Campo do Fragoso CIII

ATOADO
Un Celta atoado perdeu diante do Huesca, un equipo moi barulleiro que aproveitou o despiste que no minuto dous cometeu un desafortunado Falcón, tras un remate de Roberto ao pao. Dende entón, os oscenses defenderon o valioso caroliño pechando os espazos aos nosos con doses elevadas de anticipación, moita paciencia, leña abonda e, cando cadraba, do desesperante e antideportivo conto dos seus xogadores magoados. A derrota celeste supón un paso atrás, unha pequena decepción para bancada, mais que, porén devolve á crúa realidade a aqueles apresurados que co liderado no peto xa comezaban a celebrar con euforia desaforada o ascenso. Non. Como quedou ben demostrado na noitiña de onte diante do equipo do teatreiro Onésimo, nesta competición queda moito fío por desennobelar e os nosos non teñen, aínda, asegurado ningún dos postos de privilexiado. Con todo, non resulta doado explicar as razóns desta derrota diante dun conxunto, até agora con escasas aspiracións, que por riba se presentaba en Balaídos con media ducia de baixas. A triste arbitraxe de Jorge Valdés, que se descomprometeu do que sucedeu en dúas ocasións na área oscense, non abonda para xustificar o resultado. Nin tampouco a extraordinaria actuación de Andrés Fernández, sen dúbida, o mellor porteiro que vimos aquí esta tempada, capaz de mandar sobre a súa defensa con enorme autoridade, dominar o xogo aéreo e facer unha cantas pombiñas que o fixeron inexpugnable para o xutes de Quique de Lucas. Entendo que a clave residiu no erro de Paco Herrera de modificar a composición do centro do campo. O Celta onte tivo moitas saudades da sobriedade de López Garai, ese xogador invisible que tece o sistema de axudas e apoios da rede celeste, que permite aliviar os automatismos do xogo defensivo e facilita as anticipacións tan características de Bustos. Pola contra, a entrada de Michu como pivote descompuxo o xogo memorizado dos nosos, quizais por que o asturiano non está cómodo nun espazo que precisa de máis toque e velocidade cas que posúe nas súas biqueiras. Durante a primeira parte, o Celta foi un equipo sen xeito ningún, sen ideas, sen capacidade de xerar perigo, lentísimo, atoado, collido nas gadoupas que os oscenses –sempre no límite do moito que permitía o colexiado– lles foron tecendo. Por riba, só De Lucas era capaz de chegar con perigo, dispuxo de dous goles feitos que impediron os paos, mentres que David Rodríguez tivo unha noite nefasta, desaproveitando unha extraordinaria oportunidade que non soubo resolver só diante do porteiro. No comezo da segunda parte, semellaba que as cousas podían mellorar, sobre todo, cando Álex colleu o pivote e entrou Iago Aspas. Foi un espellismo. Os defensas oscenses tapiaron os espazos entre liñas celestes. Os nosos dianteiros apenas tiveron oportunidades. Nin sequera a saída de Dani Abalo conseguiu abrir unha fenda pola banda. Os oscenses coas súas perdas constantes de tempo conseguiron facer tolear aos célticos. A piques de finalizar, co Celta xa á desesperada, o Huesca pechou o partido cun segundo gol. Non deixa de ser curioso que, entón, co partido perdido, nos minutos de desconto, o Celta desenvolvese o seu mellor xogo e mesmo David marcase o gol que a fortuna até entón lle negara. De tan dolorosa, coma xusta derrota, algunha lección debe tirar Herrera. Cando un equipo está enrachado, como estivo o “Celta ideal” durante os meses de xaneiro e febreiro, non convén facerlle moitas mudanzas.