"Rúa Carbón" finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006

Onte deuse a coñecer o fallo do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006. O que desgrazadamente non aparece en medio impreso ningún (ou eu non o vin) é que na acta do xurado aparece como finalista Rúa Carbón, a novela de Marilar Aleixandre (un feito que nunca sucedera no premio). Polo que sabemos a última votación entre as dúas obras finalistas foi axustadísima (5-4). Outra vez comprobamos que a fronteira para acceder ás portas da gloria sempre é ben estreita.

Os 10 libros en galego para ler antes do 18 anos

Tökland faise eco do ránking publicado en ADN sobre os 10 libros para ler antes dos 18 anos. A pesar de que sei dos perigos de facer este tipo de listas, atrévome, para animar o debate, a propoñer a miña (en lingua galega e practicamente todos editados por Xerais), sen establecer prelación entre ningún dos títulos:
Despois de escribir a miña escolma, son consciente da imposibilidade de confeccionar esta lista de “imprescindibles”, xa que me quedan fóra moitos dos meus preferidos. Ben recordo que cando decidimos elaborar outra semellante, á hora de propoñer criterios para a elección de fondos das bibliotecas de primaria, tivemos o mesmo problema xa que nos saían máis de dous centos de títulos. Pois iso, a estes primeiros dez, habería que engadirlle outras moitas decenas. Eis unha proposta para enriquecer e continuar…

Pablo Auladell

Coñecín ao ilustrador Pablo Auladell polo magnífico traballo que fixo para a edición non venal de “Un radiante silencio”, un conto de Agustín Fernández Paz que formará parte do seu próximo libro en Fóra de Xogo. O ilustrador mallorquín mantén un blog onde vai publicando parte dos traballos en marcha. Unha proposta moi interesante.

O ABCdario de Peonza

O magnífico ABCdario de animación á lectura do Equipo Peonza pode consultarse no Cervantes virtual. Un deses textos imprescindibles para profes, bibliotecarios ou editores, agora, por fin on line. Moi, moi recomendable.
Grazas, Tökland.

Ler dende o berce

Vía Libreros atopo este interesante artigo sobre o inicio do proceso lector. A afirmación máis rotunda do texto é que “os oito meses de vida é o momento no que cómpre iniciar ao bebé na familiarización do libro como obxecto”. Semella que nesta idade, cando o neno ou a nena xa pode sentar e coller o libro coas súas mans, é a do inicio do complexo proceso pre-lector. Precisamente, asumindo este criterio, Kalandraka editou o primeiro libro en tea en galego e a colección “Do berce á lúa“, títulos moi axeitados para estes pre-lectores.

Etiquetas: ,

Fallado o VIº Premio Lecturas de Galix

Hoxe coñecimos o fallo do VIº Premio Lecturas de Galix, outorgado por xurados de lectores e lectoras de diversas bibliotecas aos mellores libros de literatura infantil e xuvenil en galego do ano 2004. Foron os gañadores Raquel ten medo de Agustín Fernández Paz e Marina Seoane (na categoría de 7 anos e na de mellor libro ilustrado); Eu son adoptada, e que? de Xosé Antón Neira Cruz (na categoría de 8 a 11 anos); O solpor da Prehistoria de Pepe Carreiro (na categoría de 11 a 14 anos) e Campos de Cuba de Fran Jaraba (na de maiores de 14) foron os gañadores. É moi significativo que os dous últimos títulos premiados fosen libros de cómic, o que demostra a aposta dos lectores novos por esta narrativa debuxada.

Que facemos co lixo?

Recomendo moi vivamente este artigo de Aidan Chambers, publicado en Imaginaria, sobre a relación dos lectores novos coa chamada “literatura lixo”. Un magnífico traballo sobre a formación do criterio literario.

Etiquetas: ,

Asun Balzola

Onte morreu Asun Balzola. A artista bilbaína foi unha das máis importantes ilustradoras de libros infantís e xuvenís en España nos últimos trinta anos. Autora, tamén, dalgúns textos memorables, nos anos oitenta fixo unha importante contribución á incipiente edición infantil galega ilustrando títulos da primeira colección de Sálvora ou o O gato Bógar, un dos primeiros e máis emblemáticos libros da colección Merlín. A claridade da liña, a textura da cor e a profundidade dos seus personaxes caracterizaron o traballo de ilustración desta xenial artista. Beizóns para ela.

