Iceberg?
Teño a impresión de que o de Gondomar é só un iceberg desa pedra enorme que se foi xestando no proceso de urbanización salvaxe que asolagada o país. Agora sería unha boa oportunidade para que a xustiza seguise tirando do fío dese nobelo, tanto para coñecer se na tramitación dese novo Plan Xeral pode haber outros casos semellantes ou para acreditar a quén beneficiarían as cantidades pactadas (un dos inculpados asegura que non eran para el). Facelo, sería un precedente exemplarizante que amedrentaría aos que hipoteticamente puidesen estar utilizando prácticas semellantes noutras cidades galegas que están no mesmo proceso de tramitación dos seus novos plans xerais.
Este caso de Mañufe, tamén, serve para botar contas e coñecer a cánto está o “metro cadrado de recalificación”. Se nos baseamos na cantidade de 180.000 euros da investigación xudicial, doadamente podemos estimar que ao promotor o pagamento do suborno só lle supoñería un incremento de 4.736 euros por nova vivenda (xa que de 22 autorizadas pasarían a 60). Se continuamos operando coa calculadora e estimamos que cada novo adosado terá unha superficie de 300 metros construídos, o incremento de prezo de metro cadrado recalificado sairíalle ao construtor en só 15,78 euros (unha ridiculez se a comparamos cos 2.000 euros por metro ao que se vende na vila miñorana). Outrosí, sucedería, se comparásemos estas cantidades do abortado suborno coas plusvalías que xerarían aos promotores; en todos os casos, o negocio sería máis que redondo para quen pagase aos políticos corruptos. Unha moi triste conclusión.
Actualización (20:36): Para poñer máis en claro o fenómeno da corrupción urbanística recomendo esta entrevista con Alejandro Nieto.
Actualización (18-2-2007): a entrevista co promotor que publica hoxe La Voz de Galicia non ten desperdicio.






