Campo do Fragoso CV

FOCHANCA

Non é doado explicar as razóns desta cuarta derrota consecutiva do Celta en Balaídos, nin a xeira tan negativa que arrastra nos dous últimos meses no que apenas obtivo dous puntos de vinte un posibles. Comprendo que diante da impotencia que provoca comprobar como se derruba o noso equipo, coa mesma facilidade dun castelo de naipes, o máis doado sexa culpar aos arbitros e a federación de tan vergonzosos resultados. Mais a pesar de que as arbitraxes moi poucas veces se teñan equivocado a prol dos nosos, enganaríamos moito se cremos que nesta escasa fortuna cos colexiados reside a actual gravísima carencia de competitividade do equipo de Herrera. As razóns desta fochanca de resultados e, sobre todo, de xogo do noso equipo ten moito máis que ver coa errada planificación da tempada, coa insatisfactoria confección do propio cadro de xogadores e coa escasa capacidade do adestrador para introducir variantes no seu esquema. Tras unha formidable primeira volta, o Celta chegou ao treito decisivo da tempada, cos seus xogadores de ataque fóra de punto, uns física e mentalmente agotados, outros descomprometidos para ofrecer un esforzo suplementario cando é máis necesario. O cadro de xogadores quedou moi curto, como demostra que as lesións de Mallo e Vila descompuxeron unha defensa que até entón funcionara como a liña máis estable do equipo. E por riba, dende o banco, Herrera tampouco está sendo capaz de achegar solucións alternativas para un esquema que antes funcionaba e que agora todos os rivais coñecen e superan con asombrosa facilidade. Non podemos atribuír o resultado fronte ao Valladolid á arbitraxe, xa que os penaltis reclamados pola bancada foron máis que dubidosos. A derrota explícase pola incapacidade do Celta para controlar o partido, xa que apenas levou o leme durante os cinco minutos de fulgor cos que iniciou a segunda parte e nos que De Lucas marcou o gol, no tipo de xogada que mellor funciona nos celestes: subida pola banda e pase interior de David e remate directo en carreira do catalán. Un espellismo que apenas durou uns minutos, até que volveron marcar os visitantes coa mesma facilidade da primeira parte na que case fixeron desaparecer da lameira calquera iniciativa celeste. Os de Pucela aseñoraron a pracer todo o partido, que se xogou a maior parte do tempo no campo celeste, acadando un marcador que se quedou curto para as súas oportunidades, grazas ás intervencións de Falcón, o mellor dos nosos. De nada serviron os trocos de Herrera, previsibles e fóra de tempo. O que lle sucede a esta Celta chámase inmadurez competitiva, unha grave doenza de conformismo, caracterizada pola ausencia das doses suficientes de intensidade e creatividade para desenvolver o xogo dun equipo gañador. Non se pode pretenden subir a primeira división xogando a maior parte do tempo dos partidos decisivos no propio campo; non se pode pretender que che asubíen un penalti ou sequera algún saque de recanto, se non es quen de arrecunchar ao rival durante uns minutos na súa propia área; non se pode controlar o partido, se non se impide, sequera algunha vez, a saída de balón dende a defensa do equipo rival. Máis alá do discurso vitimista das arbitraxes amañadas ou daqueloutro que atribúe as derrotas á inexplicable mala sorte, se pretende participar no play-off de ascenso, o mínimo obxectivo esixible, este Celta ten que mellorar moito, moito a competitividade do seu xogo. É o único xeito posible de sacar ao equipo da fochanca na que quedou encallado.

1 comentario
  1. Leiro
    Leiro Dice:

    Non ten bo a pinta o celtiña.
    Fai dous meses ían vostedes subir e nós teríamos que xogar contra o Turista en Barreiro. Agora non suben nin de coña e Valerón mudou en Maradona. Talvez se todos fosen máis comedidos (non falo deste blogue, sempre respetouso, pero si doutros moitos).
    Non ven a conto pero teño curiosidade por saber se leu hoxe a Villar na Voz. Paréceme formidable. http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2011/04/10/0003_201104G10P20992.htm.
    Ainda non me esplico como deixou Xerais escapar a ese rapaz.

Los comentarios están desactivados.