Marina Mayoral: "Case perfecto"

Hoxe recibimos do prelo os primeiros exemplares de Case perfecto, a nova novela de Marina Mayoral. A autora de Chamábase Luis propón unha indagación sobre os territorios da fronteira entre a ficción ou a realidade. Marina obriga a cada lector ou lectora a tomar partido, a decidir se está asistindo ao relato dun crime “case perfecto” ou dun moi desgraciado suceso, produto do azar. Unha novela, escrita nunha poderosa primeira persoa (un longo monólogo de case trescentas páxinas), que debuxa a trama complexa de sentimentos (afectos e rancores) que une e desune aos membros dunha familia.
Sairá ás librarías a vindeira semana e pretendemos presentala coincidindo con Culturgal. Cremos que é unha boa noticia o regreso dunha das nosas narradoras clásicas.

Etiquetas:

Adiviñanceiro popular galego

Acaba de chegarnos do prelo este Adiviñanceiro popular galego, un groso volume de case cincocentas páxinas que recolle tres milleiros de pezas do corpus adiviñancístico de noso organizadas temas. A adiviña é un concentrado poético do saber popular moi característico do mundo agrario, un patrimonio inmaterial que merece ser recuperado e posto en valor.
Sempre gustei editar estes libros de folclore e de compilación da nosa memoria literaria oral (dos que me sinto moi orgulloso), indispensables, ademais, na conformación dun catálogo cultural. Os autores, José Luís Garfer e Concha Fernández, dous dos folcloristas máis destacados da península ibérica, duplicaron nste volume o repertorio que publicaran por vez primeira hai case vinte anos. Este novo adiviñanceiro, ilustrado sobriamente con gravados a linóleo de Fino Lorenzo, enriquece un patrimonio adiviñancístico que xa explorara Paco Martín, Gloria Sánchez ou Palmira G. Boullosa, entre outros folcloristas galegos. José Luís e Concha preparan, agora, unha antoloxía de contos galegos populares en verso que pretendemos publicar en 2008.

Etiquetas:

Limpeza de sangue: primeira crítica na rede

Xa advertimos hai máis dun mes do interese de Limpeza de sangue o premio Álvaro Cunqueiro 2005 de textos teatrais. Hoxe, cun pouco de retraso, coñecín a primeira crítica na rede. Inma López Silva valóraa moito, moito. Transcribo o parágrafo de remate da gabanciosa crítica:

“Non quero deixar de lembrar que Limpeza de sangue vai dedicada, entre outras persoas, a Roberto Vidal Bolaño. Sen dúbida, Roberto semella mestre en moitos aspectos desta obra, fundamentalmente na literariedade das acoutacións e na estrutura secuencial, pero tamén é verdade que Ruibal ten luz propia e amósase orixinal nun texto dramático cuxa gran virtude é saber oscilar entre a literatura, o teatro e mesmo o cine. Pode que sexa herdeiro teatral de Vidal Bolaño, pero Rubén Ruibal ten xa entidade propia no panorama teatral galego, ben acreditada a través de Limpeza de sangue. E seguro que Roberto se aledaría de que o baleiro que nos deixou no nivel creativo comece a ser menos espazoso.”

Parabéns, Rubén. Un moi bo comezo ( e decontado en Libro aberto).

Etiquetas:

Fina Casalderrey, Premio Irmandade do Libro

Recibimos con grande alegría a noticia que o premio Irmandade do Libro á autora do ano foi outorgado a Fina Casalderrey. Recoñécese así a traxectoria dunha das autoras fundamentais no agromar desta auténtica idade de ouro que vive a nosa Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Hai apenas dous meses publicamos A lagoa das nenas mudas (ilustrado por Patricia Castelao, outra marabilla!), unha novela conseguidísima para rapaces de dez anos en diante, que aborda a cuestión da comunicación no novo contexto intercultural; e dentro de apenas dúas semanas aparecerá A pomba e o degolado, título co que a nosa colección Fóra de Xogo chega o seu número 100. Adianto que esta novela, baseada nun caso de acoso escolar, é para min a obra máis conseguida dunha autora que avanza literariamente en cada novo título que publica. Fina recibirá o premio o vindeiro venres 23 de marzo no seo da cea que organiza en Carballo a Federación de Libreiros de Galicia na que intervirá o escritor Manuel Rivas e na que serán outorgados os premios Irmandade do Libro 2006. Alí trataremos de estar, despois da presentación na que participaremos en Ribeira.

Etiquetas:

Saudar a vida

Estes días puxemos nas librarías dúas novas entregas da nosa colección de Ensaio: Saudar a vida de Xavier Seoane e Disidencia ferida de Xabier Alcalde. Dous títulos, que entendo valiosos, de senllos ensaístas de altura que abordan, o primeiro, unha defensa doas humanidades na actual sociedade do coñecemento e, o segundo, unha forma de resistencia fiolosófica fronte tanto pensamento feble que nos invade.
Seoane con esta terceira entrega (despois dos volumes dedicados á arte da lectura e á defensa da poesía) continúa o seu proxecto magno proxecto de revisión ensaística dos problemas da cultura contemporánea (ten case concluída a cuarta entrega e en marcha o volume sobre as artes que pecharía unha obra moi ambiciosa).
Pola súa parte, Xabier Alcalde, a quen coñeciamos como narrador, presenta un texto escrito con espírito lírico e inusitada profundidade filosófica sobre a resistencia en tempos de banalización.
Cremos que esta nova colección de Ensaio, xa acada os dezaseis títulos, constitúe, a pesar da súa tirada modesta, outro dos eixos do noso proxecto literario. Presentaremos estas dúas novas entregas ao longo das vindeiras semanas.

As Literatas

Hoxe, coincidindo coa Día Internacional da Muller Traballadora, aparecen dous novos títulos da colección As Literatas dirixida pola escritora María Xosé Queizán. Esta colección específica de narrativa internacional escrita por mulleres acada os catorce títulos. Foi dende o inicio unha aposta pola tradución para o galego dalgúns dos títulos considerados como máis relevantes da literatura do século XX escrita por mulleres, como O gran caderno, Ana Soror ou Como se non existise (a primeira obra traducida ao galego desde o serbo-croata, finalista do último Premio Nacional de Tradución). As dúas novelas que aparecen hoxe, Ancho mar de argazo e A voda, de dúas importantísimas autoras (Jean Rhys e Carson McCullers ) abondan no proxecto de Queizán. Preocúpame que, a pesar da calidade literaria da colección e a orixinalidade das portadas deseñadas por Revisión, despois de varias anos sexa aínda pouco visible nas librarías e nos propios medios literarios. No entanto, continúo tendo fe nun proxecto desta calidade que agardo atopará o apoio dos lectores e lectoras.

Etiquetas:

Jaureguizar: crónicas da presentación

O que máis gosto das reunións de blogueiros é a lectura das súas crónicas posteriores. Á de onte ben pagou a pena. Eis os textos lúcidos de Alfredo Ferreiro e Pelachos, que resumen os contidos dun logo encontro e substancioso encontro. Unha experiencia a repetir.
Se o servidor de you tube mo permite, intentarei subir algún vídeo máis dos que fixemos (hoxe foi imposible, a pesar de telo intentado unha chea de veces, outra vez será!).

Etiquetas:

Jaureguizar: a novela, un dilema moral

Na súa intervención Jaureguizar explicou que na novela presenta un dilema moral que o lector ou a lectora debe resolver.
Etiquetas: