Campo do Fragoso CI

NOITE DE FESTA
Foi a do luns pasado un noite de festa en Balaídos, tanto polo resultado avultado como polo enorme golpe de autoridade que para os seus rivais directos (sobre todo para ese Betis agora en devalo) supuxo a vitoria do Celta. Tras catro tempadas sobrevivindo entre lusco e fusco, a luz do equipo noso é cada xornada máis potente e enxerga con nitidez os territorios de primeira. Unha gloria para unha afección moi prudente que aínda expresa a súa ilusión de forma moi contida. A pesar do rotundo catro a cero, enganariamos se pensásemos que foi un partido doado para os nosos. Nin moito menos. Custoulles moito arrincar. Até que David Rodríguez marcou o seu primeiro tanto, coincidindo coa media hora de xogo, o Celta estaba sendo dominado por un Numancia ao que non lle acompañou a fortuna. Os sorianos durante o primeiro cuarto de hora estragaron un xute ao pao de Barkero e un fortísimo pexegazo de Dimas rexeitado polo longueiro. Durante este período o Celta quedara encaixado no seu campo, medroso diante da excelente capacidade combinatoria dun rival que aseñoraba a bola e non tiña outro horizonte que superar a Falcón. “U-los espazos de ataque?”, era a pregunta que se facían os membros da temible segunda liña celeste cando aproveitaron unha bola horfa no medio do campo que De Lucas conduciu a escape ao longo da banda dereita até centrar raso, coa precisión dun deliñante, para que David Rodríguez marcase de punteira. Entón, aquel Numancia do toque paciente e acompasado perdeu de súbito o seu fol e comezou o concerto celeste dirixido por Roberto Trashorras, un futbolista do xogo de billar, capaz de ganduxar de forma discreta xogadas bonitas en calquera espazo da lameira e de achegar o protagonismo que precisan cada un dos seus compañeiros. Da biqueira do xenio de Rábade naceu un contragolpe canónico de tres toques que debería pasar a ser materia de estudo na escola de adestradores: Trashorras envía una bola longuísima, recollida en carreira pola velocidade electrizante de De Lucas e rematada a rede con idéntico ritmo e precisión dende o centro por David Rodríguez. Tras semellante peza, ao concerto celeste incorporáronse outros solistas dunha orquestra que no seu conxunto vibrou de forma moi harmoniosa. Así, Roberto Lago, un lateral que nunca renuncia a ensaiar o caneo e procurar a área rival, tras unha xogada de auténtica fantasía, na que contou co tiraliñas do soberbio De Lucas, conseguiu un dos mellores goles da súa vida. Outrosí sucedeu con Dani Abalo que aproveitou os escasos minutos cos que contou para marcar coa esquerda (a súa perna mala) tras un par de caneos e bicicletas que xebraron a defensa numantina. Diante de semellante derroche de beleza, que nos lembrou algúns daqueles partidos do xogo da serpe de Víctor Fernández de hai unha década, os seareiros de fondo reclamaron a presenza de Papadopoulos na lameira, oportunidade que Herrera non desaproveitou para darlle minutos ao xogador máis incomprendido do cadro. Mágoa que o grego non pechase un gol que semellaba feito cando a bancada se distraía coa onda. Sendo importantes a excelente hora final de xogo e os catro fermosos caroliños (lembramos con saudade a expresión de Derviche), o máis relevante foi a capacidade do equipo de converter a noite nunha festa para os seus seareiros. Nesa comuñón afectiva e nese entusiasmo contaxioso pode estar unha das claves do ascenso.

Campo do Fragoso C

HAI MOITA LIGA

O empate conseguido fronte ao Xerez, case no derradeiro salaio do encontro de onte, na única ocasión clara de gol que tiveron os andaluces en noventa minutos, evidencia que o Celta para acadar o seu obxectivo, unha das dúas prazas de ascenso directo, non pode renunciar en momento ningún a calidade do seu mellor xogo. Tal é a confianza que todos temos neste Celta, que quedamos co mel nos beizos cando dabamos por cantada a terceira vitoria consecutiva sobre outro rival directo, a pesar de que vimos como os nosos realizaron un dos encontros máis discretos dos últimos meses e de que foron dominados durante a maior parte do tempo polo teimudo conxunto xerezano. Un empate decepcionante, tanto para o cadro de xogadores como para os seareiros, mais do que se poden tirar proveitosas leccións para encarar esa segunda volta que debe ser a do ascenso. Primeira lección, o exceso de confianza pode ser o maior inimigo para as nosas aspiracións. Nesta difícil e igualada categoría non se pode perder a intensidade e disciplina en ningún momento de cada partido e en ningún encontro do campionato.  Como onte quedou claro, un despiste, un instante de vacilación ou un momento de melancolía pode ser decisivo. Tras o gol de De Lucas no minuto 32 da primeira parte, froito dese indubidable plus de calidade que posuímos arriba, o Celta cometeu o erro de confiar o resto do partido en xestionar a vantaxe, ben por medio dun contrataque ou ben pola eficacia dalgún dos saques de falta de Trashorras. Un erro de falta de ambición. Segunda lección, só realizando o mellor fútbol poden asegurarse as vitorias (e os ascensos). A excelencia, tamén no fútbol, é o camiño dos gañadores. O empate non se produciu tanto polos méritos do Xerez , como polo feito de que ao Celta sobroulle confianza e, pola contra, faltoulle moito do seu fútbol xenuíno, faltoulle xogo de banda, faltáronlle diagonais e cambios de orientación e, sobre todo, faltáronlle máis da metade desas vinte a trinta chegadas perigosas que ven precisando en cada partido para meter dous ou tres tantos. Coa excepción do gol, durante a primeira parte, os celestes so amosaron auténtico perigo no longueirazo xenial de Trashorras e nun par de combinacións dos seus volantes. Na segunda, o balance aínda foi máis raquítico, apenas outro envío ao longueiro da luva de Trashorras –moi aplaudido pola bancada cando foi substituído– e algunha subida de De Lucas. Onte fracasaron os trocos do adestrador, provocados pola lesión de Roberto Lago e orientados pola estratexia de aguantar a vantaxe. Máis clara, aínda, no derradeiro cuarto de hora cando agasallou a pelota ao rival e confiou na coordinación da súa defensa para deixar aos dianteiros andaluces unha e outra vez en fóra de xogo. Porén, cando o partido estaba pechado e o axudante termaba da táboa do desconto, abondou para noquearnos unha pelota inocente peiteda por Jose Mari para que o perigoso Mario Bermejo lla cazara arteiramente na área pequena a Ortega. Así é todo, a vitoria non se estragou por esta malfada xogada, senón por que onte o Celta non quixo ou non soubo ir con toda a intensidade necesaria polo partido. Esa súa inhibición (agardemos que transitoria), pagouna con este pasiño atrás. Conservamos intactas as nosas esperanzas e a confianza no magnífico traballo de Paco Herrera e do seu cadro. Hai moita liga por diante.

Estas crónicas celestes para Faro de Vigo, iniciadas o 5 de setembro de 2009, chegan ao seu número cen. Aquel Celta-Málaga da tempada 2005-2006 supoñía o regreso do equipo dirixido por Fernando Vazquez a primeira división. Aquela primeira crónica é a única que non foi publicada no blog. Recuperámola hoxe con algunhas saudades:

DEBUT PROMETEDOR

Dous alustros de xenialidade abondaron para intuír que no regreso do inferno da segunda división podemos aspirar a volver gozar do xogo da serpe no Campo do Fragoso. Un xenial esquerdazo de falta indirecta de Gustavo López, a memoria do equipo que nos fixo soñar, e un cacheirón en carreira do batallador Baiano, tras outra subida veloz de Núñez o tiraliñas, chegaron para noquear a un ordenado Málaga. O domingo pasado gozamos máis coas marabillas que intuímos poden chegar no futuro que coa beleza do xogo que presenciamos. Durante a maior parte do encontro, a pesar de manter o debuxo táctico preferido de Fernando Vázquez (en realidade un “4-2-3-1”), e coa excepción do derradeiro cuarto de hora, tras a incorporación de Silva (ollo coa valía deste rapaciño), faltounos case sempre a pelota e o control do tempo de xogo, as dúas variables que fan a un equipo indiscutible gañador. Empregando este esquema, temos moito que mellorar no encaixe do xogo dos medio pivotes –na estrea da tempada, Giovanella e Iriney (botouse en falta a Borja Oubiña)– para proporcionar así maior solidez a defensa (a grande incógnita da eficacia do equipo) e permitir gañar terreo con maior facilidade á creatividade endiañada de Fabián Cannobio. Con todo, non temamos: o debut foi prometedor e o plantel co que contamos semella, coa incorporación de Lequi, moi compensado e de calidade. Neste novo Celta intúese que hai moito talento e alternativas abondas para que os celtistas entoemos en Balaídos adoito a rianxeira. (Celta-Málaga, 5 de setembro de 2005)

Sexto aniversario

A Manuel Rivas, compañeiro de Brétema

Hoxe estas brétemas chegan ao seu sexto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.945 (332 neste sexto ano) e 7.933 comentarios (625 en 2010), o que consolida a tendencia apuntada xa o pasado ano dunha ralentización do ritmo de publicación no blog, ao tempo que un claro incremento da utilización de Twitter (onde xa superamos os 4.500 tuits) e de Facebook, espazos onde agora se está producindo boa parte das interacións e dos debates. No caso noso consolídase a tendencia da transferencia da conversa cara estas redes sociais, manténdose o blog como eixo da nosa identidade dixital. Este ano, Brétemas tivo a honra e a fortuna de ser recoñecido co Premio AELG ao blog literario 2010, o que constituíu para nós unha grande honra pola expresamos a nosa maior gratitude.

Como é adoito, este aniversario –coincidente tamén co sexto de Jaureguizar e Nacho de la Fuente, entrañables compañeiros cos que iniciei en 2005 esta aventura – serve para recuperarmos algunhas das anotacións que foos realizando, xa que unha das funcións do blog é o de servir de arquivo dixital.

Das do inverno, recupero dúas das que facían referencia ao rexeitamento do borrador do decreto de plurilingüismo, «O noso idioma á intemperie», «U-lo consenso? Galego 2025» e unha terceira, «ProLingua, o día despois», que se facía eco da experiencia das 63 presentacións expansivas e simultáneas, organizadas por ProLingua, do libro coordinador por Quique Costas 55 mentiras sobre a lingua galega.

Das anotacións da primavera recupero «Un caligrama: a miña bandeira», unha imaxe preparada en letraset por Agustín Fernández Paz e «Dona Carme, novas versións», ao fío da miña feliz tarde na Casa da Lectura dos meus amigos e maigas de espazo Lectura.

Das anotacións do verán rescato, «Un longo e tortuoso camiño», unha rcomendación entusiasta do magnífico libro de ensaio sobre o BNG de Xosé Ramón Quintana Garrido, e «Galicia, unha xeración perdida?», un artigo en Faro de Vigo no que expresei unha das miñas maiores preocupacións, o fenómeno da emigración da mocidade.

Xa no derradeiro trimestre, coa chegada do outono, o blog devalou polos territorios que lle son máis propios, os da preocupación pola lectura e a mudanza do paradigma do libro e da comunicación cultural. Das numerosas anotacións publicadas neste período sobre o tema recupero «A arte de ler en tempo de crise e mudanza» e «Guardiola e o fomento da lectura».

