É fútbol, só bo fútbol

Aos que nos gusta o fútbol, e non temos complexos en seguilo domingo a domingo, o campionato acadado polos rapaces de Luis Aragonés foi un acto de xustiza deportiva. Un xogo intelixente e paciente, baseado na elegancia no control e condución da pelota, e un esforzado compromiso de todo o grupo de xogadores na presión defensiva, como mellor estratexia de xogo, amosan que este pode chegar a ser un deporte ben fermoso. O xogo marabilloso de rapaces –como o galego Torres, o noso admirado Silviña ou os cataláns Xavi Hernández e Cesc Fábregas, demostra que a cerna deste deporte de equipo reside na procura concienzuda do instante decisivo, eses dous ou tres segundos nos que se acende a faísca da beleza do gol. Porén, os excesos, os ditirambos ou a pailanada do nacionalismo españolista na celebración desta vitoria son atribuíbles ao fracaso histórico dunha idea monolítica de España, que non acaba de cuallar. O triunfo do equipo multinacional de Luís foi do fútbol, só do bo fútbol. Deixémolo aí.

Campo do Fragoso XLIII

ESCÁNDALO
Nunca na nosa historia de seareiros celestes, e levamos acudindo a Balaídos dende hai corenta anos, sentimos tanta vergonza e tanta indignación polo comportamento do noso equipo como na segunda parte do encontro de onte. A primeira foi moi cómoda. O Celta, levando o partido ao ralentí, como se estivese disputando un partido de preparación fronte a un rival moi inferior, púxose por diante aos dez minutos, grazas a un servizo moi longo de Núñez que Canobbio rematou cunha boa dereita. Logo, mantendo o mesmo ritmo preguiceiro e diante da incomprensible anemia atacante do Alavés, que apenas chegou con perigo nun par de ocasións, Perera estragou varias oportunidades claras para aumentar o marcador. Porén, tras a reanudación mudou o panorama de arriba a abaixo. O equipo visitante, apupado polos seus numerosos seareiros, situados en Río Baixo, saíu disposto a gañar o encontro, mentres que o noso, semellaba que prefería non facelo. Como aquel Bartleby, o oficinista que inmortalizara Herman Melville, os celestes fixeron da súa inhibición, da súa apatía (preferimos pensar froito do seu decaído estado de ánimo) o comportamento que facilitou que os alavesistas metesen tres goles verbeneiros en só seis minutos, asegurando así a súa permanencia e condenando irremisiblemente ao Rácing de Ferrol ao descenso. Foi entón cando os seareiros celestes rebentamos irados, diante da inhibición dun cadro de xogadores de conveniencia, aos que non lles importaba que esta nova derrota provocase un impacto emocional tan duro para os seus afeccionados, avergonzados polo castigo enorme e inxusto que o seu Celta infrinxía ao segundo equipo galego do seu corazón. Con este comportamento indigno, este equipo formado por Ramón Martínez, o auténtico responsable desta tempada de catástrofe, acadou o seu máximo nivel de degradación, xa que rebasou as liñas dos valores incuestionables do deporte: o esforzo e o orgullo para acadar a vitoria. O escándalo chegou ao seu cénit cando o arbitro asubiou o remate do encontro: a maioría dos xogadores célticos, coa excepción de Antonio Núñez (un profesional dunha peza), correron a toda mecha para protexerse no curral do vestiario. Nese momento, nas bancadas había unanimidade: a aplicación da Concursal é unha magnífica oportunidade para desfacerse canto antes deste cadro de mediocres millonarios que non merecen levar durante máis tempo a camiseta celeste que representa ao país dos galegos. Non hai dúbida, a tempada que ven, teremos que mudar de xente.

Celta, a derradeira oportunidade

No artigo da semana volvo coa miña reflexión sobre a crise do Celta e as posibilidades de refundación do seu proxecto galego.

A derradeira oportunidade para o Celta

Estaba cantado. A pésima tempada a nivel deportivo e os múltiples erros de xestión da era Horacio obrigaron ao consello de administración do Celta a solicitar voluntariamente no xulgado mercantil a concursal (o que antes chamaban quebra ou suspensión de pagamentos). Non existía marxe ningunha, xa que a outra posibilidade que tiña Mouriño sería promover a disolución do club. A pesar de que o caso do Celta non é único (o Deportivo debe 150 millóns), a situación celeste, agotadas as posibilidades de ascenso e os ingresos televisivos que supoñerían, é desesperada. A pesar de que todo o mundo do futbol profesional español está arruinado (o que demostra o fracaso da aplicación e posta en práctica da Lei de Sociedades Anónimas Deportivas), son os clubes de segunda aos que lles está tocando apandar co inicio dunha nova reconversión, quizais máis dolorosa que a realizada nos anos noventa.
A Concursal do Celta, inserida nun plan de viabilidade (no que se pretende renegociar a débeda con Facenda, Caixanova e asegurar unha cesión do estadio por parte do concello e durante vinte anos) pretende reducir a enorme débeda da entidade (84 millóns de euros, recoñecidos a finais de 2007, ás que habería que engadir as perdas do primeiro semestre deste ano como consecuencia do fracaso de non acadar o ascenso) en cinco anos e endereitar un barco que vimos á deriva ao longo das dúas últimas tempadas.
É innegable que esta nova situación xurídica supoñerá para o Celta importantes dificultades e propón múltiples dúbidas, na medida que o club terá un estreitísimo marxe de manobra para xestionar a súa (ata agora, nefasta) política deportiva, xa que será controlado por unha instancia xudicial. Isto suporá que o club será xestionado cunha economía meduliana: rebaixaranse as posibilidades de novas fichaxes e ás contías dos salarios de técnicos, directivos e, sobre todo, xogadores. O primeiro efecto da Concursal será, inevitablemente, o dunha importante limpeza no cadro de futbolistas. E iso pode ser moi positivo –como demostra a situación do Sporting de Xixón e do Málaga, que nesta mesma situación pelexarán esta fin de semana polo ascenso–, se axuda a que directivos e seareiros baixemos da nube fachendosa na que estivemos instalados por riba das nosas posibilidades (durante unha década) e recuperemos a identidade de equipo humilde que representa aos laboriosos galegos. Por moito que doa, non podemos seguir vivindo eternamente do soño daquel marabilloso xogo da serpe do Eurcocelta, alicerzado nos mellores tempos de Mostovoi, Karpin e Víctor Fernández. Agora toca volver atravesar, durante algunhas tempadas (cantas?), o deserto da Segunda; o que pode constituír unha magnífica oportunidade para refacer un proxecto futbolístico galego (onde dificilmente lle vexo cabida ao actual director deportivo), baseado nunha combinación axeitada de canteiráns (dende Borja, Roberto Lago, Michu a Iago Aspas) e mozos e veteráns repatriados (dende a fichaxe de Trashorras á cesión de Jonathan Pereira). Toca volver a aquel Celta humilde da nosa nenez (o de Ibarreche, Herminio, Las Heras…). Esta pode ser a derradeira oportunidade para evitar destrozar a memoria de oito décadas de fútbol atlántico.

