Xesús R. Jares, «A paz, camiño de amor, entrega e esperanza»

Recomendo a lectura da fermosa semblanza de Xesús R. Jares que preparou Gena Borrajo no número de febreiro da Revista Galega do Ensino.
Pode baixarse en pdf dende aquí.

.

Morreu Lois Barros

Gonzalo Amoedo, o noso bo amigo de Redondela, envíanos este correo dando conta do falecemento de Lois Barros:

Durante esta madrugada morreu, logo dunha longa doenza que o foi murchando pouco a pouco, Lois Barros, autor de Galeguismo e sociedade na Redondela da IIª República, así como da páxina web Indiredo, dende a que propulsou a Liga Veciñal polo Voto Nulo nas derradeiras eleccións municipais, en Redondela. Lois, vello militante da ANPG que nunca renunciou ao nacionalismo, pero si a súa militancia política, foi o ideólogo e alicerce desta Liga Veciñal polo Voto Nulo, que conseguira daquela recoller un nada desprezable dez por cento do desencanto dos veciños, cansados de tanto mal uso da política, e foi tamén, xunto ao desaparecido Jaime Serín, un dos fundadores do Colectivo Republicano de Redondela. Esta tarde, a última hora, o seu corpo será trasladado ao tanatorio de Mañó, desta vila.

As nosas condolencias para todos os seus.

Faleceu Manuel Riveiro Loureiro

Sabía que Manuel Riveiro Loureiro estaba triste. Hoxe deixounos. Coa súa ausencia quedamos tristes e desconcertados. Manuel foi un escritor autodidacta, narrador fecundo da vida e un autor dramático notable. O vídeo gravado o pasado mes de decembro é hoxe un documento emocionante, apostando pola esperanza da chega da terceira República. Sempre recordarei a cordialidade e lealtade que mantivo comigo, a pesar de que nunca lle publiquei ningunha obra. Un home dunha peza. Con todos os abrazos.

Morreu Camilo Gonsar

Acabamos de coñecer a noticia do falecemento hoxe do académico Camilo Gonsar (Camilo González Suárez-Llanos), membro da xeración da «nova narrativa» e un dos escritores galegos máis elegantes e discretos que teño coñecido ao longo destes últimos anos. As nosas condolencias para os seus.

Morre Anxo Rei Ballesteros

Coñecemos por culturagalega.org outra noticia fatal para as letras galegas: morreu onte o narrador e ensaísta Anxo Rei Ballesteros, o xenial autor de Dos anxos e dos mortos e de Loaira, dúas das máis memorables novelas galegas do século XX. Hai dúas semanas Suso de Toro, tras o derradeiro encontro con Anxo, dedicáballe este fermoso artigo. As nosas maiores condolencias para a súa compañeira e todos os seus amigos da editorial Galaxia, onde publicou a maior parte da súa obra.

Ramiro Fonte, obituario de Xosé María Dobarro

Para Elsa, vella e querida compañeira de clase e amiga. Con Lisboa de fondo.

Abraiado quedei cando o pasado domingo vin nos xornais a nova do pasamento dunha persoa a quen sempre considerei amiga. Nin o Vicente Araguas nin o Xosé Ramón Fandiño –xentes que me consta que vivían os avatares de Ramiro Fonte– me fixeron sabedor da triste noticia. Sabía do mal. E preguntaba. ¡Como non! Non hai moito eu pasara por outra parecida e sei o que se sente. Por iso non hai que molestar de máis o persoal afectado. Segundas ou terceiras mans tamén valen para sabermos do que hai. As miñas últimas informacións, debían andar atrasadas, falaban dunha posible superación do problema e de aí a miña sorpresa dominical.

Coñecín a Elsa e a Ramiro en Compostela e por separado. Antes a ela, compañeira de aulas cando ambos andabamos a estudar a especialidade de galego-portugués. Cursos 1977-78 e 1978-79. Coincidimos tamén en Lisboa, no verán do 78, realizando un curso de portugués para estranxeiros con outros compañeiros de Santiago (Antón Fortes, Teresa Plasencia, Pepa González, Pilar García Negro e Lidia Fontoira). Debiamos ser ben avindos porque, e xa transcorreron trinta anos, sigo a lembrar esa estancia portuguesa con delectación. E non polo de que calquera tempo pasado foi mellor. Nin porque eramos novos, moito máis novos todos. Non. A Ramiro coñecino tomando cafés no Derby e no Azul -case sempre na compaña de Bernardino Graña, na altura catedrático no instituto de Padrón e residente en Santiago, con quen eu adoitaba comer- despois do correspondente xantar, nos días en que eu viaxaba a Santiago para asistir ás aulas, ben directamente desde Ferrol, onde daquela vivía, ben previo paso pola Coruña, onde traballaba. El andaba coa licenciatura de Filosofía, que acabaría dous ou tres anos despois, e sempre cun libro de literatura baixo o brazo. Estudaba filosofía pero vivía a literatura. Precisaba dela como de respirar, comer, durmir, tomar o cafeciño… Ou máis aínda. Éralle imprescindible. E dunha volta Ramiro gañou unhas oposicións de secundaria, que non foron de Filosofía, senón de Lingua e Literatura Galegas. E fóisenos para o sur, para Vigo. E alí, segundo me ten contado, de cando en vez tomaba un aquel con outros ferroláns alí instalados. Unha noite, días antes dunha oposición -dubido se foi a que gañou Ramiro- coincidimos en Santiago co Luís González Blasco, o mítico “Foz” (que tamén concursaba e el si que conseguira gañala), e con Anxo Quintela, o primeiro poeta en gañar o premio Esquío e hoxe xornalista de televisión. Ía unha calor do demo e, despois de meterlle uns refrescos no pub Tamboura, cando estaba en Xeneral Pardiñas, fomos departir na rúa, onde a Rosaleda. O Foz que, durante o seu exilio en Montpellier licenciara en lingüística, controlaba os temas de lingua que nin para que. E de literatura tamén sabía porque, entre outras cousas, en Madrid era do grupo Brais Pinto (Ferrín, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro, Reimundo Patiño…), e iso era literatura viva e vivida. Á vista do que de lingua contaba o Foz, Ramiro era consciente das súas carencias na materia e confiaba en que o sorteo lle brindase temas de literatura nos que se poder lucir. Déronnos as tantas falando destas cuestións. Noite boa, naturalmente. Como boas eran as tarde-noites, sobre todo no tempo de nadal, cando tomabamos algo en Oslo ou faciamos algunha pequena cea, habitualmente, nun mesón da rúa do Sol do que non recordo o nome e creo que xa non existe. Algo disto falaba o outro día, no Obituario, Vicente Araguas. Algo se torceu e todo isto desapareceu. A Ramiro seguino vendo cando os cursos Gurméndez de Pontedeume e lembro outra marabillosa noite nunha terraza de diante do concello con el e con Elsa. Estaba do máis simpático. Estes recordos son os que motivan esta columna. O outro día no enterro non daba creto a moitas cousas que vían os meus ollos. Había xentes que mellor, moito mellor, farían ficando na casa. Veleidades. Onte mesmo, un amigo preguntábame se eu querería un enterro así. Contesteille, obviamente, que non, porque non querería que por alí pululase alguén que realmente non me quixese, cando menos un chisquiño.

(*) Xosé María Dobarro é catedrático da UDC. Artigo publicado nas páxinas de Diario de Ferrol.

Homenaxes a Ramiro Fonte

Hoxe aparecen nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia senllos fermosísimos artigos de homenaxe de Ramón Pernas e Xosé Carlos Arias. Así mesmo son moi recomendables os textos publicados o pasado luns por Carlos Luís Rodríguez, Francisco Castro e Mario Regueira.

Actualización (16-10-2008)
: Perfecto Conde.

Actualización (19-10-2008)
: Grazas, Xurxo!

Ramiro Fonte, palabras de despedida

Ramiro Fonte nas súas conversas, sempre entusiastas e audaces, adoitaba recordarnos unha frase de Gérad de Nerval: «a voz do poeta é a voz de todos os homes». Hoxe, abatidos pola dor inaturable da súa ausencia, cando os portos da lembranza xa non son seguros, é moi difícil escoller as palabras esenciais para expresarlle en poucos minutos a gratitude infinita de todos os que o amamos, os que tivemos a enorme fortuna de gozar da súa amizade inquebrantable, do seu abrazo agarimoso de irmandade e esperanza, da súa voz de poeta máximo que cantou para todos e por todos.
Ramiro, como a súa admirada Rosalía, era dos que levaba orgulloso na fronte unha estrela e no bico un cantar, as insignias da nosa Galicia do corazón. Dedicou todas as súas ansias a labrar co maior coidado cada poema, cada verso e cada frase, empregando as humildes ferramentas do artesán honrado que, na soidade do seu estudio vigués, londinense ou lisboeta, traballaba as palabras primixenias co máximo nivel de esixencia. Froito dese permanente puír durante tres décadas intensas, déixanos en herdanza unha obra literaria viva en diálogo co tempo futuro.
Poeta liberal, romántico, moderno e popular, como fixera Baudelaire («o lector é o meu irmán, o meu cómplice, o meu semellante»), renunciou á voz individual e foi a súa a voz da confesión colectiva. Comprometido dende a mocidade universitaria coa causa da lingua de noso, Ramiro procurou nos seus textos para Galicia a utopía dunha gran cidade atlántica europea, compendio de todas as nosas, cosmopolita e avanzada, guiada polos ideais liberais e galeguistas da Cova Céltica coruñesa do seu admirado Manuel Murguía.
Foron os seus temas literarios os esenciais á condición humana: o amor, a amizade, os ritos do recordo, a sombra da morte (que como sinala Borges, vainos a todos desgastando), as formas do tempo, como a mocidade, que imos, inexorablemente, abandonando. Lector puro, escritor en primeira persoa, asumiu contracorrente, como aconsellara Walter Benjamin, que a liberdade do individuo reside en perderse no anonimato da multitude. Así renaceu Fonte no seus poemas complementarios de formas clásicas, como Ulises das cidades portuarias, como voyeur do cotián, como cazador de rotinas e instantes fugaces, como fotógrafo literario de obxectos humildes e sinxelos nos que sabía residían os auténticos brindes pola vida. E como fixera na composición dos seus textos, adoptaba idéntica posición na súa vida case ascética, paciente, demorada, serena, na que procuraba o gozo dos actos máis sinxelos, das ilusións pequenas compartidas con tantos amigos.
Con esa mesma convicción acometeu durante sete anos de infatigable traballo o proxecto de «Vidas de infancia», un relato no que recuperou a súa infancia eumesa e que, sen dúbida, pasará á historia da prosa de ouro en galego. Mil cincocentas páxinas emocionantes, dignas, honestas, onde se describen os espazos humildes desgastados pola man do tempo; onde se relatan aconteceres de heroes anónimos que falan nas barberías e comercios e beben nas tabernas; onde se describen casas nas que, a pesar das penurias daquel tempo de miseria, se producían instantes felices, grazas á ilusión dos eumeses. Un relato que é festa de badaladas, guitarras, mómaros, gaitas nas festas das aldeas ou do ritmo do paso. Espazos e personaxes eumeses, porén, universais, de tres novelas memorables escritas coa luz do afecto, esa liña tenue que nos fai mellores e máis humanos. Do empeño formidable desta triloxía na que intentou describir o paraíso, Ramiro saíu tan robustecido como exhausto, despois de explorar novos límites para a narrativa galega e construír unha obra indiscutible sobre a memoria da infancia, a única patria posible, onde están formulados todos os sinais da identidade e dos nosos afectos.
Desde hai poucos meses, Ramiro Fonte, agarimado por Elsa e polos seus, libraba unha difícil batalla, que non lle impediu escribir outros dous formidables libros de poemas. A súa ausencia déixanos a saudade do seu abrazo e palabra agarimeira, mais nos seus versos eternos queda «todo o mar na fragrancia da ribeira».
Despidamos a Ramiro con orgullo e gratitude, recuperando a súa voz de poeta, na que todos nos recoñecemos. Leremos o primeiro poema do seu último libro Xardín do Pasatempo, onde atopamos a súa poesía máis viva

XARDÍN DO PASATEMPO

Vou visitar o xardín
Do pasatempo este día,
Por se encontro a melodía
Deses versos que perdín
E que están dentro de min.
Competir cun reiseñor
Que é preguiceiro e cantor,
Sen darlle a ningúen a lata,
Será unha tarefa grata
E un artístico labor.
….

Nalgunha vida anterior
Estiven neste lugar
Ó que veño pasear.
O recendo desa flor
Resúltame familiar,
Ten algo de evocador.
A estranxeira araucaria
Vólvese aquí hospitalaria,
E a solitaria palmeira
Fica aquí nos días de feira.

Este xardín terrreal
Desterrou as esculturas
Dos dragóns, das criaturas,
O marmóreo pedestal
Que sotiña un xeneral.
Abriulle a xaula á quimera
A pasada primavera.
Pero xira un carrusel,
E ti dás voltas con el,
Dás voltas a vida enteira.

Con todos os nosos abrazos para Elsa, os seus pais e as súas irmás.

* Texto lido, en representación dos amigos e amigas de Ramiro Fonte, no cimeterio de Pontedeume no serán do 13 de outubro,

Ramiro Fonte

No artigo da semana fago unha semblanza, inevitablemente apresurada, do traballo literario de Ramiro Fonte.

Hoxe son numerosas as páxinas a el dedicadas nos xornais impresos e electrónicos e nos blogs (as nosas desculpas se non localizamos algunha que falta):

Foto: Paco Vilabarros.

Ramiro Fonte, «A man do tempo»

Recuperamos un documento importante de Ramiro Fonte recitando, en 1998, «A man do tempo», un dos poemas máis queridos por el pertencente a Capitán inverno.