Textos de Agustín nos vagóns do Metro

Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!

Día Internacional do libro infantil 2009

Reproducimos a mensaxe e o cartel conmemorativos do Día Internacional do Libro Infantil 2009, promovido polo IBBY. O texto e a ilustración son do ilustrador exipcio Hani D. El-Masri e a tradución para o galego de Manuel Figueiras.

«O sombreiro Chichiriteiro»

Hoxe estamos moi ilusionados, chegaron os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado de forma xenial por Patricia Castelao.

Velaí unha mostra deste traballo gráfico que Patricia Castelao realizou sobre un relato centrado sobre a amizade e a esperanza (dous valores tan necesarios nestes días difíciles de desacougo).

«O libro das viaxes imaxinarias»

A verdade é que poucas veces tivera a fortuna de quedar tan satisfeito da edición dun libro coma deste. En realidade o noso maior temor era malograr un texto literario e un traballo de ilustración valiosísimos, concibido coma unha síntese de lectura e relectura. Afortunadamente, xa imos coñecendo as primeiras lecturas, como esta marabilla de Pawley. O libro presentarémolo o vindeiro xoves, as 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña.

"A neve do tempo"

Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.

Etiquetas:

Homenaxe a Siro

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Facultade de CC da Comunicación da USC ofrecerán unha homenaxe ao humorista gráfico, ilustrador, debuxante, caricaturista, xornalista de La Voz de Galicia, escritor dramático, ensaísta, conferenciante, pintor e tantas outras cousasSiro López Lorenzo pola súa traxectoria profesional o día 24 de xaneiro, xoves, no Auditorio da Facultade de CC da Comunicación en Santiago. O acto comezará ás 12 horas e será presentado polo decano do CPXG, Xosé Manuel Vega Gómez. Entre os asistentes estarán os xornalistas Xosé Luis Vilela, Xosé Luís Barreiro Rivas, Bieito Rubido , Xulia Díaz , Miguel Túñez (decano da Facultade de Ciencias da Comunicación) e os humoristas gráficos Pinto & Chinto que farán unha pequena achega á traxectoria do noso admirado Siro. Ademais, haberá unha actuación da cantante Manuela e do grupo Corre Carmela que chove. A entrada a esta merecida homenaxe a un dos nosos clásicos será libre.

Etiquetas: