Cines de Vigo

O arquitecto José Antonio Martín Curty sabe moi ben que os vellos cines vigueses balizaron a nosa memoria. A aparición do seu libro, Cines de Vigo (Instituto de Estudios Vigueses, 2004), supón a recuperación do esquecemento deses espazos culturais que conformaron o patrimonio cinematográfico vigués, hoxe desaparecido case que na súa totalidade. Este último libro dun dos destacados estudosos do noso patrimonio arquitectónico (son tamén súas as monografías sobre Pacewicz e sobre o Edificio Rubira) constitúe unha obra de investigación exhaustiva e documentadísima, ao tempo que unha historia sentimental e íntima sobre o cinema na nosa cidade.

O doutor Carlos Castilla del Pino, autor dunha longa autobiografía de lectura moi recomendable, recollida nos volumes Pretérito imperfecto (Tusquets, 1997) e Casa del Olivo (Tusquets, 2004), cre que a memoria sempre é reinvención e o esquecemento unha forma, economicamente necesaria, de disolver aquela parte nosa que, por diversas razóns non toleramos. A memoria sería, pois, unha reinvención socialmente necesaria que se conforma coas lembranzas e emocións persoais, mais que se enriquece cos datos proporcionados pola investigación histórica recente e a memoria persoal dos outros. Quizais sexa pola súa poderosa capacidade de recordo, onde resida a maior grandeza deste fermoso libro de Curty. Debullando estas máis de trescentas páxinas, enchidas de planos, alzados das edificacións ou fotografías dos cines, da súa cartelaría ou mesmo dalgunhas das súas entradas, dispáranse as lembranzas que cadaquén, sen pretendelo, gardou sobre eses espazos entrañables de escuridade luminosa, onde vivimos algunhas das emocións decisivas que conforman o que hoxe somos. Máis ca un libro, este de Curty é un almacén de luz sensible de enorme capacidade evocadora.

Sen dúbida que para o autor, que se confesa no prólogo un cinéfilo empedernido, moito significou o Ronsel (o primixenio cine Casablanca), onde foron estreadas A hard day´s night en 1965 e Help en 1966, as primeiras películas protagonizadas por aqueles inesquecibles “ye-yés” de Liverpool. Sen embargo, a miña querenza quedou prendida nas películas de Fantomas e de Louis de Funes da primeira sesión da tarde dos domingos no humilde cine Disol de Travesas, onde meu avó Suso Beleiro traballaba na carpintaría de Dignatario Cerdeira Señoráns, o empresario de boa parte dos cines periféricos vigueses (aspecto abordado no volume, o que é moi de agradecer) como o Avenida do Calvario ou o Mary de Valladares. Máis tarde, formeime nas sesións dos sábados do Cine Salesianos (tamén aparece no libro, ao que semella non escapárselle detalle ningún), que animaba don Salvador Penín, quedando marcado por Perros de paja ou Farenheit 451 e onde, logo, fundariamos o cine-clube Abertal, o primeiro de carácter xuvenil que funcionou en Vigo, que organizaría a estrea de Malapata de Carlos Piñeiro, a primeira longametraxe do cine galego. Co libro de Curty cadaquén poderá reinventar a súa memoria persoal do que viviu nas salas de Isaac Fraga Penedo (propietario do Fraga, Tamberlick, Odeón I e II,) ou de Eugenio González de Haz (dono do Cinema Radio, Rosalía de Castro, Vigo, Plata), ao tempo que entender as razóns da súa crise e do seu proceso de desaparición sistemática e substitución polos multicines actuais.

Hai ademais neste libro, outro elemento clave que non debemos deixar de salientar: contribúe a densificar o pensamento conservacionista desta cidade desmemoriada que ata ben pouco arrasou sen contemplación ningunha co seu patrimonio máis valioso. Hoxe sabemos que barbaridades como o derrube do Tamberlick ou do vello Odeón de Urzaiz non serían posibles. Razón de máis para intentar rescatar para o patrimonio municipal as dúas pezas deste patrimonio cinematográfico, deseñadas polo arquitecto Francisco Castro Represas, que, aínda que pechadas, permanecen en pé: o cine Vigo (espazo céntrico ideal para instalar alí ese teatro municipal e sala de concertos mediana do que carecemos) e o cine Plata (magnífico para ubicar un auditorio e centro cultural para o barrio de Casablanca). Os grupos municipais non deberían desbotar á lixeira estas posibilidades que, con planimetría incluída, suxire a lectura do libro que comentamos.

Cines de Vigo é, pois, unha obra que non podemos máis ca saudar con entusiasmo e con agradecemento para o seu autor e para os seus editores, porque nos devolve a memoria sobre o devir vigués da expresión artística máis xenuina do século XX. Un libro de cine sobre un pasado que debería servirnos para construír o futuro.

Este artigo foi publicado en Faro de Vigo, o domingo 9 de xaneiro de 2005.

2 comentarios

Trackbacks y pingbacks

Los comentarios están desactivados.