital que tamén chegará ao libro infantil.
-. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
-. Sen dúbida, a calidade do libro infantil ilustrado, coa achega extraordinaria de Kalandraka, e a consolidación de coleccións graduadas como Merlín, Sopa de Libros, Fóra de Xogo, Costa Oeste, Oqueleo, á que non foron alleas a presenza dos autores e autoras nos centros escolares e a creación dunha modélica rede de bibliotecas escolares. Tamén foron importantes os premios nacionais, que contribuíron a reforzar autoestima do sector e a súa visibilidade, fendendo moitos prexuízos moi ancorados no sistema literario galego, de considerar a lix como xénero menor, escolar ou subsidiado.
-. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
-. Por ventura a LIX galega faise respectar cada vez máis e de forma máis visible. Con todo, aínda hai agra abonda que labrar, sobre todo no que respecta a visibilidade dos libros da LIX nas librarías xeralistas, nos xornais impresos ou na rede de crítica literaria galega, tanto na informal como na académica.
-. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.
-. Defendo dende hai tempo a creación dunha Oficina do Libro Galego, como entidade pública e privada, para proxectar o libro, a literatura e a lingua galega fóra de Galicia. Como defendo a elaboración dun Plan Galego de Lectura, previsto na incumprida Lei do Libro e a Lectura de 2006, como estratexia transversal e interxeracional de fomento da lectura entre toda a poboación. Dúas iniciativas que contribuirían a reforzar a LIX galega e o noso sector editorial.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir