O noso tren

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da inauguración da liña Avant entre A Coruña e Ourense, reflexiono sobre o que entendo debera ser un modelo vertebrador do territorio do ferrocarril galego.

A apertura da liña de velocidade alta entre A Coruña e Ourense e a solicitude do PP ao Goberno en funcións para que non licite determinados treitos reabre o debate sobre a chegada da alta velocidade. É comprensible que o pasado sábado os responsables da dirección do PSdeG-PSOE, tras unha derrota electoral sen paliativos, recibisen coa onda ao ministro de Fomento, cualificando con grandilocuencia o feito como histórico. Porén, non se pode agochar que a posta en marcha deste tren que corre a máis de 200 km por hora entre Santiago e Ourense, evidencia tamén algúns dos erros cometidos nas últimas tres décadas sobre a reforma dos camiños de ferro e, en xeral, sobre a planificación das infraestruturas de transportes en Galicia.

Afeitos como estamos os galegos, quizais pola nosa condición xeográfica atlántica, a ser os últimos en gozar das modernidades viarias da historia –abonda con lembrar que durante o franquismo fomos os últimos en completar o plan REDIA de estradas nacionais, cando no eixo mediterráneo xa contaban coas primeiras autoestradas; ou como na democracia a apertura das nosas autovías con Castela realizouse despois da inauguración do primeiro AVE con Andalucía– recibimos a chegada deste tren veloz con máis escepticismo ca entusiasmo. Prudencia e desconfianza máis que xustificadas tras o anuncio do presidente da Xunta de que nos plans do goberno do pontevedrés Mariano Rajoy a finalización das obras do enlace ferroviario coa meseta adiarase, canto menos, até 2018. Outrosí sucede coa finalización do chamado Eixo Atlántico ferroviario, que debería unir Ferrol coa fronteira portuguesa, para o que se enxergan as peores perspectivas, tras declinar o goberno luso a realización das obras no seu territorio.

Tras a apertura do treito do AVE Santiago-Ourense, as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, ás dúas rexións urbanas sobre as que se alicerza a economía e a poboación do país, continuarán afastadas por máis de dúas horas dun tren exclusivamente diurno (a derradeira frecuencia en cada sentido continúa sendo ás nove da noite), obrigando a que milleiros de persoas utilicemos decote o vehículo privado nunha carísima e incómoda autoestrada de pagamento para a que non existe alternativa ningunha doutro vial semellante gratuíto. Outrosi sucederá coas tres terminais aeroportuarias do país para as que non existen proxectos, nin sequera a longo prazo, de conexión co novo trazado ferroviario, nin tampouco cos portos principais, xa que a infraestrutura non está concibida para o uso por parte de trens de mercadorías (nin sequera durante a noite), o que dificulta, como xa se está comprobando, a apertura en Vigo da autoestrada do mar. Con todo, o caso máis inconcibible sexa o da ausencia de conexión ferroviaria cos portos exteriores de Ferrol e A Coruña, hoxe dúas obras megalómanas, dificilmente xustificables, que pretenden dobregar con formigón a vontade do mar.

Mención á parte merece que os trazados previstos polas liñas de AVE ameazan con liquidar o actual e obsoleto tren de proximidade galego, illando vilas ferroviarias centenarias como Redondela, Lalín, Carballiño ou Monforte; sen contar cun proxecto alternativo de “tren de cercanías”, esencial para a mobilidade interna das rexións urbanas Ferrol-A Coruña e Vigo-Pontevedra. Sen esquecer o papel subalterno que no calendario de desenvolvemento do AVE galego se lle concedeu a Vigo, á derradeira cidade do Eixo Atlántico á que chegará a velocidade alta e, non sabemos, cando a alta velocidade. É innegable que a incerteza sobre o que pode suceder coa prevista variante por Cerdedo aumenta coa redución drástica dos investimentos públicos anunciada por Rajoy.

Deseñado como parte do mapa radial da Alta Velocidade Española, debemos recoñecer que o custosísimo trazado do AVE galego, ademais de chegar con dúas décadas de atraso, non se axusta ás actuais necesidades do país. Galicia ten dereito a contar canto antes cunha conexión ferroviaria de Alta Velocidade con Madrid e con Porto, ninguén o dubida; mais tamén precisa conectar todas as súas cidades por un servizo ferroviario que utilice velocidade europea, sen esquecer a imprescindible interconexión entre os seus tres aeroportos e portos principais, como cos servizos de cercanías das rexións urbanas. Eis un proxecto de transporte intermodal viable, unha rede capaz de vertebrar todas as Galicias, as da beiramar atlántica coas do interior. Daquela poderíamos expresar o entusiasmo que hai cento e trinta anos cantaba Manuel Curros Enriquez na chegada da primeira locomotora a Ourense, que unía en cinco horas a cidade das Burgas con Vigo: “Velahí ven, velaí ven tan oupada, tan milagrosiña, con paso tan meigo, que parece unha Nosa Señora, unha Nosa Señora de ferro”. Ese sería o noso tren.

Onte 93: Tras o pacto do euro

Tras o pacto do euro, os que saben destas cousas coinciden en que, polo momento, o proxecto europeo saíu fortalecido e que haberá máis e máis duros recurtes dos servizos públicos en cada un dos estados para cumprir a «regra de ouro» de evitar desviacións do déficit superiores ao 0,5%. En definitiva, os politócratas da Unión salvaron o euro in extremis, mais cada un dos cidadáns europeos, cando o precisemos, teremos no hospital que pagar en euros a cama e, quizais, o cirurxián. O modelo autoritario do conservadorismo alemán impuso os seus criterios sobre os do euroescepticismo británico. Frankfurt gañoulle a partida á City londiniense, non nos enganemos, esa era a partida que se xogaba estes días en Bruxelas. Concibidas así as cousas, a ninguén debe chocarlle (nin sequera a Mariano Rajoy) que a «prima de risco» continúe polas nubes, xa que Merkel decidiu que non haberá polo momento eurobonos nin plans ningúns de reactivación da economía. Cada un dos gobernos continuará cos seus deberes. O, até agora, sorrinte Rajoy comezará a cirurxía asumida pola «profunda reforma laboral», na que o mantra da doutrina do «contrato único» será utilizado para abaratar o despido, como dende hai tempo reclama a dirección da patronal. O resto da súa folla de rota económica está publicada nun libro de máis de trescentas páxinas publicado por Alianza Editorial o pasado mes de setembro, Hacia una nueva política económica española. Diagnóstico, desafíos, estrategias, e preparado polo Equipo Económico de FAES. Aí aparecen os plans económicos do PP con todo detalle. Quen dixo que Rajoy agochaba as súas intencións?

Supoñemos que no cumio de Bruxelas no se abordaron as dificultades para chegar a un acordo en Durban sobre o cambio climático. Moi mal imos.

Onte 90: 80 aniversario do Partido Galeguista

Nun país desmemoriado coma o noso a poucos pode parecerlles estraño que o oitenta aniversario da fundación en Pontevedra do Partido Galeguista apenas merecese unhas poucas referencias en Internet. A páxina da Galipedia lembra moi oportunamente que na histórica asemblea de constitución se acordou reclamar por vez primeira na historia de Galicia o dereito de autodeterminación e como o primeiro obxectivo político do partido a redacción dun Estatuto de Autonomía. O nacionalismo galego dotábase así dunha ferramenta política moderna e eficaz para a procura do autogoberno que durante os anos de entusiasmo da Segunda República, a pesar de contradicións e dificultades, achegaría importantes froitos. Non está de máis lembrar que oito décadas despois aqueles obxectivos acuñados por Bóveda, Castelao ou Paz Andrade manteñen a súa plena vixencia.

Onte 89: Atraso para o AVE

A pesar da súa admirable ambigüidade, algo imos sabendo xa das intencións de Mariano Rajoy. Para evitar males maiores poñerase ás ordes do proxecto autoritario do conservadorismo alemán anunciado onte polo directorio Merkozy. As primeiras medidas económicas serán de aúpa. O 30 de decembro dará a coñecer as características dun recurte orzamentario que será, sen dúbida, moi superior a aqueles 15.000 millóns de euros do 10 de maio de 2010, que derrubaron por moito tempo ao PSOE. Decontado virá a reforma laboral e unha probable «simplificación dos tipos de IVE». Nese marco de austeridade selectiva, do que xa temos experiencia abonda en Galicia, moi dificilmente serán licitadas as obras previstas para finalizar o AVE galego, que no traspaso de poderes o PP xa solicita sexan paralizadas. Para o pontevedrés será un problema menor, xa que a súa simpática rexión de orixe acredita unha paciencia infinita. Desta volta, sabemos se alguén vai acudir por Galicia?

Onte 78: Crise

Nas conversas do Premio Fernández Latorre non se falou doutra cousa: “a crise”. O pesimismo, mesmo o fatalismo sobre a situación económica e social, é hoxe o único discurso da clase empresarial, financeira e política en Galicia. Coa excepción do premiado, Angel Carracedo, que solicitou apoio para a investigación como garantía de futuro, nin na intervención de Santiago Rey  (moi dura co goberno saínte e solicitando máis reformas) nin na do presidente da Xunta puidemos atopar tampouco algunha faísca de optimismo ou esperanza, coñecedores ambos os dous que os máis duros recurtes chegarán tras a investidura de Mariano Rajoy. As declaracións de Stiglitz, coincindo coa súa conferencia na Coruña, denunciando que esta política de austeridade é unha receita para o suicidio confirman os nosos peores agoiros.  Coma o salmón, loitamos contra a corrente. Ao remate do longo xantar, non me pasou desapercibido que saísen xuntos da sala, Antonio Fontenla, presidente da CEG, e Samuel Juárez, o conselleiro de Medio Rural e, segundo o que alí oín, ministro que será do primeiro goberno de Rajoy.

