Onte 1600: Campanades a morts

Encollinme cando escoitei na radio que se cumprían corenta anos da matanza de Vitoria, cando ás portas da igrexa de San Francisco a policía abriu fogo automático sobre centos de obreiros cando eran desaloxados dunha asamblea en solidariedade cos folguistas de Forjas Alavesas. Cinco mortos e medio cento de feridos de bala foi un resultado daquel 3 de marzo, que nos conmocionou cando eramos estudantes, como os asasinatos dos laboralistas de Atocha ou os de Montejurra, que tinguiron de sangue a Reforma Política, un período de esperanza, no que semellaba todo aberto, mais tamén brutal, onde perderon a vida de forma violenta máis de 600 persoas. Os asasinados en Vitoria foron homenaxeados por Lluis Llach en Campanades a morts, nunha peza memorable que continúa emocionándonos.

Onte 1587: Mensaxe nunha botella

mensaje-1Unha rapaza e dous rapaces de quinto do CEIP de Lourido, Poio, atoparon na praia unha mensaxe dentro dunha botella. Coma se dunha das historias de Agustín Fernández Paz se tratase, despois de escachar o vidro leron un texto datado en xuño de 1958 e localizado a 150 millas de Cabo San Vicente, enviado por algúen, identificado coas iniciais D.R.G., que partiu do porto de Cádiz cara a Panamá. Unha mensaxe conservada nunha botella que aboiou durante 57 anos no océano. Unha noticia fermosa, estimulante, semellante á que daba comezo Os fillos do capitán Grant de Jules Verne, que coñecemos o día que celebramos a chegada do Nautilus a Vigo. D.R.G é unha tripulante, unha emigrante? Estará viva? E onde? Quen se anima a introducir un argumento?

Onte 1579: Joel Dicker e o DS 4

Dicker_DS-4Non vira na televisión até onte o anuncio do DS 4 de Citroën protagonizado polo escritor Joel Dicker, a quen coñecimos o pasado ano na entrega do premio San Clemente. O xove novelista suízo, autor d´ A verdade sobre Harry Quebert, protagoniza unha campaña publicitaria, The DS writer, que xira arredor dunha webserie de cinco capítulos sobre o proceso de escrita dunha novela, utilizando como ferramenta de escrita a Apple CarPlayTM, a bordo deste novo Citroën de gama alta. Quedei sorprendido cando coñecín que Dicker, ademais de protagonizar os anuncios da campaña, tamén escribiu unha novela, titulada Só para escollidos, que os concesionarios da marca agasallan ás persoas que proben os dous modelos DS 4. Todo un abraiante entramado tecnolóxico, literario e publicitario protagonizado por un escritor do noso tempo. Xaora, non puiden evitar pensar que podería suceder se a marca do dobre chevron emulase apoiar así á narrativa galega. Imaxinamos a Pedro Feijoo ou Fran P. Lorenzo conducindo o DS 4 e ditando a siri os textos en galego?

Onte 1578: «Youth» («A mocidade»)

La_juventud-213917149-largeYouth (La giovinezza), a última xenialidade de Paolo Sorrentino, é unha película perturbadora onde o peso das emocións e a corrente de beleza de imaxes memorables esvae un argumento apenas funcional, Como sucedera xa n’ A grande beleza, a densidade e a grandilocuencia visual, sonora e textual facilita a abordaxe de temas esenciais, dende unha reflexión filosófica, como os valores da mocidade e da vellez (quizais, o principal), mais tamén da lembranza e do esquecemento, do éxito e da decadencia, da saúde e da doenza… Unha película na que o sublime nunca abandona a pantalla, sexa polas interpretacións marabillosas de Michel Caine, Harvey Keitel e Rachel Weist, sexa polas frases (moitas veces aforismos) que utilizan nas súas conversas, ou polos constantes cambios de planos ou variación de medlodías musicais. Sorrentino móvese n’ A mocidade no territorio que só transitan clásicos contemporáneos para dar conta da desolación do século XXI. Memorable!

Onte 1567: «Mia madre»

Mia_madre-612415327-largeNanni Moretti lembra o pasamento da súa nai en Mia madre, outro filme interesante sobre a perda e o proceso de duelo. Encarnado no personaxe da magnífica Margherita Buy, unha directora de cinema comprometido, Moretti esculca no territorio difícil da identidade familiar, mais tamén dos medos contemporáneos (tan agochados) e do peso dos afectos nos momentos máis fráxiles da vida dos seres queridos, aqueles que obrigan a cuestionarnos quen fomos e que somos. O contrapunto irónico que coa directora establece o actor italo-americano (John Turturro), protagonista da rodaxe da súa película, alixeira a emotividade do relato, ademais de facer unha sátira da actual industria cinematográfica. Xaora, a clave da proposta do director italiano está no deseño do personaxe da nai doente, unha profesora de latín que deixou fonda pegada no seu alumnado, mais a quen os seus fillos (tremendo papel o do irmán de Margherita, interpretado por Moretti) descubren nos seus días derradeiros.