Como ven sucedendo dende o seu inicio, no blog foron publicándose este ano as crónicas celestes de Campo do Fragoso, ás que só lles falta unha para acadar a súa primeira centena. Entre todas elas escollín «Herrera acertou», na que expresei a miña admiración polo míster que despois de tres tempadas horribles pode devolvernos a primeira cos mellores.

Agradezo o agarimo de todos os lectores e lectoras destas brétemas, que sinto como numerosos e próximos, sexa aquí no blog, por medio dos seus lectores de feeds, por Twitter ou nos enlaces de Facebook; a todos estas persoas expreso as miñas beizóns por interesarse por elas. Se o tempo mo permite e o entusiasmo non me falta, continuaremos con elas explorando o territorio das brétemas de esperanza.

Campo do Fragoso XCIX

GOL MOI DOCE

Daba gloria ver as facianas de ledicia dos seareiros celestes tras o remate do derradeiro encontro deste ano. Tras case catro meses de competición, este Celta cada semana dálle máis folgos as nosas esperanzas e fainos vibrar con maior intensidade na bancada. Non foi doada nin moito menos esta vitoria fronte ao Salamanca, un rival serio que, sobre todo durante a segunda parte, aseñorou o encontro e tivo oportunidades moi claras de bater a Falcón. Cada unha das partes foi para un equipo, a primeira para os de Paco Herrera e a segunda para os charros; aínda que sería máis preciso salientar que cando os conxuntos estiveron igualados mandaron os nosos e cando o Celta estivo en inferioridade numérica mandaron os visitantes. Desta volta aos galegos custoulles case dez minutos fabricar a súa primeira chegada letal, un gol de Quique De Lucas, anulado por dubidoso fóra de xogo, tras unha xogada memorable de Álex López. A partir de aí o noso Messi de Narón, sen dúbida, o mellor xogador sobre a lameira, o mellor celeste da tempada, toleou aos salmantinos cos seus canos, caneos, paredes e xutazos. Esa sociedade de moi alta escola que forman Álex e Trashorras onte durante vinte minutos derrochou as súas esencias e así comezaron a chegarlles oportunidades de pé de banco aos dianteiros celestes que unha e outra vez estragaron David Rodríguez e Quique De Lucas, moi pouco afortunados. Con todo, a ocasión máis xeitosa deste período foi un cabezazo do central Catalá, á saída dun saque de recanto, que detivo na mesma liña o porteiro Biel Ribas, un vello coñecido que repetiu en Balaídos outra magnífica actuación. Cos minutos finais da primeira parte o Celta tivo un baixón de intensidade deitando o partido nese centrocampismo abafante que tanto anoxa aos seus seareiros. Porén, no derradeiro minuto deste período, Roberto Trashorras noutro alustro de xenialidade cruzou un pexegazo que bateu ao gardarredes castelán. O partido puido liquidarse xusto ao comezo da segunda parte, cando David Rodríguez volveu errar, con toda certeza posuído por esa inexplicable síndrome do dianteiro centro diante da porta baleira. A superioridade céltica viuse abaixo un minuto despois cando Ander Murillo, a quen se lle viu un chisco desorientado dende o comezo, foi expulsado por dobre amoestación. A partir de aí o partido complicouse para os nosos unha barbaridade. O traballo desorbitado de Bustos non abondaba, os célticos perderon o control da pelota e devagariño foron pechados diante da súa área. Paco Herrera resolveu retirar a Trashorras do terreo de xogo, substituíndo por Ortega, un central. O adestrador expresaba dese xeito que decidira colocar ao equipo detrás da pelota, defendendo no seu campo e agardando poder aproveitar algún roubo. Foron corenta minutos interminables de defensa meduliana, co equipo todo pechado resintindo os ataques dos helmánticos que puideron marcar en senllos remates á saída de saques de recanto. Nin sequera a saída de Joan Tomás e Dani Abalo aliviou a presión, que só chegou, faltando oito minutos para o remate, cando foi expulsado por tarxeta vermella un dos visitantes. Ensinounos así, este Celta de Paco Herrera que tamén sabe sofrir, que tamén é quen de defender cando non posúe a bola, algo novidoso nun equipo ao que lle gustar sempre aseñorar os partidos de principio a fin. O gol de Trashorras é moi doce, coma o turrón deste Nadal. Unha vitoria traballada que nos deixa apenas a un punto do Raio Vallecano. Este ano 2010 non puido rematar mellor.

