Onte 1710: Unha fenda para a esperanza

Xerais_2016

Non foi doado encaixar na mesma xornada a emoción que vivimos ao mediodía na homenaxe a Camilo Nogueira en Trasalba e a decepción que sofrimos á noite tras os resultados das Xerais. A pesar do teimundo optimismo da vontade, que aprendimos do Camilo, onte custounos moito atopar unha fenda para a esperanza, tras unha clara vitoria en Galicia do partido de Feijoo, que fixo retroceder a En Marea á terceira posición e deixou ao BNG na máis dolorosa irrelevancia.

Unha noite decepcionante para a esquerda que, con todo, non pecha todas as posibilidades de alternativa nas vindeiras autonómicas. Revisando os resultados é moi probable que boa parte dos 92.516 votos que perderon En Marea e o BNG, con respecto á convocatoria do pasado decembro, fosen directamente para a abstención, o que facilitou que o PP rañase de xeito ben arteiro á En Marea unha acta en Ourense (por apenas 1.633 votos) e outra ao C’s na Coruña.

Superar a fronteira dos 400.000 votos nas Autonómicas debería ser o obxectivo polo que a partir de aogra traballasen En Marea e o BNG para artellar, xunto co PSOE de Leiceaga, unha alternativa que defendese a existencia de Galicia como suxeito político. Para acadar esa nova maioría é imprescindible volver activar ese electorado galeguista e progresista que onte, aborrecido e decepcionado, procurou o acougo na abstención. Non é imposible artellar unha proposta programática e organizativa atractiva e audaz para a maioría social.

O liderado de Vigo

Nas páxinas locais de Faro de Vigo publicou a miña reflexión sobre o rango de capitalidade para Vigo:

imgresSei que a proximidade das eleccións Xerais e Autonómicas axudou a que o Partido Popular aceptase a emenda de adición do grupo socialista ao texto da reforma de lei da Área Metropolitana de Vigo na que se establece un tratamento para Vigo, como capital da Área, semellante ao dunha capital de provincia. Da man da tantas veces reclamada Área Metropolitana de Vigo, unha conquista histórica para axustar o urdime institucional á realidade socioeconómica da rexión urbana de Vigo, chegará ademais un estatuto de capitalidade do que Vigo carecía desde 1822, o que constitúe unha excelente oportunidade para actualizar e, no seu caso, crear en Vigo as dotacións e servizos públicos deste rango correspondentes ás diversas administracións, central, autonómica e provincial.

Unha noticia que faría saltar da súa cadeira a moitos dos nosos maiores, como ao concelleiro Antonio Nieto Figueroa “Leri”, que contra vento e marea reivindicou durante décadas este estatuto de capitalidade, mais que tamén obriga á propia cidade, tanto aos responsables do goberno municipal como das institucións privadas viguesas, a traducilo nun liderado real tanto sobre o territorio metropolitano como sobre o eixo atlántico do noroeste peninsular. Máis alá das leas políticas, a cerna desta deboura non é que Vigo sexa capital metropolitana con institucións e servizos administrativos, xudiciais, mercantís ou culturais semellantes aos que posúe a cidade de Pontevedra, senón que este novo rango capitalino contribúa a aumentar o seu liderado no proxecto galego e na difícil competencia coas outras cidades da fachada atlántica vertebradoras de cadansúa rexión urbana, como Porto, A Coruña, Xixón ou Bilbao. Neste liderado é onde debería residir a auténtica capitalidade viguesa.

Non abonda coa letra impresa para contar con servizos capitalinos, como demostran casos como os da Biblioteca do Estado, aínda non iniciada por carecer de terreos, unha dotación cultural básica existente en todas as capitais de provincia (e, dende hai uns anos, tamén en Santiago de Compostela), para a que despois de moitos ires e vires se conseguiu do Goberno de España un compromiso de instalación en Vigo, recollido en diversos Orzamentos Xerais do Estado e finalmente retirado sine die. Como non abonda contar formalmente coa delegación de servizos administrativos, como sucede desque foi creada a “Delegación da Xunta de Galicia en Vigo”, onde non sempre se poden completar todos os trámites nin na actualidade se axeita ao modelo territorial metropolitano que será aprobado no vindeiro mes de xullo.