Onte 1555: «45 years»

45_yearsPara o meu abraio, en 45 years Charlotte Rampling conserva aquela ollada triste de Il Portiere di notte que a converteu nun dos mitos eróticos da miña xeración. Nunha interpretación marabillosa, no film de Andrew Haig, Rampling cóntao todo cos seus ollares, que expresan as fases dun proceso de desencanto e destrozo interior dunha muller que tras catro décadas e media de «feliz matrimonio» comprende nunha semana que o amor foi derramado polo tempo e o peso das lembranzas. Baixo a aparencia da crónica dunha parella no abrente da vellez e a súa fraxilidade, que xa sofre o personaxe masculino, Haig narra con sutileza o esgazamento das súas identidades. A austeridade visual, a utilización da elipse, os diálogos esenciais, a atmosfera húmida e ventosa de Norfolk salientan a dúbida da protagonista: «pagou a pena compartir a vida enteira cunha persoa á que se descoñece?» A derradeira escena, bailando Smoke Gets in Your Eyes, expresa a ollada da desolación. Inesquecible tristeza de Charlotte.

Continuemos soñando os nosos soños

Cada tarde de San Silvestre procuro un temazo de Oasis para compartir azos e esperanzas para o novo ano. Neste 2015 escollo «Little by little» (2002), unha canción na que Noel Gallagher apela a continuar loitando polos nosos soños:

«Somos xentes loitando pola nosa existencia. Non tratamos de ser perfectos, mais somos libres soñando sós os nosos soños sen resistencia, consumíndonos como as estrelas que desexariamos ser» «Por que pouco a pouco demos todo o que sempre soñamos, pouco a pouco as rodas da túa vida desapareceran devagariño.»

Con todos os meus votos de ventos portantes de esperanza para o 2016!

Onte 1545: «Sufragistas»

Sufragistas-987561361-largeGustoume Sufragistas, o film de Sarah Gavron sobre a conquista do voto feminino no Reino Unido hai un século. Cine político que reivindica tanto a dignidade das mulleres como afirma a necesidade de pelexar, mesmo até poder perdelo todo, se queremos conquistar os dereitos civís. A excelente reconstrución histórica, tanto no guión como na ambientación, axuda a facer crible o papel de Maud, a protagonista interpretada por Carey Mulligan, unha nai traballadora que toma conciencia e asume todos os riscos de enfrontarse á sociedade patriarcal, representada polos membros da policía, o xefe abusador e o seu propio e medroso marido. Sufragistas aborda un conflito politico, o da conquista dos dereitos da muller, que non afecta só a media humanidade, mais faino dende o eido privado, asumindo que só transformando ese espazo é posible enxergar outro futuro. As emocionantes imaxes históricas finais expresan a actualidade dunha película que aventuro se converterá nun clásico didáctico. Moi recomendable.

Onte 1544: A camiseta é a camiseta

a_camiseta_e_a_camiseta

Non podo deixar de recomendar esta peza memorable sobre o que é o sentimento celeste. 75 segundos de emoción sostida a rentes da lameira do Fragoso na que se repasa os mitos recentes e a identidade dun equipo de todos e todas. A locución de Eduardo Berizzo pasará a historia do celtismo. «Isto é máis que 150 gramos de tea celeste, é máis que a camiseta celeste, é a camiseta nosa. É unha camiseta que chora, que sente, que estoura na bancada, que sabemos estivo abaixo, mais que tamén moi arriba, non é unha camiseta só para os domingos é unha camiseta para toda a vida.» O ton épico do texto e a locución maxistral do adestrador arxentino, que se recrea nos matices e no ritmo de cada frase, dálle ao vídeo unha inagardada emotividade. Excelente nadaliña celeste.

 

Onte 1538: Na granxa Maruxa de Cumbraos

granxa_maruxa_19-12-2015

Antes de participar en Monterroso na presentación do libro de Mary Quintero e Fernanda Padín, visitamos a Granxa Maruxa que Marta Álvarez Quintero ten en Cumbraos. Coñecida pola súa fasquía moderna e polas súas maruxas, esas galletas larpeiras de nata, a granxa de Cumbraos é un modelo de explotación gandeira ecolóxica e de compromiso cun novo modelo de desenvolvemento rural na comarca da Ulloa no corazón do país de noso. Despois de múltiples dificultades, Marta estabilizou un proxecto de produción de leite ecolóxico e da súa transformación en orixe para obter valor engadido. Apostando pola agricultura e gandeira ecolóxicas, pola recuperación de sabores tradicionais, mais tamén pola colaboración intersectorial con diversos axentes da comarca da Ulloa, cunha importante presenza transversal das actividades culturais e artísticas, como os festivais Agrogay da Ulloa ou MonterroSon, Marta creou na carballeira de Cumbraos un espazo de emprendemento para a esperanza. Saímos da granxa Maruxa contaxiados polo optimismo entusiasta de Marta. A de onte foi unha xornada memorable de reflexión.