Campo do Fragoso XCVIII

VITORIA BAIXO O BALLÓN

Os seareiros que decote acudimos a Balaídos temos razóns abondas esta tempada para estar satisfeitos. A primeira, tras varias tempadas confusas podemos enunciar case sen trabucarnos un once ideal: Falcón, Hugo Mallo, Jonathan Vila, Catalá, Roberto Lago, Bustos, Garai, Álex López, Trashorras, David Rodríguez e Quique De Lucas. Un once ao que se incorporan con plenas garantías de rendemento, Murillo na defensa e Dani Abalo, Iago Aspas e Joán Tomás na dianteira. Un cadro compensado que ofrece alternativas abondas. A segunda, a confianza que transmite o equipo, baseada na súa comprobada capacidade para sacar adiante os partidos de casa, unha actitude férrea, teimosa, intensa que converte Balaídos nese forte dificilmente expugnable co que sempre soñamos os celtistas. Así sucedeu onte fronte ás Palmas, un equipo excelente, un rival directo desa difícil liga dos escollidos, os conxuntos que durante a segunda volta pelexarán a morte polos postos de ascenso e promoción. A pesar da forte ventada e dos ballóns intermitentes, o Celta non perdeu os seus sinais de identidade. O noso cadro de gala tivo que traballar arreo, sobre todo no eido defensivo, para conseguir finalmente unha vitoria cómoda fronte a un equipo que amosou capacidade de despregue polas bandas e unha envexable capacidade de toque. A diferenza de xornadas anteriores, ao Celta custoulle un cuarto de hora aseñorar o partido, xa que até entón os canarios foron os que levaron a iniciativa, obrigando aos nosos a xogar á contra. Deste xeito chegou o primeiro gol, nunha apertura conducida por Álex López que distribuíu á banda dereita para que De Lucas centrase e o pobre do Aythami, moi ben presionado por David Rodríguez, introducise de forma involuntaria o coiro dentro da súa portaría. A partir de aí, comezou a funcionar a máquina celeste, alimentada polos balóns do valadar Bustos e conducida con enorme precisión e velocidade por ese nova pérola galega chamada Álex López, un medio de ataque da mellor escola ferrolá, aquela dos Manuel Fernández Amado, Juan ou Santiago Castro da nosa mocidade, que deixaron unha inesquecible pegada na nosa memoria. Durante media hora, o Celta desenvolveu unha decena de perigosas chegadas, algunhas de fermosa fasquía. David rematou un chisquiño desviado nun par de ocasións; Trashorras ofreceu unha desas súas marabillas de complicado deseño que o porteiro canario evitou cun paradón in extremis; Álex enviou varios pexegazos contundentes por riba do longueiro e David De Lucas deixou dous balóns a moi poucos centímetros da rede. Oportunidades celestes que nos minutos finais da primeira parte foron moi ben respondidas polos canarios que tamén puideron marcar. O partido continuou vibrante e con alternativas en ambas as dúas portas ao longo da metade da segunda parte, na que os visitantes intensificaron o seu control da pelota, mentres que o Celta só podía ameazar con algunha chegada esporádica. No derradeiro treito do partido, os trocos de Herrera volveron ser moi acertados. As entradas de tres dianteiros –Abalo, Aspas e Tomás– foron decisivas para situar o xogo no campo canario e ampliar o marcador. O segundo tanto chegou cando faltaban apenas tres minutos. Joan Tomás enviou ás mallas un xutazo, tras unha combinación de auténtico luxo entre Trashorras, Aspas e Abalo. Un golazo! A pesar de que nin Rayo nin o Betis desisten, as nosas esperanzas de ascenso aumentan.

Campo do Fragoso XCVII

HERRERA ACERTOU

Despois de cinco xornadas consecutivas sen gañar, o Celta despexou calquera tipo de dúbidas da bancada e dos rivais obtendo unha clara e merecida vitoria fronte o Albacete, un equipo que até agora nunca saíra vencido nas súas visitas a Balaídos. Semella que por un descoñecido fado os fortes ventos deste novembro das borrascas non lle foran propicios ao conxunto de Herrera que sen perder a calidade no seu xogo, comezaba, porén, a correr o perigo de quedar curtado desa tan difícil competencia polos dous postos de ascenso directo, as únicas posicións nas que os seareiros situamos as súas angueiras. Onte, abofé, que traballaron arreo e non decepcionaron. Como é adoito, a saída celeste foi electrizante. Aos dous minutos, xa estaban por diante grazas a un magnífico roubo de balón de Murillo que permitiu a David, tras un caneo seco, superar ao seu marcador e cruzar un xute que batía ao gardarredes manchego. O gol temperán do noso pichichi, que levaba seis xornadas sen mollar, deulle azos ao Celta. Durante trinta e cinco minutos amosouse moi superior a un rival que durante ese tempo apenas chegou nunha ocasión; os célticos, pola contra, fabricaron unha decena de ocasións que, mágoa, non foron recompensadas polo froito devecido do gol. O Celta, ben colocado, ben dirixido dende o centro da defensa por Jonathan Vila e Catalá, presionaba con intensidade solidaria no medio campo do rival, provocando en cada anticipación de Bustos ou Murillo que os dianteiros elaborasen chegadas con moita pementa. Así chegou a súa serie habitual de goles cantados: un globo de De Lucas e outro seu xutazo que non entrou por centímetros, como esoutros pexegazos de Álex que Keylor despexou a puñadas. Eis, o grande acerto deste Celta capaz de provocar nas primeiras medias horas unha auténtica ventoleira de oportunidades. Eis, tamén, o seu maior problema, a súa incapacidade para ampliar o marcador con claridade durante ese período de fortaleza, o que sempre o leva a meterse en dificultades moi serias. Onte chegaron da man do colexiado balear que no minuto 38 asubiou un penalti existente só no maxín do seu despistado xuíz de liña. Abengozar transformouno con dificultades (Falcón estivo a piques de deterllo) e celebrouno con insólita e antideportiva chulería, o que provocou a indignación da bancada e, o que foi peor, desconcentrou aos de Herrera abatidos por semellante inxustiza. Tras a reanudación, semellaba que se ía repetir o guión do partido do Betis, xa que o Albacete comezaba a perderlle totalmente o respecto aos nosos que comezaron, tamén, a dar mostras de febleza defensiva. Aí estivo a clave do partido. Herrera fixo tres trocos ne nove minutos, modificando o debuxo táctico. Colocou tres centrais na defensa, subiu a Álex López ao mediopivote e abriu a dianteira polos extremos coa entrada no lameira de Aspas e Abalo. En vinte e cinco minutos o Celta deulle a volta ao carpín con facilidade. Así chegaron dous goles extraordinarios, primeiro o de Joan Tomas tras un centro de David; logo, unha obra de arte fabricada polos caneos de Aspas que soubo centrar no momento oportuno para que Trashorras golease de cabeza. Non hai dúbida que Paco Herrera acertou, os seus trocos foron o bálsamo que precisaba un equipo cando estaba máis dolorido. Parabéns para o míster.

Guardiola e o fomento da lectura

No artigo da semana, ao fío da entrega do premio Atlántida a Josep Guardiola e a celebración esta semana do Simposio da AGE, volvo sobre a necesidade de repensar as políticas de fomento da lectura.