O estatuto de Vigo como capital metropolitana obrigará aos responsables municipais a liderar o modelo de planificación urbanística e estratéxica do conxunto da nova Área, o que cremos redundaría na recuperación do papel central do “Vigo metropolitano” no eixo urbano atlántico ibérico e facilitaría o abandono das estratexias curtopracistas nos eidos institucionais e socioeconómico. Non esquezamos, tampouco, que no marco da reorganización territorial e da probable supresión futura das deputacións provinciais ou polo menos da transferencia de moitas das súas competencias á Área Metropolitana, este liderado de Vigo obrigará ás diversas institucións públicas e privadas viguesas (Concello, Universidade de Vigo , Fundación ProVigo, Instituto de Estudos Vigueses, entidades sociais e veciñais…) a participar no deseño estratéxico dos sectores produtivos sobre os que se alicerza unha economía metropolitana, hoxe dependente en exceso da hibridación tecnolóxica do sector do autómobil e da fraxilidade endémica da industria naval, con todos os perigos que iso conleva.

Nese debate estratéxico fulcral, que xa non se pode adiar durante máis tempo e que debería liderar o propio concello, Vigo xoga o seu futuro para as dúas ou tres vindeiras décadas como un dos motores industriais e culturais da fachada atlántica. Benvida, pois, a capitalidade metropolitana viguesa. Transformala nun proxecto urbano atractivo e potente, capaz de asumir un liderado territorial e económico dunha ampla rexión urbana é un reto e unha oportunidade. Como lembra o noso admirado Eladio Santos, o tempo futuro xa está aquí.

 

Onte 1709: Tras o Brexit

Tras o Brexit non é difícil afirmar que as mentiras fan hoxe a historia. Da existencia das armas de destrución masiva, que no cumio dos Azores avalaron a invasión do Iraq e o aniquilamento do réxime de Sadam Hussein, ninguén acredita hoxe, nin sequera algúns dos seus protagonistas. Como sabemos que tampouco son certos, algúns dos reclamos utilizados polos defensores do Brexit, que onte derrubou os mercados. Máis alá da previsibilidade das interpretacións sobre o Brexit, desacouga que o debate político sexa tan pouco rigoroso e veraz. Abonda con ler textos como os que publicaba onte Owen Jones en The Guardian para comprender a complexidade social e política agochada tras o resultado do referendum, moi arraizado sobre a situación de profunda desigualdade no RU. Non son adiviño, mais non é difícil aventurar que despois do Brexit veñen en Europa tempos apaixonantes de oportunidade, incerteza e ansiedade. Agardo que Galicia non perda este novo tren da historia.

Onte 1708: Brexit

BrexitO Brexit expresa o fracaso do proxecto europeo como comunidade política, incrementado dende o inicio da crise financeira tanto polo aumento da desigualdade e da xenofobia como polo retroceso dos dereitos sociais e cívicos da cidadanía. Tras a decisión do Reino Unido ábrese un debate ineludible sobre o futuro do soño europeo, tanto polas posibilidades de cohesión que abre liberarse do lastre do nacionalismo inglés, como polos perigos de desintegración efectiva da UE, se os partidos da ultradereita chegan a encabezar algún dos gobernos. Xaora, é innegable que o Brexit abre a axenda para a reunificación de Irlanda e para a celebración dun novo referendum para Escocia (onde gañou a continuidade do proxecto europeo), mais que tamén suporá unha nova política de inmigración, creando incertezas e medos para os milleiros de compatriotas que traballan e viven no Reino Unido como cidadáns da UE. Tras o previsible tsunami de medo, o Brexit abre apenas unha nova etapa da crise aberta por Lehman Brothers en 2008.

Onte 1687: A esperanza de Xocas

xocas_primarias

Aledeime da vitoria de Xoaquín Fernández Leicega nas primarias do PSdeG-PSOE á liderar a súa candidatura nas Autonómicas do Outono. Un resultado que evita o suicidio do partido en Galicia e despraza ás marxes da política autonómica galega á vella garda dos Caballero, Romeu e Barcón defensores dunha imposible estratexia supremacista. Desque hai un días falei con Xocas un par de minutos nun aparcadoiro compostelán, comprendin que a súa candidatura era sólida e abría unha xanela de esperanza para artellar co BNG e En Marea unha alternativa posible a Feijoo. Sempre admirei en Xocas o seu rigor na análise política e económica e a súa empatía natural, actitudes que aventuro poden axudalo nun entorno difícil de negociación, tanto dentro como fóra do seu partido. A candidatura de Leiceaga achega unha raiola de esperanza.

Onte 1674: Cincuentenario do Xantar de Ourense

xantar_de_ourense_1966

Non debemos esquecer que onte foron cincuenta os anos transcorridos daquel Xantar de Ourense, a despedida que 250 persoas renderon ao poeta Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense, a piques de embarcar para Venezuela. Cincuenta anos dun acto político organizado polo PC e pola UPG coa intención de rexeitar a construción do encoro de Castrelo de Miño, o que constituíu o primeiro acto unitario da oposición antifranquista en Galicia cun importante apoio de figuras da cultura galega como Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovar, Eduardo Blanco Amor, Manuel María ou Albino Núñez, por citar só algunhas das falecidas.

Mágoa que por cuestións só atribuíbles ao azar se malograse a iniciativa que a Fundación Celso Emilio Ferreiro tiña en marcha para lembrar esta data importante na nosa historia política e literaria. No Xantar de Ourense recoñeceuse, ademais, o compromiso co país do poeta Celso Emilio Ferreiro que, a pesar do seu abatemento por unha partida que non desexaba, expresou unhas palabras que transcorrido medio século non perderon vixencia: «Galicia debe ser unha terra para nacer e morrer, senón tamén para vivir nela». Un xantar histórico que non debe ser esquecido.

Onte 1669: A estrea de Tellado

As primeiras declaracións de Miguel Tellado, despois de ser elixido novo secretario do Partido Popular de Galicia, dan un pouco de medo. Volver axitar ao electorado conservador utilizando a falacia da «imposición del gallego» e criticar a Lei de Memoria Histórica argumentando que en Alemaña «no se han retirado todos los símbolos nazis», ademais de escaso coñecemento sobre a situación sociolingüística de Galicia  e da historia alemá, amosa unha actitude moi pouco conciliatoria. Non descarto que despois do congreso da pasada fin de semana, Feijoo pretenda afondar no que algúns teñen xa bautizado como «novo galeguismo sen galego», ou «galeguismo sen fronteiras», sendo estas declaracións iniciais de Tellado apenas un anuncio do que virá. Como tampouco descarto, eu que son inxenuo, que se trate apenas dun esvarón de quen non tivo tempo abondo para elaborar máis o seu discurso. No entanto, as apelacións ao «galeguismo cordial» que utiliza decote Feijoo non encaixan cando o seu número dous recupera aquel argumentario antigaleguista tan eficaz para gañar ao bipartito. Estamos quizais co vello conto do reparto de papeis entre o bo presidente e o seu home de partido.

Chegan as reválidas

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre a situación da reválida de 6º, que está prevista que se realicen en Galicia esta semana:

tres-diasEsta semana vinte e un mil escolares galegos de once e doce anos realizarán durante tres días as probas de avaliación final de 6º de Educación Primaria. Implántase así a bautizada como “Reválida de sexto”, unhas probas individualizadas que ao amparo da LOMCE, a famosa Lei Wert apoiada só polo Partido Popular, teñen exclusivamente carácter informativo e orientador para o alumnado, os centros, as familias e a propia Administración Educativa coa intención de coñecer o grao de adquisición das competencias e a detección de problemas de aprendizaxe. Unha proba, pois, que carece de efectos académicos, razón pola que a súa superación non será imprescindible para o acceso do alumnado de 6º de Primaria á Educación Secundaria Obrigatoria. Probas que, segundo anuncia a Consellaría de Educación, a encargada de organizalas, confeccionalas e achegar os materiais e soporte informático a cada centro, terán unha estrutura semellante ás implantadas con carácter diagnóstico o pasado curso en 3º de Primaria coa intención de comprobar o grao de dominio de destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita e en cálculo e resolución de problemas, se ben nestas de 6º engádese a avaliación das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e se avalían por separado o coñecemento e destreza das competencias de comunicación lingüísticas en galego, castelán e inglés.

