Votar polo cambio

Teño un disgusto enorme polos inxustos e desproporcionados ataques que está recibindo Suso de Toro (unha persoa honesta e xenerosa onde as houber) a raíz do manifesto que se fixo público onte. Non entendo a que vén a posición do profesor Losada.
Tratar de apoiar unha corrente de cambio, promovendo a participación do electorado nacionalista e progresista (sensible a adoptar unha posición abstencionista diante da innegable febleza da alternativa que se lle propón) non é, nin moito menos, apostar polo voto ao PSdeG-PSOE (como argumenta Losada); é, simplemente, a estratexia posible para impedir un novo triunfo de Fraga. Que cadaquén vote a quen mellor considere, en función das súas conviccións ou da valoración que faga da oferta electoral presentada por cada un dos dous partidos (candidato, listas, programas…). Ou é, que agora, non estamos de acordo en que o fundamental é abrir unha nova etapa política tras dezaseis anos de gobernos de Fraga Iribarne?
Canto máis falo coa xente coa que teño relación, palpo maior desolación e impotencia. Sen embargo, como son un optimista da vontade, creo que non é este o momento de pecharlle as portas á esperanza. Unha apreta fraterna para Suso de Toro.

Concursos

Pasei boa parte do domingo lendo relatos de narradores e narradoras novos para os dous xurados nos que participo mañá. Observo que nas últimas edicións o nivel medio dos textos mellorou moito. Con todo, a maioría xiran arredor do dilema “amor/desamor” ou modernizan o famoso “conto da aldea” ou de “memoria dos avós”. Chamoume a atención a gran cantidade de contos ambientados nos trens. Os camiños de ferro estimulan a nostalxia e a creación literaria?

Crise nas feiras do libro

Algo non corre ben na organización das Feiras do Libro de Galicia. Soubemos que hai problemas para celebrar a Feira de Ferrol (prevista para coincidir co 17 de maio) por falta de candidatos para ocupar as casetas. A languidez da actual feira de Santiago non anima a ser tampouco optimistas. Esta é a crise do sector libreiro que se anuncia? Como podemos reconducir este modelo de promoción do libro?

O portugués e o galego

Jaureguizar participa na polémica sobre as relacións entre o portugués o galego, suscitada en Periférica tras a publicación o mes pasado do adianto da novela de Rivas. Que dous intelectuais portugueses debatan con argumentos poderosos sobre a nosa lingua é unha magnífica noticia. Amosa que, afortunadamente, son cada día máis as persoas interesadas en Portugal pola lingua e cultura galegas.
Agardamos impacientes os comentarios de Jaure, que nestes días anda predicando en universidades portuguesas do norte, sobre as relacións entre o portugués e o galego.

Clásicos



Miguelanxo Prado, Industria, 2004

Á primeira hora da mañá atopo na caixa de correos este agasallo de Miguelanxo. A providencia laica prometía que hoxe sería un día de clásicos. Ao mediodía viaxo con Agus a Teucro para atoparnos con Mariasun e logo visitar o Salón do Libro Infantil. Conversamos sobre libros e, inevitablemente, sobre o debate (que nos estabamos perdendo). Coñecemos moi pouco os termos do conflito vasco, quizais, porque a información que recibimos sobre o asunto procede dos medios madrileños e está sempre contaminada pola lamentable violencia de ETA.
Os clásicos centran este ano un Salón, outro ano máis, expléndido e ateigado de actividade e fantasía. Hai moito que ver. Gustei, sobre todo, da exposición Can de palleiro, preparada polos membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI); o noso humilde canciño en máis de trinta interpretacións (sorprendentes e divertidas). Longa vida para o noso can máis caseiro!
Este salón de Teucro é unha illa pirata de liberdade. Organizado con grande esforzo pola concellería de cultura e por un grupo de profesionais da animación á lectura conta cos medios xustos (non ten subvención ningunha da Xunta). Creo que a imaxinación e a creatividade desbordada, un programa moi variado e multidisciplinar, a participación dos centros escolares son algúns dos ingredientes do seu éxito e do seu crecemento continuo. Se fose organizado en Cataluña ou en Italia, ocuparía durante toda esta semana as primeiras páxinas dos xornais e das televisións. Péchase o sábado cunha homenaxe a Neira Vilas e Anisia Miranda. Alí estaremos con eles. Quen poida achegarse ata Teucro, non debería perdelo.

Tesouro de palabras



Patrimonio Inmaterial galego-portugués

Publico no Faro un artigo para apoiar a candidatura presentada diante da UNESCO, para que a tradición oral galego-portuguesa sexa recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio Intanxible da Humanidade.
A iniciativa do colectivo Ponte nas Ondas paréceme extraordinaria e moi valente. Racha de facto a incomunicación secular cos nosos irmáns minhotos, ao tempo que pon en valor o tesouro das nosas palabras e saberes populares. Faime gracia a morneza do Ministerio español (que pretendía fose recoñecido o flamenco), actitude que contrasta co compromiso do governo portugués (foi quen presentou oficialmente a candidatura) e o apoio decidido do Consello da Cultura Galega. O venres, 4 de febreiro, presentárase na cidade do Douro a candidatura, coa presenza de dous ministros portugueses (a de Cultura e o de Cidades) e do presidente galego. Beizóns para Santiago Veloso e o resto dos seus colegas docentes por tamaña proeza.

Galibarómetro 1/2005



Sheptun 2, Misha Gordin

Anotamos no blo os resultados do primeiro sondeo electoral galego:
  • Fraga perdería a maioría.
  • PP (35-34, baixa) PSdeG-PSOE (24-23, sobe) BNG (17, mantense).
  • O 80 % dos galegos cren que Fraga non pode liderar o futuro.
  • O 41 % dos novos votantes farano ao BNG.
  • O PP mantense en Ourense.
  • O desemprego (12%) a primeira preocupación dos galegos.

Cómpre reparar que os autores do sondeo, preparado polo Barómetro Galego da Universidade de Santiago, están vencellados ao entorno de asesores de Pérez Touriño.