Beizóns, Xurxo!
Tras catro anos de traballo entusiasta á fronte da subdirección de programas, Xurxo Souto saíu da Radio Galega coa elegancia arroutada e idéntica paixón coa que realizou o seu primeiro saúdo en antena. Atrás queda o seu pulo e esforzo por modernizar e achegar a radio pública en galego (esa “rareza” no dial que debemos defender como primeiro patrimonio galego da comunicación) á mocidade e aos públicos urbanos. Eis o seu traballo monumental de apoio á música popular galega que, en boa medida debido a súa convicción nas súas posibilidades, vive o mellor momento da súa historia. Eis o seu apoio a iniciativas felices como a reinvención do teatro na radio. Eis as leccións diarias de radio fetén en Aberto por Reformas ou cada sábado ao mediodía en Mil ribeiras (para min un programa memorable, tanto dende o punto de vista literario como musical). Eis o acerto de poñer en marcha o Extrarradio, o grande programa de Belén Regueira (hoxe por hoxe a primeira comuncadora do país). Eis o apoio proporcionado pola RG ás máis diversas iniciativas das industrias culturais… Todo o sector cultural galego (editores, escritores, músicos, actores… ) está en débeda con Xurxo Souto. Ben sería amosarlle o noso agradecemento nunha velada bonita. Beizóns, Xurxo, o noso ghaiteiro!