A pasada semana representei aos editores galegos en “La nit de l’edició”, a cita na que o Gremio de Editores de Catalunya entrega os premios Atlántida que recoñecen anualmente a persoas e medios de comunicación polo seu labor no fomento da lectura. O premio especial desta edición correspondeu ao señor Josep Guardiola, o adestrador do F.C. Barcelona, a quen deste xeito se lle abeizoa a súa contribución na promoción da lectura. A amizade de Josep Guardiola co cantante Lluis Llach e co poeta Miquel Marti i Pol, un grande barcelonista que lle dedicou a súa derradeira obra, o Llibre de les solituds, constitúe un feito moi coñecido na sociedade catalá que, porén, apenas pasou ás páxinas deportivas dos xornais do resto do estado.

A figura dunha icona deportiva como a de Guardiola, o adestrador de fútbol profesional co mellor palmarés do continente, asociada á lectura e ao mundo dos libro desmitifica tanto os tópicos asociados co deporte como coa lectura, actividades presentados tantas veces como afastadas, cando non abertamente incompatibles. Hai futbolistas e futboleiros amantes da lectura nos máis diversos xéneros e soportes, como hai escritores e xentes vencelladas ás industrias culturais amantes do fútbol sexa como practicantes, seareiros ou espectadores máis ou menos ocasionais. Un feito asumido dende hai tempo no Reino Unido, a sociedade onde mellor funciona esa feliz converxencia entre fútbol e lectura. Alí non é infrecuente que os clubes da Premiere Leage teñan asociado cadanseu clube de lectura ou se recoñeza cada mes na súa web oficial ao lector máis destacado do seu cadro de xogadores. Como tampouco é lenda urbana que narradores do prestixio de Nick Hornby acrediten nas lapelas das súas novelas dentro da súa formación, xunto aos seus estudos en Cambridge, a súa presenza dende a infancia no estadio de Highbury do Arsenal de Wenger e Cecs Fábregas.

Os editores cataláns abeizoando a Guardiola envían unha mensaxe coa que pretenden ampliar a sociedade lectora. Un feito máis significativo, cando se está desenvolvendo unha transformación profunda do xeito de ler e acceder á información textual. Xa non se pode definir o libro só como un obxecto físico; libro tamén é un texto longo que se ofrece en formato dixital. O libro é hogano un artefacto temporal definido polo tempo que lle dedicamos a súa lectura. Eis a cerna da nova definición do libro, onde a lectura –unha actividade individual que para os psicólogos da aprendizaxe presenta patróns cognitivos diferenciados en función dos soportes de acceso– adquire unha centralidade inédita como práctica cívica saudable e necesaria para a convivencia. Un modelo, ademais, que despraza o eixo dende a triade tradicional analóxico-formativo-cultural cara aos mercados de consumo onde compite con outros produtos de lecer dixital.

No entanto, o lector actual vive coa sensación de estar desbordado pola cantidade de textos dispoñibles (tanto nas mesas das librarías como en Internet) e indefenso diante da dificultade de atopar información valiosa entre tantos textos, algúns efémeros e inútiles. Para evitar os perigos de semellante diabete textual precísase de lectores moi ben formados, armados de lentes críticas que separen o gran da palla, que saiban identificar a melodía entre tanto ruído. O lector para iso precisa de ferramentas de intermediación que o axuden a orientarse nas súas escollas e doutros lectores cos que participar nunha conversa compartida.

Para o fomento da lectura hoxe son esenciais estratexias da educación lenta na abordaxe escolar da lectura e da alfabetización informacional; o papel das bibliotecas públicas como portos seguros (en afortunada expresión acuñada por Javier Celaya) que orientan a deriva que cada un dos lectores escolle, así como a participación activa en redes sociais e especializadas en lectura (como é o caso de www.redelibros.com , presentada esta semana en Vigo) para alongar a conversa provocada polos textos.

