Onte 1498: «Lendo lendas, digo versos»
Acabamos de publicar Lendo lendas, digo versos de Antonio Reigosa e Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas. Un libro fermoso e singular, dentro da nosa serie Milmanda, no que se recollen vinte lendas con cadanseu poema e cadansúa ilustración. Como sinalan na presentación os autores, «non existía até agora no noso acervo literario poemas que falasen de mouras, encantos e tesouros». Na literatura galega apenas existen creacións poéticas que atendan aos seres míticos da nosa cultura popular. A pesar de que si existen moitas referencias dos mitos de creación cultura como Breogán e Merlín. Os dous Antonios intentaron cubrir este baleiro esquecido. Un empeño compartido no que dende posicións creadoras distintas estableceron un diálogo entre relato e poema. Reigosa recuperou o relato dende a tradición, Teijeiro traduciuno ao verso, o que nunca de fixera na nosa historia literaria. Mentres que Xosé Cobas captou o momento preciso do desencantamento na súa tradución visual e pictórica.
Todos os tres construíron un tratamento pioneiro do lendario popular galego, representativo dos seres e dos lugares onde aniña a lenda, coa intención de provocar a curiosidade polo coñecemento da literatura e da cultura popular de Galicia. Xaora, Lendo lendas, digo versos é unha proposta para conversar coa nosa tradición sen renunciar, como sinalan os autores, «nin á historia (substancia que alimenta a fantasía) nin a poesía (o recendo musical do imaxinario) nin á imaxe (un instante imborrable na memoria). Un libro único na edición galega, un fito creativo de tres clásicos contemporáneos en diálogo coa nosa tradición. Convido a participar nas presentacións que se celebrarán o mércores 11 de novembro na Libraría Trama de Lugo e o 18 en Librouro de Vigo.