Actualización (11-06-2008): Claves para entender a aplicación da lei concursal (Faro de Vigo).

Campo do Fragoso LXII

SAN ESTEBAN
A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.

Campo do Fragoso LXI

50 PUNTOS
Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.

Campo do Fragoso LX

RIR OU CHORAR?
Aínda
que os resistentes celestes temos coiro abondo para encaixar unha nova derrota, hai unha coincidencia xeralizada nas bancadas de Balaídos en que o mellor que podemos agardar é que remate canto antes esta tempada nefasta protagonizada por un Celta patético e ridículo, diante do que xa non sabemos se é mellor chorar os sete chorares pola súa falta de alma ou rir a escache pola candorosa inxenuidade dos seus xogadores e o seu cadro técnico. Diante do Málaga, un equipo máis ben simpliño (que, por certo, vai conseguir o ascenso, o que demostra, contra todo o que se di, o accesible desta categoría), repetiuse liña por liña o guión doutras tantas derrotas celestes: poñémonos por diante ao comezo da primeira parte; logo os nosos dianteiros estragan tres ou catro ocasións de gol desas cantadas; e, xa avanzada a segunda, un par de erros defensivos ridículos estragan todas as nosas posibilidades de vitoria. Sucedeu a pasada semana en Tarragona, cando o Celta tiña gañado o encontro no minuto setenta; e volveu a repetirse onte, cando o Celta fixera o máis difícil, adiantarse de chiripa no marcador (grazas a un claro penalti sobre Okkas no minuto vinte e cinco, que transformou Canobbio), tras unha saída atacante moi intensa dos malacitanos que durante o primeiro cuarto de hora non deixaron saír aos nosos da súa área e obrigaron a Esteban a sacar algunha man preciosa cando o balón se precitaba sobre as redes. Co marcador en contra o Málaga quedou grogui ata o descanso, mais os dianteiros celestes, como é adoito no guión dos seus partidos, estragaron tres claras oportunidades para liquidar o encontro. Tras a reanudación, o torpiño adestrador celeste non soubo ler que a incorporación de Sandro no medio do campo (onde, ata entón Michu e Vitolo polo menos gañaban no barullo) supoñía que os malagueños non entregaran o partido. Abondou unha perda de balón infantil de Okkas no medio campo para abrir un amplo corredor que soubo aproveitar Eliseu e, cinco minutos despois, nunha xogada de estratexia o conxunto da defensa céltica agasallou de forma elegante a Ivan Rosado toda a pelota para que os malacitanos levasen o encontro. Diante de semellante e reiterado ridículo, impropio dun conxunto de fútbol profesional, as bancadas divertíronse solicitando a marcha do propietario do club e a presenza do Celta B. Que cren que debemos facer os afeccionados: rir ou chorar?

Estado de desánimo

No artigo da semana fago unha reflexión sobre a crise societaria e empresarial do Celta para que entendo existen apenas dúas sañidas: aplicación da Lei Concursal ou disolución da entidade.

O xogo da serpe

É adoito que os anuncios de Nike sexan moi impactantes. Neste (dous minutos), protagonizado por xogadores como Cecs, Cristiano Ronaldo, Ronaldinho ou Sneijder (entre outros) ofrécese unha visión do fútbol empregando unha cámara subxectiva, dentro e fóra do estadio. Algúns malabarismos pagan a pena. Outra mostra de publicidade impactante.
Vía Julián Gallo.

Febre nas bancadas

Anagrama acaba de lanzar en Panorama de narrativas Fiebre en las gradas, unha nova edición do primeiro libro do meu admirado Nick Hornby, o narrador que mellor escribe de fútbol dos que coñezo. Estas son as memorias dun seareiro do Arsenal, desque o seu pai o levou, con apenas once anos, ao estado de Highbury e comprobou que “o espectáculo en forma de dor era un concepto totalmente novo” para el. O libro é moi divertido e melancólico, aínda que queda un pouco desfasado (publicouse en 1992), cando aínda non chegara ao clube londiniense Arsene Wenger nin contaban no centro do campo co xogo matemático de Cecs Fábregas. Con todo as opinións de Hornby sobre o momento actual do Arsenal poden seguirse dende o seu blog. Recomendo o libro ao meu amigo o editor e escritor Henrique Alvarellos.