As políticas tradicionaias de fomento de lectura deben ser repensadas. Non abonda con chamamentos publicitarios a prol da lectura, nin coa realización de actividades literarias decontextualizadas. O momento actual de crise require unha activación estratéxica e transversal das políticas de fomento da lectura, concibidas como eixo das políticas culturais, educativas e de acceso á sociedade da información. Nese contexto debemos entender a iniciativa mediática dos editores cataláns de recoñecer a actitude prolectora de Guardiola; nesa mesma tea técese o simposio internacional de expertos sobre o fomento da lectura que se celebrará esta semana en Santiago, organizado pola Asociación Galega de Editores, no que se pretende explorar esta nova fronteira para o libro.

Campo do Fragoso XCVI

O CELTA NON CEDE

Unha hora e cuarto de xogo case marabilloso non lle abondou ao Celta para dobregar ao Betis, o actual líder. Os de Paco Herrera realizaron un gran partido, impoñendo un ritmo moi intenso de ataque e unha disciplina nas axudas defensivas que lles proporcionou unha clara superioridade en todos os terreos e un elevado número de ocasións. Nese período contamos até catro deses goles feitos, cinco bos remates celestes e outra media ducia de bólas entre os tres paos, que puideron provocar un enorme furado na meta de Goitia. Porén de todos eles, só subiu ao marcador o tanto de Álex López, un xutazo moi preciso, dende a banda dereita, tras un servizo cara atrás que recibiu de Hugo Mallo, quen antes roubara e subira o coiro até a liña de fondo. Unha combinación excelente, pasada a media hora de encontro, entre dous dos nosos canteiráns con maior proxección; unha xogada fermosa de dous xogadores que perderon a inocencia e calquera tipo de medo. A volta ao cadro inicial de De Lucas volveu ser decisiva. A verticalidade de vertixe que introduce o dianteiro de L´Hospitalet é incrible. Aínda non trascorreran dous minutos e xa estragara no segundo decisivo un tiraliñas interior debuxado por Trashorras, acción que agradecía a bancada cos seus primeiros apupos. Tres minutos despois, foi Murillo que non soubo pechar de cabeza o centro do catalán. Nestes minutos iniciais navegaba seguro o Celta sobre a lameira famento de gol, grazas, sobre todo, ao labor dese valadar chamado Bustos, un xogador incansable e inmenso que recuperaba unha e outra vez o coiro devolvéndollo con premura a Trashorras e Álex para que os nosos artistas comezasen unha nova acometida. Porén, semellante intensidade foi paralizada de súbito pola “síndrome do colexiado afouto” do estremeño Ceballos Silva, quen non sinalou dous penaltis consecutivos, deses coma unha casa, que se produciron na área bética. A pesar das erradas decisións arbitrais e das provocacións de Iriney, un vello coñecido de noso, o Celta non perdeu o control diante dun rival que confiaba todo o seu escaso xogo ofensivo no talento dun Emaná que chegou a subir as pelotas dende a altura da súa propia área. Tras unha primeira parte tan completa, na reanudación o Celta non perdeu ao mando. David Rodríguez puido marcar en senllos remates moi ben dirixidos. Con todo a mellor ocasión de liquidar ao partido estivo no xutazo que Trashorras enviou ao pao, tras o desborde dun Dani Abalo que acaba de substituír a De Lucas. Corría o minuto 71 e o sistema de fútbol solidario do Celta, baseado nunha complexa estrutura de axudas, comezaba daquela a esborrallarse. O equipo noso desordenouse e perdeu consistencia. Por vez primeira, a tendencia do partido mudaba. O gol bético víase vir. E, magoadamente, non tardou en chegar: Rubén Castro plantouse na área pequena tras unha combinación con Salva, na única ocasión na que os nosos centrais non estiveron ao seu máximo nivel de concentración. Unha mágoa. A pesar do insuficiente e inxusto que poida parecer este cuarto empate consecutivo, despois deste formidable partido co Betis, o Celta non cede e presenta a súa firme candidatura ao ascenso automático. Polo calidade do xogo desenvolvido nesta primeira cuarta parte da tempada é un obxectivo que está ao alcance da súa man.