Etiquetas: ,


O Tesouro da Lagoa de Reid 'Is

A valoración do xurado sobre O Tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela da Agustín Agra, gañadora do Premio Merlín foi a que segue:

Texto de literatura fantástica cunha forte pegada realista, a novela contén a narración que un avó desenvolve, diante dos seus netos Paulo e Aldara, nunhas vacacións de verán na casa familiar de Outeiro, sobre a historia do tesouro da Lagoa de Reid ‘Is. A recreación de lendas tradicionais galegas sobre un fondo de materia artúrica, a recuperación da oralidade, a creación toponímica sobre estruturas galegas (Cidadepedra, país de Alenmar…), o emprego dun léxico rico, inzado de referencias literarias e mitolóxicas, a reinvención de personaxes como o Gaiteiro Manfred (que toca muiñeiras de auga para que lle leven a tristura) son algúns dos elementos máis salientables desta obra dirixida ao público infantil.

Pola súa banda, Agustín Agra declarou, cando coñeceu a noticia:

“Pouco hai que contar de min. Son como o Balbino de Neira Vilas: ninguén. O relato que enviei ao Merlín é a miña primeira aproximación á literatura infantil e mantívome ocupado seis meses deste inverno; escribino para facerlle un agasallo polo seu aniversario a un meu sobriño de dez anos e que aínda non leu, espero darllo en libro na vez de nuns folios grampados tirados da impresora. Utilicei lendas tradicionais galegas e algo, pouco, de materia artúrica. Varios familiares entrañábeis para min subxacen nos personaxes que aparecen na obra. Que máis podo dicir que repetir as grazas?”

Etiquetas: , ,

A Cova das Vacas Mortas

Con respecto á novela de Jaureguizar, A Cova das Vacas Mortas, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia o texto íntegro elaborado polo xurado foi:

Xoel é un mozo de Negueira de Muñiz que vive coa súa nai, de orixe alemá, nunha comuna na aldea de Foxo, lugar que tivera que ser abandonado polos seus habitantes debido á construción do encoro de Salime. Farto da vida que leva soña con poder marchar de alí e embarcar nun petroleiro. A vida de Xoel cambia o día en que o seu avó, viúvo e enfermo de alzheimer, chega a Foxo dende Berlín para reencontrarse coa filla. Entre a equipaxe, trae unha maleta chea de fitas de cine e mais unha cámara super 8. O vello cóntalle que foi colaborador da polémica e xenial directora de cine alemá Leni Riefenstahl, acusada de simpatizar co réxime nazi. Neses días Xoel coñece tamén a Iria, filla dun dos antigos propietarios das casas de Foxo, os cales comezaron a reclamar as súas vivendas ocupadas cando se construíu unha pista que fixo accesible o lugar. Entre eles nacerá unha historia de amor enfrontado. Iria, defende o dereito dos antigos propietarios de Foxo a recuperaren as súas propiedades e ademais representa a crítica ao nazismo e a calquera tipo de colaboración con ese réxime, mesmo a que mantiña o avó de Xoel ao axudar na filmación de escenas nazis.

O xurado considerou merecente deste galardón a A Cova das Vacas Mortas, en primeiro lugar pola súa riqueza temática e pola capacidade de construción dun protagonista adolescente que afronta con valentía os problemas derivados do contorno en que lle tocou vivir. Ademais, destaca a lectura áxil da novela, grazas aos abundantes e ben construídos diálogos e a unha lograda ambientación espacial que, sen exceso de descricións, consegue transportarnos afectivamente ao lugar onde se desenvolven os acontecementos. Unha novela atractiva, interesante, que utiliza elementos fantásticos e de misterio sen deixar de ser crible, cun final intenso, que nun momento en que semella que a trama está resolta abre unha nova incógnita que convida á reflexión.

As primeiras declaracións do autor sobre a obra foron:

“Xoel, o protagonista da novela, deberá enfrontarse coa crueza da vida, a fascinación do amor e, nomeadamente, coas consecuencias de comprometerse participando ou sendo espectador cando agroma a barbarie colectiva. A cova das vacas mortas é unha novela sobre a asunción de responsabilidades, propias e colectivas”.