Sabes que é un libro?


Procurando recursos actualizados para utilizar na docencia da materia «Edición e actividade editorial» do Máster universitario en edición da USC e UDV que comezamos mañá atopei está peza didáctica sobre a definición do libro. Utilizarémola xunto a estoutra convertida xa en clásico.

Hai algunhas outras pezas audiovisuais moi sinxelas que pretenden responder á preguntas básicas como «Que é un libro?», «Como se fai un libro?» ou «En que consiste o oficio de editor?»:
«Como se fai un libro?» (referido á fabricación)
Facendo libros en 1947.
«Día Internacional da Bibliodiversidade».

A mata

a mata from SonCine on Vimeo.

Son fan do proxecto «SonCine» promovido polo IES do Porto do Son. Esta peza, «A mata», preparada polo alumnado de 3º de ESO cunha cámara fotográfica LUMIX é magnífica. Forma parte do proxecto «O meu Son», como «A praia do Dique» e «Noal». Traballos escolares que nos deixan pampos. Extraordinarios. Sobran as palabras. Recoméndoas. Beizóns ao equipo todo de SonCine.

«Simsim», libros infantís e xuvenís para asomarse ao mundo árabe

Hoxe que é un día de festa para o pobo exipcio que conquistou a súa liberdade, pode ser tamén unha oportunidade para que nos interesemos polo mundo árabe. Recomendo descargar Simsim, un completísimo catálogo de publicacións infantís e xuvenis que nos permiten asomarnos ao mundo árabe. Repasar este catálogo desmonta moitos prexuízos que xustifican a opresión de occidente ao mundo árabe por medio das ideas que conforman o conglomerado do medo (dende o terrorismo ao islam) pasando por esoutra suposta incompatibilidade, como atinadamente salentaba noxe o Funambulista, destas sociedades coa democracia. Este catálogo, elaborado por Casa Árabe coa colaboración de A mano Cultura, inclúe tamén numerosas publicacións en galego: Ás de bolboreta de Rosa Aneiros, Cartas de amor de Fran Alonso, Irmán do vento de Manuel Lourenzo González, Sari, soñador de mares de Marcos Calveiro, O xardín de media lúa de Rosa Aneiros… Unha oportunidade para volver a nosa ollada sobre a diversidade do mundo árabe a través dos libros e valorar un universo cultural tan próximo como descoñecido.

«É mentira», XII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Hoxe abriu as portas o XII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Os organizadores escolleron como tema do salón o tratamento da mentira na literatura infantil e nas propostas plásticas. Entre as actividades, que se desenvolverán ao longo de mes e medio no Pazo da Cultura de Pontevedra, destaca a intervención de Quico Cadaval («A mentira: modo de emprego») e a homenaxe a Gloria Sánchez, a autora á que se lle renderán homenaxe pola súa vizosa traxectoria.

2 de abril, Día internacional do libro infantil

Pareceume moi interesante e oportuna a iniciativa da OEPLI de celebrar o 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvenil en librarías e bibliotecas. Nesta edición o cartel é do ilustrador Jüri Mildeberg e o texto do manifesto da escritora Aino Pervik da sección do IBBY de Estonia.

«Oscuro cardinal», Día Escolar pola non violencia e pola paz

OSCURO CARDINAL from adrianguerra on Vimeo.

Dende o blog Trafegando ronseis, como fan todos os anos, vaise recollendo de forma paciente e minuciosa tmoitas das experiencias e materiais elaborados nos centros educativos con motivo do Día escolar pola non violencia e pola paz. Entre as pezas deste ano escolle esta peza audiovisual, «Oscuro cardinal», elaborada en Honduras por Adrián Guerra.