Segundo a Consellaría de Educación, estas probas individualizadas serán corrixidas por profesorado do centro adscrito as áreas de Lingua e Matemáticas de Educación Primaria, pero que non imparte docencia ao alumnado avaliado. A normativa que regula as probas, cuxa aplicación e corrección será supervisada pola Inspección Educativa, contempla que cada alumno ou alumna recibirá un informe de carácter orientativo no que constará o nivel obtido en cada unha das competencias e destrezas, así como a existencia dun informe para cada grupo e para cada centro escolar onde se recollan os resultados globais da avaliación do seu alumnado. A Consellaría de Educación contempla, ademais, a posibilidade de que as familias soliciten a revisión dos resultados, así como a obriga por parte dos órganos colexiados de cada centro (claustro e consello escolar) de realizar unha análise dos resultados do seu alumnado e unha reflexión interna de cara ao establecemento de futuros plans de mellora, se fose necesario.

A implantación desta “reválida diagnóstica de sexto” non está exenta de polémica xa que son apenas cinco as comunidades que a implantarán (Galicia, Castela-León, Madrid, A Rioxa e Murcia); mentres que outras (Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria, Castela A Mancha, Estemadura, e Valencia), todas elas de presidencia socialista, acordaron realizar probas ou informes individualizadas, que non se ateñen ao disposto no Real Decreto que regula con carácter xeral as probas, que algunhas destas comunidades mesmo teñen recorrido no Tribunal Constitucional. Xaora, as restantes, Navarra e Canarias anunciaron a súa intención de realizar tamén probas alternativas de diagnóstico; Cataluña a continuidade do seu modelo de diagnóstico de competencias básicas, mentres que o Goberno Vasco reiterou a súa negativa a facelas este curso. Un auténtico caos, outra mostra do fracaso sen paliativos dunha lei imposta polo Partido Popular, contra o criterio do resto do arco parlamentario e da propia comunidade educativa, cuxa implantación é rexeitada pola maioría das comunidades autónomas, que son as que teñen as competencias nesta materia.

Tras este rexeitamento da proba de 6º, que afecta a case tres cuartas partes da poboación escolar deste nivel, utilízase decote argumentos baseados na importancia na Educación Primaria da avaliación continua e cualitativa por parte do profesorado de cada grupo e do equipo docente de cada centro, o que faría innecesarias a realización de probas externas de diagnóstico, que só contribuirían á homoxeinización dos currículums escolares e á perda de autonomía pedagóxica de cada centro. Mais tamén rexeitanse estas probas por fixar un modelo de avaliación externa que invadiría competencias que son propias das comunidades autónomas, como e sobre todo polo carácter segregador que suporía o establecemento de ránkings entre centros e comunidades despois de coñecer os resultados das probas, posibilidade que o ministro Íñigo Méndez de Vigo nega agora, probablemente presionado polo fracaso da implantación da medida. En todo caso, aventuro que esta proba diagnóstica de 6º que agora se implanta en Galicia terá o mesmo curto percorrido dunha lei educativa que dunha ou doutra maneira será modificada tras as eleccións do 26 de xuño. Mágoa da confusión innecesaria que provoca na comunidade educativa.

 

Onte 1654: Abril

avril_2016A rede inundouse onte de lembranzas daquel 25 de abril de 1974, un día, como salientou a poeta Sophia de Mello Breyner, “onde emergimos da noite e do silêncio / e livres habitamos a substância do tempo“. Unha efeméride que continúa emocionando e achegando azos de esperanza a nosa xeración, tantas veces derrotada, mais por ventura, aínda non completamente vencida. Despois de catro décadas, Abril representa os valores da igualdade e da fraternidade quebrados polo fracaso tanto do proxecto de integración e acollida europeo como polas políticas de austeridade impostas pola troica á cidadanía dos estados do sur. Xaora, o anceio de Abril continúa vivo, funcionando como un acicate contra o conformismo paralizante. Sempre Abril!!!

Onte 1628: Día da Terra Palestina

Pérdida de tierra palestinaOnte foi o Día da Terra Palestina, unha data na que os palestinos de Israel e dos territorios ocupados reivindican os dereitos lexítimos do seu pobo, que continúa sendo sometido a un réxime de Apartheid e de roubo das súas terras (estimada xa nas 800.000 hectáreas) por parte de Israel. Unha efeméride que lembra a folga xeral  da sociedade palestina do 30 de marzo de 1976, convocada para protestar polo continúo roubo das súas terras, onde morreron seis rapaces nunha manifestación. O de Palestina é un muro da vergonza que levou a esquecer á comunidade internacional algo tan sinxelo como que a solución do conflito está na creación de dous estados que respecten as fronteiras de 1967. Cando o recoñecerá efectivamente a comunidade internacional?