Onte 74: «Mellorserá»

A vitoria esmagadora do Partido Popular, a pesar de que estaba cantada, entristeceunos. En Galicia foron moi raquíticas as ledicias para a esquerda: o mantemento dos escanos do BNG, mesmo a pesar da súa lixeira perda de apoios; e a notable subida de Esquerda Unida, que triplica o seu número de votos e que na provincia de Pontevedra supera a barreira do 5%. O fracaso do PSdeG-PSOE foi brutal, sen facer diferenzas entre Blancos, Pachis, Caballeros ou Camaños, unha desfeita que non se pode agochar. Con estes resultados diante, a posibilidade de reconstruír unha alternativa ao actual Goberno de Feijóo é hoxe inverosímil. Por riba, ver cara os resultados de Catalunya e Euskadi dá envexa, dúas nacións cuxo comportamento político enxerga horizontes de maior autogoberno. No entanto, non é posible abandonarse na desolación. Quizais agoirando o que viña enriba, antes de coñecer o resultado electoral, publiquei este tuit motivado polas recentes derrotas celestes: «Cómpre enxergar os novos tempos cun chisco de ironía. Mudar a «Mellorserá» é unha das propostas para o Celta e para o país.» O progresismo e o nacionalismo galego non poden conformarse con este lamentable resultado nun entorno conservador e recentralizador que dá moito medo.

Onte 72: Somos noroeste

No derradeiro día da campaña electoral Feijóo asegurou, nun acto celebrado en Luarca, que Rajoy fará do noroeste español unha prioridade. O presidente de Galicia, que iniciou a súa intervención cun entusiasta «Puxa Asturies» (sic), abandonou a estudada ambigüidade de Mariano Rajoy, para expresar con claridade a súa idea do que somos: apenas un espazo xeográfico do noroeste de España. Estamos, sen dúbida, diante dunha achega audaz á teoría de Galicia, que queda reducida polo seu propio presidente á pura xeografía, consolidando así o proceso de deconstrución identitario iniciado polo seu goberno hai dous anos e medio. Tras o 20N e en tempos de austeridade selectiva, a ninguén debe estrañar que se asumimos que somos noroeste, xa non existen razóns suficientes para xustificar o mantemento de tres «custosas administracións autonómicas» (Galicia, Asturias e Castela-León). Feijóo ben podería ser un bo presidente para esta Noroeste, unha comunidade de máis de seis millóns de habitantes, concibidida como unha confederación de deputacións. Eis o triángulo inscrito na circunferencia da agardada reforma territorial. Si señor, somos noroeste, unha achega innovadora de Feijóo para o día de reflexión.

Onte 71: Que facer?

O artigo de Slavoj Zizek sobre os indignados de Wall Street amosa que vivimos unha crise moi profunda do capitalismo. Lin con moito interesese o suxestivo artigo do filósofo esloveno a partir do que achego tres reflexións. Primeira: a esquerda occidental ten o deber de pensar alternativas para un sistema que non pode funcionar sen Wall Street. «Que facer?», a pregunta leninista da nosa mocidade, volve ser a clave para saír deste tempo de incertidume. Segunda: no momento actual, o «silencio activo» é a primeira resposta para evitar o perigoso abrazo do oso daqueles que finxen apoiar ao movemento indignado coa intención de diluír a súa proposta anticapitalista. Terceira: precísase tempo para encher o baleiro de contido creado polas actuais protestas, aínda que non hai dúbida que vivimos un tempo de apertura cara «o novo». Ás portas do 20N e coa prima de risco nos alturas, en Galicia precisamos recuperar o compromiso político da cidadanía.

Onte 62: Berlusconi

Foi a prima de risco quen deitou por fin a Berlusconi. O que non foron capaces os xuíces cos indicios de nepotismo nin coas denuncias de corrupción e prostitución de menores, conseguiuno en dous meses a crise da débeda soberana. O que non puideron as institucións democráticas en anos, impuxérono agora os mercados que celebraron o «compromiso de demisión» do ególatra cunha importante subida. Unha noticia que coincide coa posibilidade da chegada á presidencia grega de Lucas Papademos, que foi vicepresidente do Banco Central Europeo. Non sei que produce máis desacougo, se os comportamentos do presidente corrupto ou as manobras dese «poder invisible» que agora decidiu substituílo. Definitivamente, a saída desta crise dá cada vez máis medo.

Onte 60: Na rúa co naval

En Vigo e Ferrol saímos á rúa para defender a identidade industrial de ambas as dúas cidades obreiras. Parabéns ás centrais sindicais pola convocatoria unitaria, un exercicio moi valioso de madurez e responsabilidade. Esta crise financeira do capitalismo especulativo non pode ser a excusa para liquidar a construción naval en Galicia, unha das actividades na que fomos, somos e podemos continuar sendo competitivos e eficientes. A defensa desta identidade industrial e dos seus milleiros de empregos é unha tarefa cidadá, que non atinxe só aos sindicatos. Así o deixaron escrito onte milleiros de pasos unidos nas rúas de Ferrol e Vigo.