Poema de hoxe 137: «Poemas de labarada estremecida» de Manuel María
O amor é manter acesa
a chama inexplicábel
que nos deslumbrou,
coidar a roseira
que naceu sen saber
como
Manuel María, «Fuches ti que me deprendeu» (1981)
Poema de hoxe 137: «Poemas de labarada estremecida» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
O amor é manter acesa
a chama inexplicábel
que nos deslumbrou,
coidar a roseira
que naceu sen saber
como
Manuel María, «Fuches ti que me deprendeu» (1981)
Saímos felices da primeira Gala do Libro celebrada no serán de onte en Compostela. A iniciativa, compartida pola AGE, AELG e a Federación de Librarías de Galicia, coa intención de recoñecer a excelencia dos traballos realizados cada ano no sector da lectura e da creación literaria, abre unha nova etapa para o futuro deste sector estratéxico da cultura galega. No marco das incertezas que supón o actual proceso de hibridación da comunicación literaria e a ausencia en Galicia de políticas públicas de lectura, o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación das tres asociacións convocantes, expresou un estado de ánimo esperanzoso e proactivo, propio de quen non acepta resignado as actuais políticas conformistas.
A homenaxe ao sabio catálán Pere Gimferrer, como escritor galego universal; o recoñecemento das traxectorias de Laiovento e da Libraría Pedreira; os premios a Sermos Galiza, Espazo Lectura e a Póética, a iniciativa de creación hipertextual de Fran Alonso foron do meu maior agrado. Como tampouco podo queixarme dos premios que corresponderon a Xerais en Narrativa, Poesía, Teatro á Mellor iniciativa bibliográfica que achegan azos e doses de autoestima ao traballo do noso cadro.
Poema de hoxe 136: «Catavento de neutrós domesticados» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Os celtas inventaron o aturuxo
pra substituír a música celeste.
Manuel María, «Pequeno epitome de inseguros esteos» (Alvarellos, 1979)
Poema de hoxe 135: «Os soños na gaiola» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Lingua, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Galiza somos nós:
a xente e mais a fala.
Manuel María, «Galicia» (1972)
Poema de hoxe 134: Mar maior» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Acougade. Acougade un pouquiño
para que se vaia a brétema soíña…
Manuel María, «Serán» (1963)
Emotivo e desmitificador resultou o retrato que onte debuxamos no Club Faro de Vigo os participantes na mesa redonda “Manuel María: fanegas de corazón, alma de poeta” no que acompañamos a Saleta Goi, víuva do poeta homenaxeado este 17 de maio, Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de estudos galegos e ás escritoras e biógrafas do poeta Mercedes Queixas e Margarita Ledo.
Mercedes Queixas salientou que “Manuel María asumiu “unha ética de vida que transcende a escrita”. “Unha obra, a mais prolífica da literatura galega, cuxo universo nace coas raíces na Terra Chá, medra coa súa formación clásica e multiplícase coa vocación da escrita empregando unha fala popular elevada a lingua literaria universal”. Queixas sinalou que Manuel María non quedou só na faceta literaria, non foi tampouco un mero espectador do seutempo xa que tamén foi libreiro, editor, xornalista, dinamizador cultural, mestre e político”. “Coa súa polivalencia de temas, estilos e destinarios, coa súa escrita contra a morte do individuo e tamén do colectivo, como voz dos silentes e dos expropiados, conseguiu que o país habitase na súa obra”, rematou a autora de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María.
Margarita Ledo comezou lembrando o seu primeiro encontro con Manuel María e Saleta Goi en Monforte, no ano 1970, cando ela estudante de primeiro de xornalismo en Barcelona. “Agasalloume cun exemplar de Versos para un país de minifudios editado en Buenos Aires por edicións Nós”. Emocionouse Margarita cando confesou que despois lle enviara a súa primeira carta escrita en galego “porque ía conducida a el”, “grazas a Manuel fun tomando conciencia de que a lingua é unha pegada de clase que emerxe”. Reivindicou a académica ao Manuel María xornalista, autor de 1.400 artigos, “froito da súa tema divulgadora e da súa convicción de que cómpre escribir sobre aquilo que se experimenta cos pés, construíndo unha ollada singular do mundo”.
Alberte Ansede abordou “a viaxe interior do último Manuel María”, unha análise da obra poética publicada a partir de 1981, cando aparece Poemas de labarada estremecida, mediatizado por un tempo no que Manuel asiste á desfeita do mundo do campo e da propia lingua. “A obra de Manuel María incorpora unha grande desazón, consciente de que coa Democracia os tempos non son chegados nin para a lingua nin para o país”. “Manuel María inicia un proceso de introspección, de viaxe interior no que salienta o amor pola vida como unha forma de amor polo país”. Na súa análise Ansede salientou que o chairego foi “un dos mellores poetas amorosos da literatura galega do século XX”, “é moi difícil atopar unha combinación tan eficaz de sinxeleza lingüística e xenialidade expresiva”. “Poeta requintado, esteticista, universal rompe cos tópicos do poeta rural e panfletario. Mnauel María ensaiou todos os camiños poéticos”.
Por último, Saleta Goi agradeceu a resposta espectacular que o pobo galego está ofrecendo a Manuel María, “que sempre estivo acompañado de xente”. Tras unha fermosa intervención dende o público de Balbino Pérez Bellas, Saleta Goi aclarou a anécdota da famosa garrafa de caña de Manuel María, citada nunha canción do Zeca Afonso,
Poema de hoxe 133: «Versos para un país de minifundios» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Lingua, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
A fala é a voz da terra
e mais do mar,
o vencello que nos xungue
no tempo cos que foron
e mais cos que han ser.
Manuel María, «A fala é comunión e sentimento» (1969)
Poema de hoxe 132: «As rúas do vento ceibe» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Lingua, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
Manuel María, «A fala» (1979)
Poema de hoxe 131: «Terra Chá» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
ferrados de corazón, fanegas de alma.
Manuel María, «Dimensións» (1953)
Poema de hoxe 130: «Advento» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Hai algo máis fondo que aboia nas olladas
Manuel María, «A luz morta» (Ediciones Galicia, 1954)
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).